Novas fincas coa axuda dos escolares de Sada

9 Maio 2013

 
Fotografía do acto notarialHoxe tivemos unha cita cunha representación dos alumnos do CEIP Sada y sus Contornos na notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos. O motivo era escritura-la adquisición de varias parcelas situadas no monte da Espenuca (Coirós). Os escolares foron testemuñas de como os cartos que xuntaron facendo un rastrillo o día do libro eran inmediatamente investidos na compra de 26.630 m2 de bosque.

Fotografía na EspenucaAs parcelas mercadas están repartidas polo monte, dende a beira do río (xa que logo dentro do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo), até o cumio. Coa excepción de 4.737 m2 de eucaliptal, o resto está cuberto por bosque caducifolio. Esta adquisición permitirá conserva-lo hábitat natural existente e amplialo coa eliminación dos eucaliptos e posterior reforestación con especies autóctonas. Tamén se verá mellorada a paisaxe, pois os eucaliptos, co seu crecemento en altura, rompen a harmonía da masa forestal e dificultan as vistas dende o miradoiro da Espenuca.

Fotografía na EspenucaFragas do Mandeo agradece ós escolares a súa decidida iniciativa para conserva-los espazos naturais locais dentro do seu proxecto Voz Natura titulado “Custodia do territorio e biodiversidade”. O seu esforzo supuxo que 2.105 m2 de bosque do total escriturado foran mercados coa súa achega e se conserven a perpetuidade. As árbores medrarán canda os rapaces e no futuro mirarán para eles con orgullo de adultos pensando no que foron capaces de facer sendo nenos.

Expresamos tamén o noso agradecemento ós particulares que completaron o importe necesario para mercar este grupo de parcelas. Anímate a sumarte a rapaces e adultos formando parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa o pequena que sexa. Atoparás máis información na sección Colabora ou ben consúltanos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Rastrillo dos escolares de Sada

18 Abril 2013

 
Para celebra-lo día do libro, o próximo mércores 23 de abril os alumnos do colexio de ensino infantil e primario Sada y sus Contornos van a instalar un rastrillo de libros usados no seu centro escolar. Nel poñerán á venda libros infantís e xuvenís, así como sobre a natureza, que achegarán os propios alumnos.

Esta actividade ten un dobre obxectivo. Por unha banda, estimula-la lectura dos rapaces compartindo as obras que lles interesan. Pola outra, xuntar fondos para apoiar a Fragas do Mandeo, como parte do proxecto Voz Natura do colexio. Estes fondos destinaranse integramente á adquisición dunha finca no río Mandeo, co fin de que a biodiversidade que alberga sexa custodiada a perpetuidade.

O rastrillo estará aberto ás familias e público en xeral pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, no ximnasio. Pola mañá haberá outra quenda, de 12:15 a 14:00 horas, soamente para os alumnos.

Estaremos no colexio pola tarde para acompañalos e agradecerlles a súa aposta pola acción directa na conservación da natureza da bisbarra.


Novas adquisicións de fincas

2 Abril 2013

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe pola tarde achegámonos a Betanzos para asina-la escritura de adquisición de dúas novas parcelas de monte na notaría de D. Óscar López Doval. Con isto a extensión actualmente custodiada por Fragas do Mandeo increméntase en 2.757 m2 de superficie.

Ámbalas dúas fincas están situadas en Espenuca (Coirós), unha delas no alto do monte e a outra na beira do río Mandeo, xa dentro do LIC Betanzos-Mandeo. Nas dúas medran carballos e outras especies autóctonas, sendo soamente necesaria unha intervención mínima para eliminar algúns eucaliptos e acacias novas.

Expresamos o noso agradecemento ós particulares que achegaron o importe necesario para mercalas. Anímate a sumarte ás persoas que forman parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa o pequena que sexa. Soamente así a custodia do territorio pode avanzar. Atoparás máis información na sección Colabora ou ben consúltanos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Cita na Misión Biolóxica de Galicia

1 Abril 2013

 
A nosa próxima cita para divulga-lo traballo de Fragas do Mandeo, e a custodia do territorio como instrumento de conservación da natureza, será nas II Xornadas Sobre Patrimonio no Rural, que se celebrarán o venres 12 e sábado 13 de abril na Misión Biolóxica de Galicia.

Estas xornadas están organizadas pola concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. Teñen como obxectivo ofrecer unha panorámica ampla e plural do labor de recuperación e dinamización do patrimonio local, tanto cultural coma natural. Fragas do Mandeo está invitada a participar na mesa de experiencias sobre iniciativas de custodia o sábado ás 12:30 horas, en compañía da Asociación Vaipolorrío e da Fundación Terra Termarum.

Para celebra-las xornadas non se puido escoller un lugar mellor: a Misión Biolóxica de Galicia. Este centro de investigación agraria ocupa o pazo de Gandarón (século XVIII) dende 1928, destacando o seu traballo na selección de híbridos máis produtivos e resistentes. As novas liñas de investigación sacan proveito do seu banco de xermoplasma, que garante a preservación dos recursos xenéticos dos cultivos galegos. Actualmente depende do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Lugar: Misión Biolóxica de Galicia (pazo de Gandarón), en A Carballeira (Salcedo, Pontevedra).
Data: Venres 12 e sábado 13 de abril.

Máis información descargando o programa.


Cancelamos o rastrillo de mañá

30 Marzo 2013

 
Por problemas de última hora para transporta-lo material, e a non menos preocupante inestabilidade meteorolóxica, cancelamos o rastrillo de mañá domingo. Esperamos poder renovar esta actividade proximamente.


Volvemos cos rastrillos

22 Marzo 2013

 
Tras recibi-la correspondente autorización do Concello de Betanzos, iniciámo-la programación dos rastrillos deste ano o domingo 31. Coma sempre, será na praza do Campo de 10:00 a 14:00 horas, onde os nosos voluntarios atenderán un posto ateigado con todo tipo de obxectos doados polos nosos simpatizantes: libros, xoguetes, figuriñas, bolsos, bixutería, complementos, artigos do fogar, etc. Esperemos que o tempo colabore, porque, tras un inverno no que non parou de chover, a primavera comeza igual.

Cos ingresos dos rastrillos, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas pode mercar fincas, cubrir os custes asociados (notaría, taxas, etc.) e os gastos correntes, garantindo que tódalas doazóns recibidas son integramente destinadas á adquisición de fincas para a custodia do territorio co fin de preserva-la paisaxe e biodiversidade locais.


Dona guía os escolares de Sada en Chelo

15 Marzo 2013

 
Hoxe pola mañá, a nosa mascota Dona guiou os alumnos do colexio de ensino infantil e de primaria Sada y sus Contornos na súa visita ó lugar de Chelo, no río Mandeo. A diferenza de como ven sendo habitual este inverno, a choiva non fixo a súa aparición e gozamos dun día de campo precioso.

Fotografía de los escolares del CEIP SadaOs alumnos baixaron do autobús en Queirís e a medio camiño recibiunos Dona, que os levou até a aula da natureza. Alí se dividiron en dous grupos para atende-las explicacións dun monitor ambiental de CEM, que lles falou da vida no río, da flora e da fauna, do ciclo da auga e da importancia de manter limpo o río e a súa ribeira.

Mentres os pequerrechos estaban na aula, os maiores fixeron un percorrido até a ponte de Teixeiro, sempre precedidos por Dona, coñecendo a fauna que habita no río e aprendendo o nome das plantas que están florecendo nesta época. Algunhas das especies observadas están protexidas, como é o caso do amarelle Narcissus cyclamineus, clasificado como en situación vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Tamén puideron identificar especies exóticas invasoras que supoñen un perigo para o ecosistema, entre elas flores como a crocosmia ou árbores como a acacia de madeira negra. No percorrido de volta foron recollendo todo o lixo que atopaban, para deixa-lo espazo natural máis limpo que cando chegaron e así concienciar á cidadanía da necesidade de comprometerse na conservación da natureza.

Fotografía de DonaOs cativos quedaron encantados de coñecer a Dona. Leva varios meses contándolles a súas aventuras na nosa páxina web, aproveitando para falarlles da flora e da fauna da bisbarra, animándoos a conserva-la natureza e facéndolles todo tipo de preguntas. Aínda que os alumnos lle levan escrito moitos correos electrónicos que ela contesta un a un, esta era a primeira vez que puideron correr con ela. En Fragas do Mandeo entendemos que os animais domésticos son o mellor pasaporte para que os nenos entren en contacto coa natureza, facilitándolles a comprensión do comportamento animal e axudándolles no seu desenrolo tanto emocional como físico.

O colexio enmarca esta visita a Chelo dentro das actividades do proxecto Voz Natura que está levando a cabo para coñece-la biodiversidade da nosa bisbarra, apoiando a Fragas do Mandeo na súa preservación a través da custodia do territorio.

Grazas ó profesorado do colexio, ó persoal de CEM, ó garda de medio ambiente Carlos Serantes e ós voluntarios que nos acompañaron, os cativos tiveron un día inesquecible coñecendo as fragas do río Mandeo.


Sementando custodia

25 Febreiro 2013

 
Dentro dos fins fundacionais de Fragas do Mandeo está o de difundir e promove-la custodia do territorio en Galicia. Entendemos que se esta fórmula é válida para a conservación da natureza na comarca de As Mariñas, tamén será un instrumento útil noutras zonas.

Nestes dous anos e medio de funcionamento temos sido invitados a participar en reunións e impartido numerosas conferencias explicando as orixes da custodia do territorio e as características do noso proxecto.

Hoxe alegrámonos coa noticia de que a semente deixada en Pontedeume e en Fene (A Coruña) prendeu. Acaba de nacer a Asociación de Custodia do Bosque Atlántico Betula. Os seus 20 primeiros socios están formalizando a constitución desta entidade que ten como obxectivo conserva-lo bosque atlántico que sobrevive no val do río Eume.

Desexámoslles un exitoso futuro.


Presentación en Ferrol

8 Xaneiro 2013

 
Nesta ocasión será o Museo de Historia Natural de Ferrol o marco da exposición dos avances de Fragas do Mandeo na preservación da biodiversidade de As Mariñas mediante a custodia do territorio. A cita é para o venres día 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, neste centro creado e xestionado pola Sociedade Galega de Historia Natural, situado na praza de Canido.

O Museo de Historia Natural alberga pezas únicas, incluíndo fósiles de até 15 millóns de anos de antigüidade. Especialmente importante é a sección de especies mariñas, entre as que se atopa unha lura xigante. As novas instalacións, recentemente abertas ó público, contan cunha zona de exposición de 440 m2 que permite ó público gozar desta valiosa colección. Se aínda non tiveches ocasión de visitalo, pagarache a pena chegar con tempo para percorrela antes da nosa charla.

Se queres axudarnos a difundi-lo evento, podes descarga-lo cartel en formato PDF (mellor para imprimir) ou en formato JPEG (mellor para enviar por correo electrónico).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).