Estaremos no PechaKucha Night Coruña

26 Xuño 2014

 
Cartel do PechaKucha Night Coruña Fragas do Mandeo foi invitada a participar mañá venres na oitava edición do PechaKucha Night Coruña.

O orixinal formato deste evento consiste en presentacións concisas e cun ritmo rápido, no que os dez participantes exporán os seus proxectos artísticos, culturais, sociais ou empresariais mediante a proxección de 20 diapositivas durante 20 segundos. Xa que logo, témo-lo reto de describi-la custodia do territorio e o traballo de Fragas do Mandeo na conservación da natureza de As Mariñas de xeito moi sintetizado e claro.

O evento está organizado por Urbanlab, e participarán a canda nós Vanenbikke, Equus Zebra, Fur Alle Falle, Flu-or, The Room & Prato_Do, Milicia Gráfica, Esferobire, Desconcierto e Vivir na Coruña. Como bos hóspedes, os organizadores pensaron en todo, pois haberá pinchos de Se Me Va La Olla e degustacións de Prato_Do, entre outras viandas.

Lugar: Hangar de Test, rúa Barcelona 58 (A Coruña).
Data: 27 de xuño, ás 20:00 horas.

Máis información na web da organización.


Custodia no río Mendo

24 Xuño 2014

 
Hoxe asinamos un contrato no que o Banco de Terras de Galicia cédenos por 30 anos unha parcela de 14.760 m2 da súa titularidade que está situada na ribeira do río Mendo, no concello de Oza-Cesuras.

Con esta sinatura rematamos uns trámites que duraron anos e nos que atopamos varias dificultades. A primeira foi a lexislación vixente: Cando se fundou Fragas do Mandeo, a lei que regulaba o Banco de Terras non permitía a cesión de parcelas a entidades privadas que miraran pola conservación do patrimonio natural, aínda que foran non lucrativas e declaradas oficialmente de interese galego como a nosa. Afortunadamente, a finais do ano 2011 promulgouse a Lei de mobilidade de terras, que eliminou este atranco, contemplando a custodia do territorio e a conservación da natureza entre os posibles fins dos predios que xestiona. En decembro comunicamos ó Bantegal ―daquela a súa entidade xestora― o noso interese na parcela. Tras algunha reunión co seu director en compañía doutras entidades de custodia, puidemos inicia-los trámites oficiais en abril do 2012.

Por fin, o pasado 14 de maio o Agader ―actual entidade xestora― resolveu positivamente a cesión da parcela e así puidemos formalizar o que é un dos primeiros acordos de custodia do territorio deste tipo en Galicia. Agora temos por diante o traballo de demostrar que as entidades de custodia somos merecedoras da modificación da normativa do Banco de Terras.

A finca cedida ten un considerable valor ecolóxico, por ser parte dun bosque de ribeira cualificado como hábitat prioritario. Aparte dunha grande variedade de árbores, como ameneiros, freixos, salgueiros, abeleiras, carballos, castiñeiros ou loureiros, tamén medran plantas ameazadas como o amarelle Narcissus asturiensis e varias especies de anfibios protexidos prosperan na humidade do seu chan.

Son varios os traballos que hai que afrontar. Primeiro temos que recolle-lo lixo, pois, tal como sucede frecuentemente en fincas de titularidade pública, son moitas as persoas incívicas que ciscaron nela todo tipo de refugallos. O segundo será a eliminación de especies exóticas invasoras, pois alí medran crocosmias, budleias, aligustres e robinias. Xa con máis tempo teremos que acomete-la corta de varios eucaliptos e a mellora do hábitat para os anfibios.

Tal como vemos, hai moito que facer. Se queres estar en primeira liña na rehabilitación deste espazo natural, por favor, ponte en contacto connosco. Tés tódolos datos necesarios na sección Contacto.


Cancelación por choiva

8 Xuño 2014

 
Este domingo amenceu orballando. Como as previsións meteorolóxicas anunciaban novas chuviscas ó longo da mañá, vímonos na necesidade de cancela-lo rastrillo programado. E o caso foi que acertaron, polo que salvamos a mercancía dunhas molladuras que terían deteriorado gran parte dela. ¡Outra vez será!


Os scouts botan unha man

7 Xuño 2014

 
Un grupo de scouts veu hoxe dende Santiago de Compostela a traballar no noso monte de Os Vellos (Coirós).

Imaxe traballando no monteTres voluntarios de Fragas do Mandeo acompañaron ós seis rapaces e rapazas de 12 anos ―máis os seus dous monitores― do grupo scout Chan que se desprazaron para coñecer in situ a nosa actuación de rehabilitación ambiental.

Tras explicarlles como eliminamos os eucaliptos, reforestamos con castiñeiros de froita micorrizados e creamos refuxios de fauna, puxéronse mans á obra. Cortaron tódolos toxos que quedaban nunha esquina do monte e tamén repararon o vello murete que arrodea a parcela, pois estes muros de pedra seca son moi beneficiosos como refuxios para os lagartos e outra fauna de pequeno tamaño. Por último, repasáronse cepos de eucalipto e arrincáronse de raíz couces de toxo que aínda non secaran.

Agradecémoslles a súa axuda, esperando que lembren esta experiencia con satisfacción e que no futuro atopen ocasións de volver a facer voluntariado ambiental nas fragas do río Mandeo. ¡A natureza precisa de todos nós!

Imaxe traballando no monte


Rastrillo este domingo

6 Xuño 2014

 
O vindeiro domingo 8 montarémo-lo segundo rastrillo do ano. Como sempre, na praza do Campo de Betanzos entre as 10:00 e as 14:00 horas.

Non deixes de acudir a esculcar: sempre poderás atopar algo que te interese a bo prezo. E se tés cousas na casa que xa non precisas, lévaas para darlles unha segunda vida e así axudarás á conservación da natureza da nosa bisbarra.


Primeiro rastrillo do ano

13 Maio 2014

 
De novo retomámo-los rastrillos: será o vindeiro domingo 18, na praza do Campo de Betanzos entre as 10:00 e as 14:00 horas.

Grazas á colaboración dos nosos voluntarios, podemos poñer á venda todo tipo de obxectos doados polos nosos simpatizantes. Cos ingresos obtidos, o noso fondo de conservación da natureza merca montes, cubre os custes asociados (notaría, taxas, etc.) e os gastos correntes, permitíndonos deste xeito garantir a tódolos doadores que as súas achegas son integramente destinadas á adquisición de fincas para a custodia do territorio coa fin de preserva-la paisaxe e maila biodiversidade locais.


As primeiras folliñas

27 Abril 2014

 
Foto de castiñeiroNeste tempo, cando os espiños cóbrense espectacularmente de flores brancas e os pradairos esconden discretamente as súas flores na follaxe, os castiñeiros amósanse pouco madrugadores despois do letargo invernal. Na finca que reforestamos o mes pasado, tras elimina-los eucaliptos, empezan agora a agromar. Teñen a competencia dos carballos que sobreviviron á corta, pois as súas copas xa exhiben unha variada gama de verdes segundo as follas van madurecendo. Pero esas primeiras folliñas dos castiñeiros nos confirman que están prendendo e que o traballo pagou a pena.

Con esa plantación non remataron as tarefas. Agora estamos a traballar noutra parcela nosa no monte da Espenuca. Antes tiña eucaliptos que rompían a harmonía da fraga. Xa cortados, agora toca preparala. Hai que apartar moita da ramallada que quedou da corta librando espazo para cando chegue o momento de plantar, dispoñer pólas en carreiros de xeito que se evite a erosión do solo, levanta-las árbores autóctonas que quedaron deitadas, amarralas e poñerlles titores, seca-los cepos dos eucaliptos para que non afillen… Se te animas a botarnos unha man na fermosa —pero dura— tarefa de rexenera-la fraga, ponte en contacto connosco e te avisaremos na próxima xornada de traballo (na sección Contacto tes tódolos detalles precisos).

Foto do monte de Os VellosA canda o traballo de campo hai outro menos visible. Continuamos a negocia-la adquisición de novas parcelas, preparando a próxima campaña de rastrillos e elaborando o programa da semana de custodia, entre outros cometidos que nos afastan do monte. Un deles foi visitar a primeiros de mes á responsable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, acompañando a outras entidades de custodia do territorio, co obxectivo de que impulsen oficialmente a custodia en Galicia e instalos a que cooperen coas entidades que estamos comprometidas coa conservación da natureza a través desta fórmula.

No monte, nos despachos ou diante do ordenador, seguimos traballando.


Cita na xornada sobre patrimonio nas Mariñas

8 Marzo 2014

 
O día 5 de abril vai celebrarse en Betanzos as I Xornadas sobre Patrimonio, co lema Patrimonio, paisaxe, sociedade, cultura, organizadas pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. O obxectivo deste encontro é coñecer e contrastar experiencias concretas das entidades que deron o paso dende a mera divulgación ó da intervención directa en materia de patrimonio cultural.

Fragas do Mandeo está invitada a falar da súa experiencia de custodia do territorio na bisbarra de As Mariñas. Aínda que as nosas actuacións teñen como fin a conservación da nosa paisaxe e biodiversidade, non somos insensibles ós valores do patrimonio cultural (construcións de interese etnográfico, xacementos arqueolóxicos, etc.) que poidamos atopar nas fincas que custodiamos.

Acompañarán a nosa intervención as exposicións das experiencias de Ardóbriga, Carnota, Monte da Estrela e Terra de Trasancos, disertando varios profesionais e especialistas das universidades galegas. O día seguinte haberá unha excursión para coñecer in situ actuacións no castro das Travesas (Carral) e no monte da Estrela (Arteixo), guiados polo arqueólogo Antón Malde.

Data: Sábado día 5 de abril.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos (A Coruña).
Excursión: Domingo día 6 de abril.

Máis información na web da organización ou descargando o programa.

Imaxe do programa da xornada sobre patrimonio


Planta o teu castiñeiro o día 29

6 Marzo 2014

 
Esta mañá, aproveitando o bo día tras meses de mal tempo, un grupo de dez voluntarios estivo traballando intensamente na preparación dun dos nosos montes para replantar. Antes tiña eucaliptos e agora toca reforesta-la parcela para que medre un bosque autóctono. Xa ten algúns carballos que naceron espontaneamente e sobreviviron á corta dos eucaliptos, pero imos engadir algúns castiñeiros. Invitámosvos a ti e maila túa familia a que plantedes a vosa árbore o día 29 de marzo.

Cartel da campaña “Un castiñeiro máis, un eucalipto menos”O noso plan é crear unha banda de arborado denso no lado da finca que linda coa estrada. Cando medre, creará suficiente sombra para impedi-la proliferación do mato, de xeito que se dificulte a transmisión e intensidade dos lumes que poidan proceder da estrada. E ningunha árbore autóctona mellor que o castiñeiro, pois é a de follas máis grandes.

Como plantamos para que os castiñeiros cheguen a vellos e non pensamos cortalos, rexeitamos as variedades de produción de madeira. Buscamos entre as variedades de produción de froita unha que estivese adaptada ó noso clima. A fauna local agradecerá as castañas, e tamén algún que outro viandante. Pero xa postos, queremos micorrizalos, pois inoculando fungos nas súas raíces, lograremos que os castiñeiros medren mellor. E co tempo, debaixo deles nacerán setas comestibles. Niso consiste a multifuncionalidade do bosque, en producir algo máis que madeira: froitas, fungos, paisaxe…

Contamos coa xenerosa colaboración de dúas empresas locais: Orballo Innovaciones Forestales, que proporcionou as plantas, e Fungicultura Muíños, que se encarga da micorrización. Esperamos que a nosa plantación serva de experiencia visible que faga meditar ós veciños noutras alternativas forestais á plantación de especies de crecemento rápido para pasta de papel. Estas empresas poden darlles un asesoramento especializado e proverlles de produtos de calidade.

Anímate a participar coa túa familia. Os cativos medrarán a canda estes castiñeiros, e co tempo poderedes recoller castañas e setas no magosto, gozar dun bosque autóctono e favorece-la conservación da nosa biodiversidade.

Data: Sábado día 29 de marzo.
Lugar: Os puntos de encontro son o ambulatorio de Betanzos ás 9:30 horas e a área recreativa de Xora (Coirós) ás 9:45 horas. Esperamos ter rematado ás 14:00 horas.

Imaxe traballando no monteÉ conveniente que nos mandes un correo electrónico co teu nome e número de móbil: Poderemos avisarte en caso de que o mal tempo nos obrigue a adia-la plantación (na sección Contacto atopara-lo noso enderezo electrónico).

Se queres axudarnos na difusión, podes descarga-lo cartel da campaña e colocalo nun lugar visible. Malia ó intenso traballo desta mañá, como aínda non rematamos de prepara-lo monte, tamén podes apuntarte para axudarnos o próximo domingo 16 de marzo.


Un castiñeiro máis, un eucalipto menos

24 Febreiro 2014

 
Tras un inverno atemporalado, xa se aproxima a primavera e imos celebra-lo seu comezo coa reforestación dun monte que antes tiña eucaliptos. Por iso lanzamos a campaña “un castiñeiro máis, un eucalipto menos”.

Pero antes de plantar temos que rematar de prepara-lo monte: hai que cortar todo o mato e recoller a ramallada que aínda queda nel.

Adiado ata o sábado día 8 de marzoPor este motivo convocámosche a que veñas a botar unha man. Será o próximo sábado día 1 de marzo e quedaremos diante do ambulatorio de Betanzos ás 9:00 horas. Esperamos ter rematado ás 14:00 horas.

Leva roupa de traballo e non esquezas as luvas de coiro. Como temos poucas ferramentas, leva algunha que teñas na casa ou que te empresten (gabillo, aixada, forcada, rañeta, podadeira…). Non esquezas levar algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso das doce.

É conveniente que nos mandes un correo electrónico co teu nome e número de móbil: Poderemos avisarte en caso de que o mal tempo nos obrigue a cancelar (na sección Contacto atopara-lo noso enderezo electrónico).

¡Contamos contigo!

Posposto ata o día 8 de marzo: As previsións meteorolóxicas anuncian mal tempo para este sábado, polo que trasladamos a convocatoria para o próximo sábado día 8 de marzo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).