A garza pequena, nova especia na ría

29 Maio 2011

 
Fotografía de garza pequena (Ixobrychus minutus)Hoxe domingo, pola mañá, tres voluntarios de Fragas do Mandeo observaron con gran satisfacción unha garza pequena na ría de Betanzos. Non era para menos, pois é a primeira observación da especie neste espazo protexido da que teñamos constancia.

A baixamar foi a primeira hora da mañá, polo que a garza pequena tivo que abandona-lo refuxio das canaveiras de A Cangrexeira e achegarse ó borde da auga para pescar. Co seu lento movemento e a súa fermosa plumaxe ocre clara, pasa totalmente desapercibida entre o carrizo, do que raramente sae. Na orela ía dando pasos medidos como un felino, deténdose a cada rato para posar á maneira dunha estatua, sen deixar de escruta-la auga. De repente lanzaba o peteiro como un arpón contra algún peixiño: normalmente non fallaba. O día soleado, o lugar aberto onde se atopaba e o longo tempo que se deixou ver fixeron da observación un lecer.

A garza pequena (Ixobrychus minutus) recibe o seu nome por ser a menor das especies que compoñen a familia das ardeidas en Galicia. A diferenza das garzas e garzotas, facilmente visibles, a garza pequena é moi difícil de localizar, tanto polas características do seu hábitat coma polos seus hábitos discretos, cor críptica e actividade principalmente crepuscular. Aínda que ten unha ampla distribución mundial, non é abondosa e parece ser que vai a menos. No caso de Galicia, estímase que a súa poboación reprodutora non supera as dúas ducias de parellas, polo que é moi importante conserva-las masas de vexetación acuática e non molestala deliberadamente.

Fotografía de garza pequena (Ixobrychus minutus)Practicamente tódolos fins de semana, voluntarios de Fragas do Mandeo achéganse á ría de Betanzos para censa-las aves acuáticas. Contar e observar detidamente permite detecta-las flutuacións das poboacións e a presenza de novas especies. Así, nos últimos anos puideron constata-la aparición e cría da andoriña dáurica (Hirundo daurica) ou do picanzo vermello (Lanius collurio). Tamén permitiu localizar especies infrecuentes que están de paso, como unha cegoña negra (Ciconia nigra) ou unha garza imperial (Ardea purpurea) en período de dispersión xuvenil.

Esta observación dunha femia adulta de garza pequena a finais de maio, abre novos interrogantes. ¿Ten parella? ¿Está a criar na ría? Sendo un ave estival, ¿a que lugar de África migrará no inverno?

Se tes curiosidade, achégate ó porto de Betanzos e no seu extremo norte atoparás un magnífico lugar de observación. Se non logras vela, a lo menos poderás gozar da visión doutras aves acuáticas, como o rascón de auga (Rallus aquaticus).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).