Arrincando flores en Chelo

10 Xullo 2014

 
Foto de CrocosmiaxcrocosmiifloraHoxe chegaron a Chelo varias persoas e puxéronse a arrincar flores. Non son vándalos, se non o primeiro grupo de voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia que colaboran con Fragas do Mandeo na erradicación dunha especie exótica invasora: a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora).

Durante os meses de xullo e agosto virán catro grupos de voluntarios, acompañados de monitores e debidamente autorizados. O seu obxectivo é arrincar de raíz estas flores sen deixar ningún bulbo na terra. Aínda que teñen unha aparencia inofensiva e se utilizan en xardinería por darse moi ben, son un problema ambiental cando se implantan nos espazos naturais. Procedente do cruce de dúas especies surafricanas, é frecuente nas comarcas do litoral galego, atopando nos lugares frescos e húmidos ―como as beiras dos ríos― un hábitat excelente para propagarse, desprazando así á vexetación autóctona. No lugar de Chelo (Coirós) plantouse como ornamental no aparcadoiro, e agora xa colonizou a canle do muíño e corrémo-lo risco de que siga avanzando pola beira do río Mandeo.

Nunca tires restos de plantas exóticas no monte nin liberes mascotas, pois podes crear graves problemas ambientais que afectan ás especies autóctonas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).