Estudantes interesados na custodia

30 Xaneiro 2014

 
Seguindo a tónica de intensa actividade neste mes de xaneiro, hoxe estivemos explicando o que é a custodia do territorio e o traballo de Fragas do Mandeo ós alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña).

Logo do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo Invitados pola xefa de estudos, Marlene Anaya, o obxectivo era dar a coñecer entre os estudantes este instrumento de conservación do patrimonio natural e analiza-las posibilidades de que realicen prácticas na nosa entidade. A atención que prestaron fainos albergar esperanzas de que estes futuros actores do mundo rural consideren no seu traballo diario as posibilidades de compatibilizar a produción agraria, forestal e gandeira coa preservación da biodiversidade.

Mañá cambiará o escenario: A cita será na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en Santiago de Compostela, onde nos entrevistaremos coa súa directora, Verónica Tellado. Estaremos acompañados por membros da Agrupación Galega de Entidades de Custodia do Territorio e dun invitado moi especial, Jordi Pietx, director da Xarxa de Custòdia del Territori.

O noso obxectivo é expoñer ante a Administración a importancia do seu apoio para que a custodia do territorio en Galicia acade a mesma relevancia que ten noutras comunidades do Estado.

E xa pola tarde asistiremos en Rábade (Lugo) ó inicio do III Encontro Galego de Custodia do Territorio, que se prolongará ó longo de todo o sábado.


III Encontro Galego de Custodia

17 Xaneiro 2014

 
A finais deste mes celebraremos en Rábade o III Encontro Galego de Custodia do Territorio.

A organización desta edición corre a cargo da Asociación Galega de Custodia do Territorio, que ven de preparar un programa moi interesante. Mediante charlas e mesas de traballo busca crear un espazo para a aprendizaxe e o fortalecemento das entidades que empregan a custodia do territorio como ferramenta de conservación. Contarán con expertos de ámbito nacional na materia e coa participación de profesionais dos sectores forestal, agrario e xurídico. Procedentes do sector privado, da universidade e da Administración, analizarán distintos aspectos relativos á conservación do patrimonio natural e paisaxístico a través da custodia.

Na xornada inaugural vaise proxecta-lo documental A mesma terra, unha produción de Fonsagrada Producións e Televisión de Galicia, e realizado por Iago Mazoy, que contou coa colaboración de Anxo Vázquez e Pepe Coira no guión. Este pase servirá de punto de partida para unha reflexión colectiva sobre o abandono de terras en Galicia e as súas implicacións no mantemento da súa biodiversidade e da súa paisaxe.

Fragas do Mandeo non vai perderse este evento, pois o contido é moi atractivo e sempre enriquece compartir experiencias. Anímate tamén a acudir a este encontro.

Lugar: Centro de Conservación e Estudo da Natureza Casa das Insuas, rúa José Pardo nº 27, Rábade (Lugo)
Datas: 31 de xaneiro e 1 de febreiro de 2014

Máis información na web da organización ou descargando o programa.


De novo nos medios

13 Xaneiro 2014

 
Logo da edición coruñesa do diario “La Opinión”Hoxe, os medios de comunicación falaron de nós. A edición coruñesa do diario La Opinión publicou unha noticia con motivo da nosa última adquisición, unha carballeira situada preto do lugar de Chelo (Coirós). Os seus 55 metros de longo lindan co río Mandeo e forma parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo. A noticia vai acompañada da fotografía do monte que libramos de eucaliptos en Espenuca, e tamén dunha nota na que explican esa intervención.

Logo de Radio Nacional de EspañaRadio Nacional de España tamén recolleu a noticia, gravando unha entrevista que se emitiu por RN1 e RN5 ás 13:24 horas. Formulando diversas preguntas, permitíronos dar a coñece-lo noso traballo de custodia do territorio nas marxes do río Mandeo.


Encontro de educación ambiental

7 Xaneiro 2014

 
Imaxe do Encontro Galego de Educación AmbientalSe arrancamos o ano protexendo un novo monte, continuaremos a nosa actividade participando no Encontro Galego de Educación Ambiental que se celebrará o próximo día 25 en Santiago.

Co título Novos escenarios, novas miradas, ten como obxectivo reflexionar e debater sobre a situación actual da educación ambiental. Busca coñecer iniciativas concretas que estean a funcionar, e identificar novos escenarios e actores cos que se poidan impulsar novas propostas de educación ambiental.

Fragas do Mandeo está invitada a expoñe-la súa visión na mesa de estratexias de conservación do territorio, pois a custodia do territorio é un instrumento efectivo para preserva-la nosa paisaxe, os hábitats que a conforman e as especies que constitúen a súa biodiversidade. Pero tamén ten unha grande capacidade de achega-lo público á natureza e implicalo na súa conservación. Xa que logo, os educadores ambientais poden aproveita-los recursos que ofrecen as entidades de custodia e fomenta-lo apoio dos cidadáns a estas iniciativas.

O encontro está organizado pola Sociedade Galega de Educación Ambiental, a Federación Ecoloxista Galega e o Grupo de Investigación Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

Lugar: Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, sito no parque de Belvís (R/ Camiño da Ameixaga s/n, Santiago de Compostela).
Data: Sábado, 25 de xaneiro.

Máis información descargando o programa.


Primeira adquisición do ano

2 Xaneiro 2014

 
Fotografía do título de propiedadeTal como adiantamos, apenas comezado o 2014, temos unha boa noticia. Esta tarde acudimos de novo á notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra dun monte de 2.216 m2 de superficie, situado na ribeira do río Mandeo, preto do lugar de Chelo (Coirós).

A finca linda co río en toda a súa lonxitude (55 metros) e, xa que logo, forma parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo. Na parte de abaixo presenta un bosque de ribeira ben conservado, fundamentalmente composto por ameneiros e freixos, e ladeira arriba dominan os carballos. Como pasa por ela a ruta Chelo-Zarzo, son moitos os veciños e visitantes que gozan dos seus valores naturais. Con esta adquisición queda garantida a súa conservación a perpetuidade.

Como sempre, temos que agradecerllo ás persoas que están a apoiar a Fragas do Mandeo e achegaron o importe necesario para a adquisición deste monte. Anímate a sumarte a elas e formar parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra cunha doazón a Fragas do Mandeo, non importa o pequena que sexa. Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).