Despedindo un ano movido

31 Decembro 2015

 
O último día do ano é un bo momento para facer balance, ve-lo que podemos mellorar e poñermos metas para o que está a punto de chegar.

Aínda que neste 2015 que remata mercamos poucos montes, non embargante logramos duplicar a superficie custodiada mediante un convenio polo que o Concello de Coirós cedeunos montes por 50 anos, transformamos 2 hectáreas de eucaliptal onde agora medran árbores autóctonas, eliminamos 14 especies exóticas en espazos naturais e retiramos 20 m3 de lixo na marisma, nos ríos e nas praias. Non podemos menos que despedi-lo ano agradecéndolles a tódolos doadores, voluntarios e colaboradores que isto teña sido posible.

O noso desexo para o próximo ano é seguir incrementando apoios que nos permitan repeti-lo mesmo nivel de actividade e ampliar outro tanto a superficie custodiada, adquirindo parcelas ou chegando a acordos. Estamos convencidos de que o lograremos.

¡Súmate ó noso optimismo apostando pola conservación da nosa biodiversidade facéndote doador ou voluntario!

Feliz noitevella e próspero ano novo.


Xornada de voluntariado no Mendo

7 Decembro 2015

 
Aproveitando a previsión de bo tempo, o próximo sábado día 12 imos visita-las parcelas que custodiamos no río Mendo nunha xornada de voluntariado ambiental que ten como obxectivo elimina-la flora exótica invasora e recoller lixo, como parte das actuacións encamiñadas a conformar un espazo que poida cualificarse como micro reserva de biodiversidade.

O traballo consistirá en erradicar cinco especies exóticas: crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), budleia (Buldeja davidii), tradescantia (Tradescantia fluminensis), plátano de paseo (Platanus × hispanica) e un ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium). No tocante ó lixo, recollerémo-lo que deixa o río nas beiras e tamén o que ciscan algúns vándalos na linde coa pista.

Quedaremos diante do Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas para compartir vehículo. Remataremos a tempo para volver a casa a comer. Non fan falla ferramentas, pero lémbrate de levar botas de auga, luvas de coiro e roupa axeitada para traballar no monte.

Para apuntarte, por favor, envíanos o teu nome e número de móbil (na sección Contacto tés tódolos datos necesarios).


Falaremos de invasoras na Domus

17 Novembro 2015

 
Imaxe do cartel da xornada “Especies exóticas invasoras e participación social”Fragas do Mandeo está invitada a participar na xornada Especies exóticas invasoras e participación social, programada para o sábado 28 deste mes no museo coruñés da Domus. Ó longo de todo o día, investigadores, técnicos e divulgadores procedentes da Administración, das universidades e das entidades conservacionistas galegas, así como de Portugal e Cantabria, dialogarán sobre este grave problema ambiental e o papel que pode xoga-la cidadanía.

A nosa intervención enmarcarase na mesa redonda sobre Especies invasoras, voluntariado ambiental e custodia do territorio, na que describiremos ó público a nosa experiencia nestes tres eidos.

Este evento está organizado por ADEGA. Forma parte do seu proxecto Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos, financiado pola Fundación Biodiversidad e contando nesta ocasión coa colaboración do Concello da Coruña.

Máis información na web da organización.


Desvelando a custodia na Agra do Orzán

16 Novembro 2015

 
Esta tarde estivemos na Coruña dando unha charla no IES Agra do Orzán a quince alumnos do ciclo superior de formación profesional que están a prepararse simultaneamente como técnicos en animación de actividades físicas e deportivas e como monitores de actividades de tempo libre.

Os estudantes tiveron ocasión de coñece-los principais problemas ambientais da nosa bisbarra, descubriron as posibilidades de abordalos a través da custodia do territorio e puideron informarse en detalle do noso traballo en favor da conservación da biodiversidade local.

Na nosa charla expresamos a importancia de dedicar parte do noso tempo libre á conservación da natureza. Dentro da súa futura actividade profesional, estes estudantes poderán fomentar este compromiso a través das actividades que organicen en concellos, clubs e asociacións, axudando a preservar eses paraxes naturais que utilizamos como espazos de lecer, paseando ou practicando deporte, pero que tamén son hábitats onde atopan refuxio moitas especies ameazadas, ademais de proporcionar servizos ecosistémicos imprescindibles.

Agradecemos esta magnífica oportunidade de divulgar a nosa actividade á Escola de Tempo Libre Querqus e ó IES Agra do Orzán.

Foto dos alumnos


Colleita de crocosmia do 2015

26 Outubro 2015

 
Onte cinco voluntarios pasaron a mañá arrincando crocosmias no lugar de Chelo, das que sacaron 21 quilos de tubérculos. Con esa actuación rematámo-la campaña deste ano para eliminala das ribeiras do río Mandeo, entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro.

Foto de tubérculos de crocosmiaO balance do ano foi de 164 quilos de tubérculos, arrincados por 43 voluntarios que realizaron un esforzo conxunto de 88 horas de traballo. O ano pasado arrincamos 173 quilos, polo que as dúas campañas suman un total de 337 quilos.

¿Podemos falar de erradicación definitiva? Non, porque sempre pode quedar algún tubérculo escondido entre as raíces dos ameneiros ou unha pequena mata que pasou desapercibida, oculta entre a vexetación da ribeira. Por iso o próximo ano volveremos para revisar meticulosamente este tramo de río: a constancia é unha virtude imprescindible na loita contra as especies exóticas invasoras.

E se hai suficientes voluntarios, incluso prolongaremos a zona de actuación até o Campo dos Caneiros. ¿Non te animas a ser voluntario ambiental?


Última xornada do ano contra a crocosmia

22 Outubro 2015

 
O pasado domingo seis voluntarios pasaron a mañá arrincando crocosmias en Chelo. Malia que recolleron 37 quilos de tubérculos, aínda quedou unha pequena zona sen intervir. Por este motivo, convocamos de novo ós voluntarios para o próximo domingo día 25 de outubro.

Foto dos voluntariosComo acabaremos axiña, dedicarémo-lo resto do tempo a apañar landras e castañas. Con elas, unha vez sementadas, reforzaremos a plantación de carballos que fixemos na parcela que estamos rehabilitando na Espenuca.

Quedaremos diante do Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas para compartir vehículo e empezar a traballar na área recreativa de Chelo ás 10:00 horas. Remataremos a tempo para volver a casa a comer. Non fan falla ferramentas, pero lémbrate de levar un caldeiro.

Para apuntarte, envíanos o teu nome e número de móbil (na sección Contacto tés tódolos datos necesarios), indicando se vas connosco ou directamente.


Continuamos coa campaña da crocosmia

15 Outubro 2015

 
O ano pasado iniciámo-la campaña de erradicación da crocosmia no río Mandeo e xa levamos arrincados 279 quilos de tubérculos. Pero o traballo aínda non está rematado. Por iso o próximo domingo día 18 de outubro imos achegarnos ó lugar de Chelo (Coirós) para continuar coa eliminación desta especie exótica invasora.

Quedaremos diante do Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas para compartir vehículo e empezar a traballar na área recreativa de Chelo ás 10:00 horas. Remataremos a tempo para volver a casa a comer.

Anímate a participar: o traballo é doado e cantos máis sexamos, antes acabaremos con ela. Temos algunhas ferramentas, pero como se cadra non chegan, mira de levar un caldeiro e un pequeno escarificador de man co que arrinca-los tubérculos.

Para apuntarte, envíanos o teu nome e número de móbil (na sección Contacto tés tódolos datos necesarios), indicando se vas connosco ou directamente. Na sección dedicada á campaña da crocosmia da nosa web tes máis información sobre esta planta e a maneira de erradicala.


A dez días da IV Semana de Custodia

9 Setembro 2015

 
Achegámonos á segunda quincena de setembro, e con ela á cuarta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O programa deste ano está centrado nas especies exóticas invasoras, un grave problema ecolóxico no que cada vez resulta máis urxente tomar medidas eficaces. Abrirá a Semana unha xornada de charlas dedicada especificamente a esta cuestión, complementada días despois cunha actuación de voluntariado ambiental para exterminalas nun tramo do litoral.

Imaxe do programa da IV Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoAs especies exóticas invasoras están consideradas unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel planetario. Na nosa bisbarra sufrímo-la presenza de numerosas especies de flora e fauna invasoras, incrementándose o seu número co paso do tempo. Como exemplo, nos últimos meses tivo especial relevancia informativa a incidencia na comarca da nespra asiática (Vespa velutina), chegada a terras galegas hai tres anos. En tódolos casos, a mellor estratexia é a alerta temperá seguida dunha actuación inmediata eficaz: canto máis se retrase, máis difícil e custosa será a súa erradicación.

A plastificación do mar tamén é preocupante, pois causa a morte cada ano dun millón de aves mariñas e de cen mil tartarugas e mamíferos mariños. Isto é un argumento de peso para volver a programar a eco-regata, unha competición lúdica que tivo gran éxito o ano pasado e que inclúe actividades infantís paralelas. Tamén renovarémo-la nosa participación na limpeza simultánea dos ríos galegos. Con estas dúas actividades buscamos reduci-lo lixo que baixa polos nosos ríos e o que se acumula na costa, diminuíndo o seu impacto negativo nos ecosistemas acuáticos.

O obxectivo central da xornada de conferencias é divulgar o coñecemento actual sobre as especies exóticas invasoras presentes na nosa bisbarra, os métodos concretos de eliminación e as estratexias máis efectivas para afrontar este problema, tratando de fomenta-la colaboración entre expertos, particulares e Administración. A loita contra estas especies non debe atender a límites administrativos, pois ten que ser unha actuación coordenada que obedeza a estratexias intelixentes baseadas na distribución e comportamento biolóxico de cada unha das especies presentes na nosa bisbarra.

De novo a Semana volve a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois Fragas do Mandeo destina o 100 % das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo. Tamén colabora a Asociación Xuvenil Brigantium.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Xornada sobre as especies exóticas invasoras nas Mariñas: A Semana comeza cun conxunto de charlas titulado Especies exóticas invasoras: un reto para a custodia do territorio. Trala apertura a cargo do alcalde de Betanzos, D. Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo tras cinco anos de andadura, nos que a loita contra as especies exóticas tivo un papel primordial.

Imaxe do cartel da II Eco-regata Ría de BetanzosA primeira das conferencias correrá a cargo de D. Jorge Mouriño (Arcea Xestión de Recursos Naturais), biólogo experto en invasoras que nos permitirá coñece-la flora exótica máis preocupante localizada na nosa bisbarra e as maneiras de combatela. A continuación intervirá a Dra. Lucía Latorre (Seychelles Islands Foundation), bióloga con experiencia internacional na materia, que se centrará na forma de previr e erradica-la fauna invasora que ameaza os ecosistemas locais. Tras unha pausa a media mañá, D. Eliseo Zaera, coordinador do Departamento de Parques e Xardíns do Concello de Oleiros, contaráno-la súa experiencia nun municipio que lidera esta loita na bisbarra. A continuación Dª Natividad Gilsanz, técnico de medio ambiente do Concello de Miño, exporá as liñas de actuación neste municipio e a importancia da colaboración coas entidades privadas. Rematarémola xornada cunha mesa redonda, na que se sumará ós anteriores D. Jorge Blanco, xestor da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, para debate-las posibilidades de establecer unha estratexia efectiva para erradica-las especies exótica invasoras na nosa bisbarra, de xeito que poidan coordinarse os esforzos das Administracións locais, da reserva, das distintas entidades sociais e dos particulares.
Data: Sábado 19 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Eco-regata na ría de Betanzos: A morea de refugallos que recollemos o ano pasado na marisma ―¡máis de 200 sacos!― animou a tódolos participantes a repetir esta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións, apoiadas en terra polos seus equipos, afanaranse por ver cal é a que máis lixo recolle e a que atopa o refugallo máis singular. A saída e a meta estarán no porto de Betanzos, onde haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 20 de setembro, de 16:30 a 20:30 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Voluntariado en Ponte do Porco: A segunda xornada de voluntariado ambiental estará centrada na eliminación da flora exótica invasora que ameaza a biodiversidade da praia da Alameda. Como sempre, retiraremos de paso todo o lixo que poidamos. Nos últimos cinco anos arrincámo-la uña de gato (Carpobrotus edulis), os plumachos (Cortaderia selloana) e o eixerón (Conyza canadensis). Aparte de revisar se algunha delas apareceu de novo, este ano atacaremos outras invasoras: a santalina de auga (Cotula coronopifolia), o Aster squamatus e o Cyperus eragrostis. Igual que nas ocasións anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 26 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).

Limpeza simultánea de ríos: Por terceira vez imos achegarnos ó río Mendo para participar na oitava edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. O ano pasado, as 54 entidades que nos apuntamos recollemos máis de 12 toneladas de lixo. En función do número de inscritos repartirémo-los tramos, coa intención de recoller canto refugallo atopemos entre a ponte das Moas e a ponte de Taibo. Son 8 km de percorrido de gran beleza, no que boa parte está integrada no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. O traxecto non é dificultoso, pero convén levar calzado e roupa axeitados para andar polo monte, ademais de luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 27 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o centro de saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é algo máis que outro evento da axenda cultural local. Busca proporcionar unha ocasión ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

É tempo de moverse pola nosa biodiversidade: ¡Apúntate!

Foto de voluntarios na praia da Alameda


Último rastrillo do ano este domingo

4 Setembro 2015

 
O próximo domingo día 6 farémo-lo quinto e último rastrillo do ano. Como en ocasións anteriores, estaremos vendendo os artigos doados polos nosos simpatizantes entre ás 10:00 e as 14:00 horas ó pé das escaleiras da igrexa de Santo Domingo, na praza do Campo de Betanzos.

Os rastrillos supoñen un elevado esforzo que asume un pequeno grupo de voluntarios, sempre ó pairo de que a choiva obrigue a cancelalos, ou a calor diminúa as vendas porque os posibles clientes escolleron a praia. Pero son importantes porque os ingresos obtidos permiten garantirlle ós doadores que o 100 % das súas doazóns se destinarán a pagar o prezo de venda dos montes que mercamos, pois gastos como os da notaría e outros cubrímolos cos rastrillos.


Nova parcela no Mendo

3 Setembro 2015

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe asinámo-la escritura da compra dunha parcela de 460 m2 na notaría de D. Óscar López e D. Gonzalo Freire en Betanzos.

A pequena superficie da parcela está compensada con que alberga un bosque de ribeira cualificado como hábitat prioritario (91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior). Está situada nas inmediacións doutras que xa custodiamos na zona co obxectivo de crear a micro reserva do Ollo da Roda, que con esta nova incorporación agora pasa a ter unha superficie de 24.545 m2.

As achegas dos nosos doadores permiten dar pasos ―pequenos ou grandes― para conserva-los nosos espazos naturais. ¡Anímate a sumarte a eles! Podes atopar máis información na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).