A lección de Marta

1 Setembro 2014

 
Hoxe é o aniversario da desaparición de Marta. Hai cen anos que morreu esta pombiña no zoo de Cincinnati (EE.UU.). ¿Por que lembrala?

Imaxe de pomba migratoria americanaMarta era o último exemplar da pomba migratoria americana que existía no planeta. Con ela desapareceu unha especie que era a ave máis abundante de Norteamérica, ¡e probablemente do mundo! Os bandos que formaban nas súas viaxes eran incriblemente grandes, chegando nalgunha localidade a oculta-lo sol durante tres días. Estímase que a súa poboación sumaba entre 3 e 5 mil millóns de exemplares. Pero os colonizadores destruíron o seu hábitat e cazárona con tal saña para comercializa-la súa carne que foi exterminada en estado silvestre en tan só catro décadas.

Esta pomba de cola e ás longas era moi diferente doutras en aspecto e comportamento. Os científicos bautizárona como Ectopistes migratorius, pois deambulaba en bandos migratorios na procura de bosques caducifolios nos que alimentarse principalmente de landras, castañas e faiucos. Considerando que era o único membro do xénero Ectopistes, a perda de biodiversidade aínda é maior.

A pomba migratoria americana simboliza como a avaricia e a indiferenza poden acabar cunha especie en pouco tempo por moi abundante que sexa. Rememorar a Marta é unha invitación a meditar sobre os límites que debe te-la cobiza humana e a sensibilizarse coa perda de biodiversidade do planeta.

En Fragas do Mandeo a súa lembranza reafirma o noso compromiso coa conservación do patrimonio natural da nosa bisbarra, pensando globalmente e actuando localmente. Nun día como hoxe, anímate a dar un paso máis connosco en favor da natureza.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).