Xa temos logo

10 Agosto 2010

 
No último par de meses estivemos a deseña-lo logo de Fragas do Mandeo. O autor é Carlos Silvar, vicepresidente do padroado, que sufriu os comentarios dos diversos colaboradores e foi aplicando con mestría as suxestións que se lle fixeron.

Buscabamos unha imaxe que xunguira a idea do río e do bosque. Os primeiros bosquexos baseáronse en imaxes de árbores e auga correndo, pero, sendo un tema moi recorrido, os resultados eran próximos ós doutras entidades ou empresas.

Logo de Fragas do MandeoTras máis de vinte propostas, no deseño final optouse por dous símbolos da vida nas ribeiras dos ríos: un cabaliño do diaño pousado na folla dun ameneiro. Esta árbore é unha das máis frecuentes nos nosos ríos, compoñendo a base dun hábitat prioritario. Actualmente está a pasar malos tempos por culpa dunha enfermidade causada por un fungo.

Os cabaliños do diaño, xunto coas libeliñas, forman a familia dos odonatos. Son insectos que na súa fase larval viven na auga, pasando desapercibidos. Cando se metamorfosean en adultos transfórmanse en bonitos insectos voadores que frecuentan as beiras dos ríos e regatos. Os cabaliños do diaño diferéncianse das libeliñas en que son máis pequenos e poñen as alas en posición vertical cando descansan; as segundas son máis grandes e colócanas horizontalmente.

Para o texto escolleuse unha tipografía entre máis dun milleiro de tipos de uso libre. Deste xeito, tanto o logo como o anagrama non tiveron custe algún para Fragas do Mandeo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).