Celebrámo-lo terceiro aniversario

6 Xullo 2013

 
Hoxe, hai tres anos, fundouse Fragas do Mandeo co obxectivo de conserva-la biodiversidade e a paisaxe da bisbarra de As Mariñas mediante a práctica da custodia do territorio.

Dende entón, co apoio de doadores e simpatizantes, moito teñen traballado os voluntarios nesa dirección até a consolidación da nosa entidade. Aínda que o público coñécenos pola celebración dos rastrillos, das charlas impartidas e polas nosas escasas aparicións nos medios de comunicación, o certo é que gran parte do traballo non ten visibilidade pública: a localización de fincas de interese ecolóxico e paisaxístico, a identificación e negociación cos propietarios, a captación de doadores, o mantemento do observatorio ornitolóxico, a promoción da custodia, a ineludible administración interna… Pouco a pouco situámonos como un dos referentes da custodia do territorio en Galicia e temos sido invitados a expoñe-la nosa experiencia en distintos foros.

Aínda que o balance é moi positivo, non todo son éxitos. Diversas iniciativas ante a Administración aínda non frutificaron pola súa consabida lentitude, pero non nos faltará constancia para levalas até onde poidamos. Tampouco logramos poñer un pé no mecenado empresarial, moi afectado pola crise económica, pero tempo haberá de conseguilo.

Dona cumpre tres aniños

A nosa mascota Dona cumpriu tamén os seus tres anos de idade, pois naceu a véspera da constitución da nosa entidade. Con ela vemos día a día como medra o proxecto de Fragas do Mandeo.

Cando chegou era unha cachorriña de menos de dous meses, rebuldeira e revoltosa. Hoxe é unha cadela cariñosa, algo tímida, ben educada e chea de enerxía, que nos acompaña nas visitas ós montes, localiza rastros e segue os sendeiros da fauna silvestre.

Pero este ano tamén se graduou como educadora ambiental. Foi a presentadora dos hábitats da comarca no álbum que Fragas do Mandeo realizou para o colexio Sada y sus Contornos, abriu un blog na nosa web para darlles explicacións ós escolares, contestoulles os seus correos electrónicos, e fixo de guía nalgunha excursión. Deste xeito foi a nosa embaixadora ante os escolares. Esperamos dela que sega achegando os cativos da bisbarra ó coñecemento e ó compromiso coa conservación dos nosos espazos naturais, para así garanti-lo futuro recambio xeracional.

Avanzando na custodia das fragas do río Mandeo

O xeito máis gratificante de celebra-lo aniversario cos nosos doadores e voluntarios é ampliando o espazo no que practicamos a custodia do territorio. De feito, o pasado xoves superamos con amplitude a barreira psicolóxica dos 50.000 m2 custodiados. En concreto, acadámo-la cifra de 64.535 m2, dos que 59.142 m2 o son en propiedade e o resto cedidos.

Gran parte dos montes custodiados están nun estado de conservación aceptable. Pero noutros teremos que iniciar un proceso de eliminación dos eucaliptos e substitución por arborado autóctono. Xa temos identificadas distintas técnicas para evitar que os cepos dos eucaliptos abrollen: as poñeremos en práctica en canto sexa factible e de xeito que poidamos comprobar cal é o método máis efectivo e ecolóxico. O proceso será lento, como é habitual na natureza, pero o impacto positivo na paisaxe e na biodiversidade está garantido.

A primeira finca na que asinamos un acordo de custodia xa está libre de eucaliptos. Agora podemos gozar dende ela da vista do río Mandeo avanzando polo seu canón, bordeado polo bosque de ribeira. Na finca están a medrar pequenos carballos e castiñeiros que naceron espontaneamente, garantíndonos que no futuro haberá nela un bosque autóctono e demostrándonos que a natureza enseguida se recupera se lle damos unha oportunidade.

A clave: doadores e voluntarios

A ampliación do espazo custodiado depende totalmente da capacidade económica coa que nos dotan os nosos doadores. Témo-lo reto de amplia-lo seu número nos próximos anos, se queremos potencia-lo noso ritmo de adquisición de parcelas. Non deixes de difundi-lo noso traballo nos ámbitos persoais ou laborais para captar novos doadores. Tampouco esquezas proporlles ás asociacións culturais e deportivas —ou de calquera outro tipo— ás que pertenzas a que se animen a sumarse ás que actualmente nos apoian.

Segundo se incrementa o territorio custodiado, así van aumentando as necesidades de voluntariado. Hai distintas actividades nas que podes participar, en consonancia coas túas habilidades persoais e disposición de tempo libre. Non deixes de poñerte en contacto con nós para que te convoquemos cando organicemos actividades de voluntariado.

Para nós as cousas están ben claras. Os cidadáns podemos intervir con eficacia na conservación da natureza da bisbarra. Basta dedicarlle un pouquiño de tempo ou doar unha cantidade non importa o pequena que sexa. Se queremos, podemos. Non o dubides.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).