100 quilos menos de crocosmias

8 Agosto 2014

 
Hoxe estiveron traballando no lugar de Chelo (Coirós) os compoñentes do último grupo de voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia que viñeron a colaborar con Fragas do Mandeo na eliminación da crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), unha planta exótica invasora que está a coloniza-las ribeiras do río Mandeo.

Foto de bulbos de Crocosmia x crocosmiifloraAs vintedúas persoas que participaron nesta campaña sumaron en total 52 horas de traballo, xuntando 103 quilos de bulbos. Cando se arrincan crocosmias, hai que ter coidado de separa-los bulbos, pois teñen que ser destruídos para evita-la súa propagación. Pola contra, as flores e follas son inofensivas e poden reutilizarse para facer compost ou esterco.

Os voluntarios viñeron de distintos puntos de Galicia, dende Vigo até Cambre. Ademais de agradecerlles o seu traballo, explicámoslles os valores ambientais do espazo natural protexido Betanzos-Mandeo, os problemas que causan as especies exóticas invasoras e o papel que xoga a custodia do territorio como fórmula para a conservación dos hábitats e da biodiversidade locais.

Pero aínda queda traballo, pois a crocosmia ocupa unha zona extensa e o arrincado manual leva tempo. Esperamos convocar proximamente unha xornada de voluntariado para continuar con esta tarefa, pois canto máis se demore a súa total eliminación, peor será.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).