Visita ós escolares de Sada

13 Decembro 2012

 
Fotografía da visita ó colexioHoxe, a primeira hora, visitámo-lo colexio de ensino primario Sada y sus Contornos. Os alumnos deste centro están levando adiante un proxecto Voz Natura no que teñen como obxectivo coñece-la biodiversidade local e promove-la súa conservación apoiando a iniciativa de custodia do territorio de Fragas do Mandeo.

Os rapaces están expectantes por coñecer a Dona, a nosa mascota. Aínda que querían que os visitara nesta cita, para xogar con ela terán que esperar a que os acompañe nalgunha das súas excursións ós espazos naturais da bisbarra.

O encontro tamén serviu para falar do álbum de cromos que os profesores están a utilizar como recurso didáctico. Organizado en torno a cinco hábitats presentes en As Mariñas, os alumnos teñen que pegar cromos das especies autóctonas que viven neles, e tamén das especies exóticas invasoras que os ameazan. Como non podía ser menos, Dona é quen vai presentando cada hábitat, acompañada polo garda de medio ambiente Carlos Serantes. Para consegui-los cromos, teñen que acudir á biblioteca e reciben un cromo por cada libro que leven para ler.

Dende Fragas do Mandeo esperamos que deste xeito os alumnos o pasen ben aprendendo, vinculándose co medio natural a través do coñecemento da súa flora e fauna e tomando iniciativas propias para a súa conservación.


Informamos na III Feira da Sustentabilidade

12 Decembro 2012

 
Imaxe do cartel da feira Hoxe estamos presentes na III Feira da Sustentabilidade da Universidade da Coruña cun punto de información no que se divulgará entre os visitantes o traballo de Fragas do Mandeo e a custodia do territorio como instrumento eficaz para a conservación da natureza.

Grazas á colaboración dun grupo de voluntarios, participamos neste encontro organizado pola Oficina de Medio Ambiente da universidade no que hai charlas, obradoiros, xogos e un mercadiño de troco.

Podes atopar máis información na web da organización.


Estratexias para conserva-lo noso litoral

3 Decembro 2012

 
Logo do GAC Golfo ÁrtabroA próxima semana Sada acollerá a xornada de traballo Estratexias para a mellora ambiental no golfo Ártabro, organizada polo Grupo de Acción Costeira. Fragas do Mandeo é un dos invitados e falaremos da custodia do territorio como estratexia na conservación ambiental do litoral e dos beneficios para o sector do mar.

A nosa intervención estará precedida por Fernando Jubete (Fundación Global Nature), que comentará a súa experiencia na utilización de fondos Life en accións de conservación, e de Javier Ferreiro e Marco Rubinos (ámbolos dous do Ibader), que disertarán sobre proxectos Life+ Natureza acometidos en Galicia.

Lugar: Casa do Mar de Sada (3ª planta). Avenida do Porto 21, Sada (A Coruña)
Data: 10 de decembro, das 17:00 ás 20:00 horas.

Máis información descargando o programa ou visitando a web do GAC Golfo Ártabro.


Presentación en Santiago o día 28

17 Novembro 2012

 
Imaxe dun carballoO mércores día 28 de novembro, ás 19:00 horas, imos expoñe-lo traballo de Fragas do Mandeo en Santiago de Compostela. Será na Galería Sargadelos (rúa Nova 16), situada en pleno centro do seu fermoso casco histórico, invitados pola Sociedade Galega de Historia Natural.

De novo explicaremos conceptos como land trust e stewardship, falaremos de custodia do territorio, da adquisición de fincas para a conservación da natureza a perpetuidade, da necesidade de preserva-la biodiversidade de As Mariñas e dos avances de Fragas do Mandeo nos seus dous primeiros anos de vida, animando ós asistentes a apoiar mediante doazóns ou voluntariado o noso proxecto.

Se queres axudarnos a difundi-lo evento, podes descarga-lo cartel en formato PDF (mellor para imprimir) ou en formato JPEG (mellor para enviar por correo electrónico).


Satisfacción pola Semana de Custodia

3 Outubro 2012

 

Fotografía de Fernando CoboFotografía de Francesc Giró

Tras semanas de preparación e catro días de intensa actividade, a finalización da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo supuxo a satisfacción polos obxectivos cumpridos e un descanso para as persoas que participaron na súa organización.

Na xornada de apertura, Fernando Cobo, director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, falounos dos impactos ecolóxicos que sofre o río Mandeo e das necesidades de conservación se queremos preserva-la súa rica biodiversidade. Deste xeito o público coñeceu as áreas concretas nas que se precisa actuar.

No II Encontro Galego de Custodia, acto central celebrado o pasado venres, participaron as principais entidades de custodia do noso país, representadas por David Rodríguez (vicepresidente da Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas), Óscar Rivas e Martiño Cabana (secretario e vogal da Asociación Galega de Custodia do Territorio) e Ramsés Pérez (coordinador de medio ambiente de ADEGA). Como invitado especial estivo presente Francesc Giró (Fundación Acciónatura).

Fotografía de Rafael CrecenteFotografía de Rafael Eimil

Nas tres mesas organizadas interviñeron tamén representantes da Administración, da universidade e das empresas: Roxelio Fernández (subdirector de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia), Rafael Crecente (profesor da Universidade de Santiago), María Sande (xefa de relacións externas de BEGANO S.A.), Teresa Porto (directora de marketing de Novacaixagalicia), Antonio Cortés (director xeral de marketing de GADISA), Roberto Arias (subdirector de planificación e proxectos de Augas de Galicia), Rafael Eimil (xefe da Demarcación de Costas en Galicia) e Emilio Vázquez (delegado do Ministerio de Hacienda en Galicia).

Nas mesas de debate puideron analizarse as distintas posibilidades da custodia do territorio para a conservación no medio natural galego, a participación do mecenado e voluntariado empresarial, así como as oportunidades de asinar convenios que permitan custodiar espazos que forman parte do dominio público ou son parcelas de titularidade estatal. En resumen, abríronse portas e se tenderon pontes para que a custodia acade un papel máis activo no noso país.

Fotografía da visita a RidimoasFotografía da observación de aves

Na visita a Ridimoas gozamos do privilexio de sermos guiados por Pablo Rodríguez, presidente e fundador da asociación que custodia este bosque. Coñecemos así detalles precisos do ecosistema e das técnicas de manexo, recibindo tamén explicacións respecto do establecemento e xestión dos acordos de custodia. A súa afabilidade e a profundidade dos seus coñecementos fixeron a visita inesquecible.

Xa para pecha-los eventos, o domingo visitámo-lo observatorio de Souto (Paderne). O día soleado e a coincidencia coa marea baixa facilitaron a observación de numerosas aves acuáticas que se alimentaban tranquilamente no esteiro.

Fragas do Mandeo agradece á Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos a súa axuda na organización e o financiamento, ó Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo a acollida do II Encontro Galego de Custodia, e ó Concello de Betanzos a cesión da sala de conferencias. E, ¡como non!, a tódolos invitados que participaron nos actos programados.

Presenza nos medios: Entrevista emitida nas emisoras de radio locais (escoitar ) e publicación da noticia nos periódicos Betanzos e a súa comarca, El Ideal Gallego e La Opinión – Coruña.


Citas da Semana de Custodia do Territorio

17 Setembro 2012

 
Logo de LandLife Week A finais deste mes de setembro vaise celebrar na nosa bisbarra a Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo coa programación de diversas actividades (conferencias, encontros e saídas ó campo). Organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e por Fragas do Mandeo, o obxectivo deste evento é divulgar e fomenta-la protección da natureza a través de actuacións de custodia do territorio, dentro do marco da semana europea de custodia LandLife Week.

As necesidades de conservación do río Mandeo: Con este título impartirá unha conferencia Fernando Cobo Gradín, director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela. A preservación da biodiversidade do río precisa dun enfoque integral, sumándolle á propia conservación do leito a protección dos bosques de ribeira e das fragas da súa cunca.
Data: Xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas
Lugar: Salón Azul do Liceo, Praza Irmáns García Naveira, Betanzos.

II Encontro Galego de Custodia do Territorio: Tras celebrarse a primeira edición o ano pasado en Santiago, acollemos en As Mariñas este segundo encontro Imaxe do programa da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeoco obxectivo de abordar algúns dos temas máis candentes da custodia no noso país e tratando de establecer un punto de encontro co mecenado. A xornada está organizada en torno a tres mesas de debate, sendo a primeira Oportunidades e condicionantes da custodia do territorio en Galicia, na que participarán representantes das entidades de custodia, da universidade galega e da Administración. Co lema Puntos de encontro entre o mecenado e as entidades de custodia, nesta mesa intervirán representantes destacados do mecenado empresarial, acompañados por un experto na materia, Francesc Giró (Fundación Acciónatura). Na derradeira mesa, titulada Avanzando na custodia en fincas de dominio ou titularidade públicos se analizará este aspecto particular da custodia e as posibilidades futuras que ofrece.
Data: Venres 28 de setembro, de 9:00 a 14:30 horas
Lugar: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (km 8 da estrada AC-542, Abegondo)

Visita ó bosque de Ridimoas: Guiados por Pablo Rodríguez, presidente e fundador da Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas, visitarémo-los montes custodiados por esta entidade no Ribeiro de Avia (Ourense). Os participantes poderán coñecer in situ a iniciativa pioneira en Galicia (está próxima a cumpri-los 25 anos) e a que máis superficie protexe (500 hectáreas, das que a meirande parte o son en propiedade). A súa traxectoria demostra que a custodia do territorio é un instrumento eficaz que tamén ten futuro en Galicia.
Data: Sábado 29 de setembro
Lugar: O autocar sairá da piscina municipal de Betanzos (Av. do Carregal s/n) ás 9:00 horas, estando previsto chegar de volta ás 19:00. O custe da visita son 5 euros por persoa, entregándose un caderno de campo e un exemplar do último boletín da entidade. Non está incluída a comida (se parará nun restaurante para os que non leven o xantar). Recomendamos vestir calzado e roupa de monte. As prazas no autocar son limitadas, polo que aconsellamos reservar praza chamando ó teléfono 981 669 541, ou escribindo a info@marinasbetanzos.org.

Observación de aves na ría de Betanzos: Para remata-los actos da Semana de Custodia, un equipo de naturalistas cos seus telescopios e prismáticos pasarán a mañá na ría para axudar a identifica-las aves avistadas a tódalas persoas que queiran achegarse a coñecer mellor a riqueza ornitolóxica deste espazo natural protexido.
Data: Domingo 30 de setembro, de 9:00 a 13:00 horas
Lugar: Observatorio ornitolóxico de Souto (Paderne). Os que leven automóbil, poden aparcar diante da igrexa de Santa María de Souto. O camiño ó observatorio está sinalizado.

Máis información descargando o programa. Respecto da LandLife Week pode consultarse o dosier de prensa.

Outras actividades da Semana Europea de Custodia en Galicia:

Sinatura do acordo de custodia da finca Curro de Saavedra, acompañada de traballos de voluntariado no mantemento do peche da finca e roza de determinadas zonas da parcela.
Organiza: Asociación Galega de Custodia do Territorio
Data: 5 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas
Lugar: Saavedra (Begonte, Lugo)

Limpeza de lixo simultánea en ríos de toda Galicia mediante voluntariado (quinta edición).
Organiza: Proxecto Ríos
Data: 30 de setembro, durante todo o día
Lugar: Ríos de toda Galicia


A custodia como reto na cooperación urbano-rural

16 Setembro 2012

 
O próximo día 20 de setembro se celebrará o encontro Cooperación Urbano-Rural: oportunidades e retos no Centro Tecnolóxico de Arteixo, organizado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos no marco da rolda de debates previos ao Congreso de Desenvolvemento Rural programado para novembro.

Fragas do Mandeo vai participar na mesa redonda Retos para a cooperación urbano-rural no entorno de A Coruña. A multifuncionalidade das nosas fragas e bosques de ribeira ofrece unha magnífica oportunidade para que o mundo urbano compense o goce dos servizos ecolóxicos e de lecer que lle ofrecen os espazos naturais localizados nas áreas rurais. O reto para o mundo urbano consiste en implicarse apoiando directamente a conservación destes espazos a través das iniciativas de custodia do territorio que puxo en marcha a sociedade rural.

Máis información na web da organización ou descargando o programa.


Mercamos dúas parcelas

5 Setembro 2012

 
Fotografía do acto de compravenda das dúas fincasDous montes na ribeira do río Mandeo súmanse hoxe ás propiedades de Fragas do Mandeo, pois esta mañá foron asinadas as escrituras de compravenda na notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos. Deste xeito se incrementa en 2.892 m2 a superficie na que practicamos a custodia do territorio co fin de conserva-la paisaxe e a biodiversidade da comarca de As Mariñas.

Estas fincas forman parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo e presentan as mesmas características ecolóxicas que a recentemente cedida no mesmo lugar por D. Ángel Gayoso, polo que se estenderán a elas as actuacións de mellora ambiental xa programadas (ver noticia do pasado 10 de agosto).

O importe destinado á adquisición foi achegado por varias persoas que veñen colaborando con Fragas do Mandeo dende a súa fundación, ás que expresamos o noso agradecemento. Anímate a sumarte a elas e formar parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa o pequena que sexa. Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Último rastrillo do ano o día 2

23 Agosto 2012

 
O domingo día 2 de setembro faremos o último rastrillo solidario do ano no lugar habitual, a praza do Campo de Betanzos, entre as 10:00 e as 14:30 horas.

Cos ingresos destes rastrillos dotamos o fondo de conservación da natureza de As Mariñas e cubrimos tódolos gastos correntes da nosa entidade. Deste xeito garantimos que todas as doazóns recibidas son integramente destinadas á adquisición de fincas para a custodia do territorio co fin de preserva-la paisaxe e biodiversidade locais.


Cesión dun monte en espazo protexido

10 Agosto 2012

 
Fotografía do acto de cesión da finca

Fragas do Mandeo recibiu onte a cesión dun monte situado na ribeira do Mandeo, preto do lugar de Flores (Coirós, A Coruña), grazas ó altruísmo dun veciño de Ois.

Tres horas antes da charla no local da asociación Fillos de Ois, acudimos á notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos para asina-la cesión. O titular, D. Ángel Gayoso, cedeunos a finca por 20 anos para que Fragas do Mandeo a destine á conservación da biodiversidade e da paisaxe.

Esta finca ten unha superficie catastral de 2.715 m2 e forma parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo. Situada na ladeira do val, presenta unha elevada pendente, cambiando a vexetación coa altura. A parte de riba esta poboada por un eucaliptal, a media ladeira medra un queirogal e na parte de abaixo, xa lindando co río, aparece un denso bosque de ribeira.

Efectuados os trámites legais, agora vaise a proceder á eliminación do eucaliptal e posterior rexeneración da cuberta vexetal. Desta maneira, mellorarémo-la paisaxe, incrementarémo-la superficie de bosque autóctono e previrémo-los incendios. O eucaliptal, situado á beira da autovía e avanzando ladeira abaixo por colonización espontánea, supón un risco elevado. A súa substitución por arborado autóctono dificultará a propagación dos lumes.

Fragas do Mandeo agradece a D. Ángel Gayoso a súa xenerosidade, ó seu fillo Miguel as súas xestións na zona en favor de Fragas do Mandeo e á asociación Fillos de Ois a oportunidade de expoñe-lo noso traballo nunha xornada tan significativa para nós.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).