III Encontro Galego de Custodia

17 Xaneiro 2014

 
A finais deste mes celebraremos en Rábade o III Encontro Galego de Custodia do Territorio.

A organización desta edición corre a cargo da Asociación Galega de Custodia do Territorio, que ven de preparar un programa moi interesante. Mediante charlas e mesas de traballo busca crear un espazo para a aprendizaxe e o fortalecemento das entidades que empregan a custodia do territorio como ferramenta de conservación. Contarán con expertos de ámbito nacional na materia e coa participación de profesionais dos sectores forestal, agrario e xurídico. Procedentes do sector privado, da universidade e da Administración, analizarán distintos aspectos relativos á conservación do patrimonio natural e paisaxístico a través da custodia.

Na xornada inaugural vaise proxecta-lo documental A mesma terra, unha produción de Fonsagrada Producións e Televisión de Galicia, e realizado por Iago Mazoy, que contou coa colaboración de Anxo Vázquez e Pepe Coira no guión. Este pase servirá de punto de partida para unha reflexión colectiva sobre o abandono de terras en Galicia e as súas implicacións no mantemento da súa biodiversidade e da súa paisaxe.

Fragas do Mandeo non vai perderse este evento, pois o contido é moi atractivo e sempre enriquece compartir experiencias. Anímate tamén a acudir a este encontro.

Lugar: Centro de Conservación e Estudo da Natureza Casa das Insuas, rúa José Pardo nº 27, Rábade (Lugo)
Datas: 31 de xaneiro e 1 de febreiro de 2014

Máis información na web da organización ou descargando o programa.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).