Do ano da biodiversidade ó ano dos bosques

31 Decembro 2010

 
Logo do Ano Internacional da BiodiversidadeO ano que remata foi declarado por Nacións Unidas como o Ano Internacional da Biodiversidade, co obxectivo de animar ás organizacións, institucións, empresas e individuos a realizar accións directas para frear a perda constante de biodiversidade que se está a producir en todo o planeta.

Logo do Ano Internacional dos BosquesNacións Unidas ven de declarar o 2011 Ano Internacional dos Bosques. O propósito, neste caso, é centrar a atención na xestión sostible dos bosques, na súa conservación e no desenvolvemento sostible en todo tipo de bosques que existen no planeta.

A conservación da biodiversidade e a protección dos bosques están intimamente ligadas. Os primeiros pasos de Fragas do Mandeo, a cabalo dos anos 2010 e 2011, van nesa liña. Se pensamos globalmente e queremos actuar localmente, temos que avanzar na custodia dos espazos naturais da nosa bisbarra, das fragas e dos ríos, da costa e do mar. Deste xeito preservaremos os hábitats e a biodiversidade para as xeracións presentes e as futuras.

Feliz noitevella e próspero ano novo.


Fragas do Mandeo xa é de interese público

24 Novembro 2010

 
Logo do Diario Oficial de GaliciaO Diario Oficial de Galicia de hoxe, día 24 de novembro, publica a Resolución do 15 de novembro de 2010 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fragas do Mandeo.

Tal como anticipamos, esta cualificación de entidade de interese galego, e por conseguinte público, ten como consecuencia o estímulo das doazóns a Fragas do Mandeo, pois os particulares poderán deducir até o 25% do importe na declaración da renda, e até o 35% no caso das empresas.

A publicación desta orde pon fin ós trámites de constitución. Xa que logo, a partir de hoxe poderemos dedicarnos totalmente a dar a coñecer os fins da entidade e promove-las doazóns que permitan merca-las fincas de interese ambiental que xa temos localizadas na bisbarra.


Mesa redonda sobre a custodia do territorio

24 Novembro 2010

 
Próximo venres día 26, 20:30 horas, no local do Grupo Naturalista Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo, A Coruña)

Dentro do ciclo de charlas e conferencias organizadas polo Grupo Naturalista Hábitat baixo o nome de Encontros naturalistas, Fragas do Mandeo foi invitada a participar o próximo venres nunha mesa redonda que debaterá sobre a custodia do territorio.

Nos acompañarán Óscar Rivas, da Asociación Numenius, e Martiño Cabana e Roberto Hermida, da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).

Aparte de permitirnos presentar a nosa iniciativa, cada participante dará a súa visión da situación actual da custodia do territorio en Galicia, a AGCT comentará os seus proxectos e se analizarán as posibilidades que ofrece o Bantegal para a custodia. Nunha segunda parte abrirase a rolda de participación dos asistentes.


Primeira aparición na prensa

14 Novembro 2010

 
Logo do diario “La Opinión”A edición coruñesa do diario La Opinión publica hoxe unha reportaxe acerca de Fragas do Mandeo, froito dunha entrevista telefónica realizada hai días.

Co título As Mariñas se une a la custodia del territorio, recolle as motivacións que levaron á súa creación e os fins que persegue, explicando ó lector a natureza da entidade e os primeiros pasos que estamos a dar.

Ésta é a nosa primeira reportaxe na prensa, tras coñece-la advertida xornalista da nosa existencia no Diario Oficial de Galicia.


Fragas do Mandeo, de interese para o medio natural

8 Novembro 2010

  Logo do Diario Oficial de Galicia

No Diario Oficial de Galicia de hoxe, día 8 de novembro, aparece publicada a Orde do 27 de outubro de 2010 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Mandeo.

Segundo esta orde asinada polo conselleiro de Presidencia, “se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego” e, polo tanto, procédese a “clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Mandeo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural”.

Ademais da importancia que ten o recoñecemento oficial, esta cualificación de entidade de interese para a defensa do medio natural de Galicia é un paso máis na consecución da súa declaración como entidade de interese galego.

Esa declaración significará un estímulo para as doazóns a Fragas do Mandeo, pois poderase deducir até o 25% do importe na declaración da renda no caso dos particulares, e até o 35% no caso das empresas. Para máis detalles, podes consulta-la Ley 49/2002 de régimen fiscal de las entidades sin fines lucrativos y de los incentivos fiscales al mecenazgo ou ó teu asesor fiscal.

Con isto entran na recta final os trámites de constitución. Agora empeza o tempo de centrarmos na difusión da entidade e da custodia do territorio como instrumento para a conservación da biodiversidade na bisbarra de As Mariñas.


Nova versión da web

6 Outubro 2010

 
Rematados os trámites administrativos de constitución de Fragas do Mandeo e á espera de que a declaración como entidade de interese galego sexa publicada no Diario Oficial de Galicia, estamos a traballar intensamente na web.

Imaxe da versión 2 da web de Fragas do MandeoHoxe publicamos a segunda versión, tres meses despois da primeira. A súa principal novidade é o soporte de varios idiomas. Cando un usuario accede á web atopará a versión en galego, pero poderá escoller outro idioma. Tódolos contidos están xa traducidos ó castelán. As traducións ó inglés e alemán irán sendo incorporadas segundo vaian rematándoas os voluntarios encargados delas.

Tamén amplíase con novos contidos. A sección Hábitats recollerá pouco a pouco toda a información interesante sobre a flora, fauna e xeoloxía de As Mariñas. Na sección Misión engadíronse varias páxinas máis que explican o noso traballo e as campañas que estamos facendo.

De momento apenas hai fotografías e ilustracións, pero iranse inserindo nas vindeiras semanas.

Tecnicamente o cambio é notable, tendo levado moitas horas de programación e de redacción de contidos. Grazas ó esforzo altruísta do voluntariado, todas estas melloras non tiveron custe algún para Fragas do Mandeo.

Esperamos a túa colaboración para ila completando.


Dona, a nosa mascota

5 Outubro 2010

 
Naceu o día 5 de xullo, véspera da constitución da nosa entidade de custodia, preto do río Mandeo, en Aranga, onde viven os seus pais. Hoxe cumpre os tres primeiros meses de vida.

Fotografía de DonaRecibiu o nome de Dona, que en galego, aparte do tratamento de respecto, é o termo para referirse a seres fantásticos femininos. Segundo ás crenzas populares, as donas eran mulleres fermosas e boas, dotadas de poderes máxicos, que habitaban as mámoas, penedos, fontes, castros e ruínas. En lingua celta significaba “valente condutora do seu pobo”. Por último, en castelán é o que propoñemos a tódolos colaborares de Fragas do Mandeo para avanzar na protección dos nosos espazos naturais.

A nai é unha cadela de raza pastor alemán, sendo o pai un boyero de Berna. Ámbolos dous proxenitores son animais fieis e intelixentes, como corresponde ás razas de cans pastores de ovellas, no caso da nai, e de vacas, no caso do pai.

Xa visitou ó veterinario para ser desparasitada, vacinada e inserirlle o microchip, que a identificará de por vida.

Nas primeiras semanas amosouse confiada e esperta, percorrendo toda a finca na que vive. Coma é habitual nos cachorros, todo lle chama a atención, sen parar de xogar e de trabar, esnaquizando todo o que colle.

A pesar da súa vitalidade, está a medrar a un ritmo de dous quilos por semana. Aprende rapidamente e xa sabe sentarse cando debe. Agora está aprendendo a comportarse cando vai da cadea e afacéndose ó balbordo das vilas.


Presentación en Lar de Unta

4 Setembro 2010

 
Onte, venres 3 de setembro, ás 8:30 horas, presentamos Fragas do Mandeo no local da Asociación Cultural Lar de Unta. Estaba invitado un pequeno grupo de asociacións da bisbarra que xa tiñan coñecemento da nova entidade de custodia do territorio. Explica-los nosos obxectivos estaba a ser unha necesidade ante as preguntas e o interese espertado nos socios.

Logo da asociación cultural Lar de UntaLeo Antelo, presidente da asociación anfitriona, presentou ós membros do padroado. Trala lectura pola nosa parte dunhas palabras nas que se expresaba a necesidade e conveniencia dunha entidade de custodia local, deuse paso ás preguntas dos asistentes e a amosa-los avances na elaboración da nova versión da web.

Esperamos poder presentar proximamente Fragas do Mandeo a un público más amplo nun acto que vaia acompañado de actividades, tales como proxeccións de fotografías e vídeos da natureza nas ribeiras do río Mandeo.


Xa temos logo

10 Agosto 2010

 
No último par de meses estivemos a deseña-lo logo de Fragas do Mandeo. O autor é Carlos Silvar, vicepresidente do padroado, que sufriu os comentarios dos diversos colaboradores e foi aplicando con mestría as suxestións que se lle fixeron.

Buscabamos unha imaxe que xunguira a idea do río e do bosque. Os primeiros bosquexos baseáronse en imaxes de árbores e auga correndo, pero, sendo un tema moi recorrido, os resultados eran próximos ós doutras entidades ou empresas.

Logo de Fragas do MandeoTras máis de vinte propostas, no deseño final optouse por dous símbolos da vida nas ribeiras dos ríos: un cabaliño do diaño pousado na folla dun ameneiro. Esta árbore é unha das máis frecuentes nos nosos ríos, compoñendo a base dun hábitat prioritario. Actualmente está a pasar malos tempos por culpa dunha enfermidade causada por un fungo.

Os cabaliños do diaño, xunto coas libeliñas, forman a familia dos odonatos. Son insectos que na súa fase larval viven na auga, pasando desapercibidos. Cando se metamorfosean en adultos transfórmanse en bonitos insectos voadores que frecuentan as beiras dos ríos e regatos. Os cabaliños do diaño diferéncianse das libeliñas en que son máis pequenos e poñen as alas en posición vertical cando descansan; as segundas son máis grandes e colócanas horizontalmente.

Para o texto escolleuse unha tipografía entre máis dun milleiro de tipos de uso libre. Deste xeito, tanto o logo como o anagrama non tiveron custe algún para Fragas do Mandeo.


Nace Fragas do Mandeo

6 Xullo 2010

 
No día de hoxe foi asinada a escritura pública de constitución de Fragas do Mandeo, dando fe do acto o notario D. Luis Muíño. Nace a nova entidade como organización non lucrativa (ONL) e non gobernamental (ONG) de carácter fundacional, tendo como obxectivo a realización de actividades de custodia do territorio con fins de conservación da natureza no entorno da comarca coruñesa de As Mariñas (Galicia, España).

Fotografía do padroado de Fragas do Mandeo asinando as escrituras de constitución ante o notario D. Luis Muíño

Inícianse deste xeito os trámites para a súa constitución e rexistro como entidade de interese galego ante a Xunta de Galicia.

A dotación de partida son dúas fincas valoradas en 27.595 euros e un montante económico de 3.000 euros.

Para coñecer máis detalles, descargue o documento Estatutos de Fragas do Mandeo ou consulte a sección Misión, onde atopará información sobre os nosos obxectivos e as posibilidades que ofrece a custodia do territorio como instrumento para a conservación da natureza.

Fotografía de Carlos Silvar, o notario D. Luis Muíño, Fernando Bandín e Antón Vázquez tras asina-las escrituras de constitución de Fragas do Mandeo

© Fotos Álvaro F. Polo


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).