Planta o teu castiñeiro o día 29

6 Marzo 2014

 
Esta mañá, aproveitando o bo día tras meses de mal tempo, un grupo de dez voluntarios estivo traballando intensamente na preparación dun dos nosos montes para replantar. Antes tiña eucaliptos e agora toca reforesta-la parcela para que medre un bosque autóctono. Xa ten algúns carballos que naceron espontaneamente e sobreviviron á corta dos eucaliptos, pero imos engadir algúns castiñeiros. Invitámosvos a ti e maila túa familia a que plantedes a vosa árbore o día 29 de marzo.

Cartel da campaña “Un castiñeiro máis, un eucalipto menos”O noso plan é crear unha banda de arborado denso no lado da finca que linda coa estrada. Cando medre, creará suficiente sombra para impedi-la proliferación do mato, de xeito que se dificulte a transmisión e intensidade dos lumes que poidan proceder da estrada. E ningunha árbore autóctona mellor que o castiñeiro, pois é a de follas máis grandes.

Como plantamos para que os castiñeiros cheguen a vellos e non pensamos cortalos, rexeitamos as variedades de produción de madeira. Buscamos entre as variedades de produción de froita unha que estivese adaptada ó noso clima. A fauna local agradecerá as castañas, e tamén algún que outro viandante. Pero xa postos, queremos micorrizalos, pois inoculando fungos nas súas raíces, lograremos que os castiñeiros medren mellor. E co tempo, debaixo deles nacerán setas comestibles. Niso consiste a multifuncionalidade do bosque, en producir algo máis que madeira: froitas, fungos, paisaxe…

Contamos coa xenerosa colaboración de dúas empresas locais: Orballo Innovaciones Forestales, que proporcionou as plantas, e Fungicultura Muíños, que se encarga da micorrización. Esperamos que a nosa plantación serva de experiencia visible que faga meditar ós veciños noutras alternativas forestais á plantación de especies de crecemento rápido para pasta de papel. Estas empresas poden darlles un asesoramento especializado e proverlles de produtos de calidade.

Anímate a participar coa túa familia. Os cativos medrarán a canda estes castiñeiros, e co tempo poderedes recoller castañas e setas no magosto, gozar dun bosque autóctono e favorece-la conservación da nosa biodiversidade.

Data: Sábado día 29 de marzo.
Lugar: Os puntos de encontro son o ambulatorio de Betanzos ás 9:30 horas e a área recreativa de Xora (Coirós) ás 9:45 horas. Esperamos ter rematado ás 14:00 horas.

Imaxe traballando no monteÉ conveniente que nos mandes un correo electrónico co teu nome e número de móbil: Poderemos avisarte en caso de que o mal tempo nos obrigue a adia-la plantación (na sección Contacto atopara-lo noso enderezo electrónico).

Se queres axudarnos na difusión, podes descarga-lo cartel da campaña e colocalo nun lugar visible. Malia ó intenso traballo desta mañá, como aínda non rematamos de prepara-lo monte, tamén podes apuntarte para axudarnos o próximo domingo 16 de marzo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).