Rastrillo pasado por auga

7 Setembro 2014

 
Foto do rastrillo chovendoHoxe tivemos que cancela-lo rastrillo por forza maior.

Os prognósticos meteorolóxicos fallaron. Consultámolos até o último minuto, e non había ameaza de choiva pola mañá, salvo algún breve orballo. Xa que logo, os nosos voluntarios decidiron monta-lo posto. Cando estaban rematando, xusto entón empezou a chover. Pero nin foi orballo nin parou en catro horas: ¡As tormentas previstas para a tarde adiantáranse á mañá!

Afortunadamente, uns plásticos e a carpa que nos emprestaran impediron que tódolos libros e resto de artigos se deterioraran seriamente. O balance de tanto esforzo foron 5 euros de ingresos, os embalaxes de cartón mollados e tódolos voluntarios cos pés enchoupados.

Este ano xuntamos poucos cartos cos rastrillos. Aínda que son unha axuda que permite sufraga-lo gasto corrente, paga-las facturas da notaría e o que sobra destinalo a mercar fincas, non podemos depender deles para seguir avanzando na custodia dos nosos hábitats naturais, pois entón avanzariamos a paso de caracol. Son as modestas doazóns dos nosos simpatizantes as que manteñen este proxecto en marcha a bo paso.

¿Por que non te sumas a eles? Calquera donativo é benvido, por moi pequeno que pareza. Na sección Colabora atoparás a información necesaria para facernos o teu ingreso, sexa puntual ou periódico.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).