Dobre superficie, dobre responsabilidade

5 Maio 2015

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe asinamos un convenio co Concello de Coirós para xestionar durante 50 anos a conservación de 92.239 m2 de bosque de titularidade municipal no entorno do monte da Espenuca. Deste xeito, pasaremos a duplica-la extensión que estamos custodiando actualmente.

Un terzo da superficie son parcelas situadas na beira do río. A multitude de especies arbóreas que medran nas proximidades da auga conforman un bosque de ribeira considerado hábitat prioritario. Segundo nos afastamos do río ladeira arriba, van dominando os carballos, constituíndo un bosque denominado carballeira galaico-portuguesa. Dado o bo estado de conservación destas fragas, a xestión vaise centrar na vixilancia de que non aparezan nelas nin eucaliptos ventureiros nin outras especies exóticas.

Fotografía da fragaPola contra, o resto da superficie son eucaliptais situados no alto do monte, preto da ermida. Dada a súa localización, ó impacto paisaxístico que provocan engaden o seu pobre estado ecolóxico. O obxectivo aquí está claro: elimina-los eucaliptos e acacias negras para logo reforestar con árbores autóctonas. Cos anos lograremos unhas fragas que non se distingan das que hai nas outras parcelas, mellorando así o entorno paisaxístico da ermida e do miradoiro, para goce de veciños e visitantes. Pero sobre todo, conseguiremos amplia-los hábitats naturais nos que viven moitas das especies ameazadas presentes na nosa bisbarra.

Aparte do seu potencial cara a unha restauración ecolóxica, estas parcelas presentan actualmente outros valores. Unha delas ten unhas formacións rochosas magníficas. Cando retirémo-los eucaliptos, os domos graníticos amosarán toda a súa fermosura. Outra alberga restos de construcións que precisarán dun exame arqueolóxico que determine o seu valor e permita deslinda-las zonas onde hai que ser especialmente cautelosos nas actividades de corta e reforestación.

Aínda que imos face-las plantacións con voluntariado, teremos que contratar con profesionais os traballos de corta de eucaliptos e preparación dos terreos. Como queremos seguir garantindo a tódolos nosos doadores que as súas achegas destinaranse na súa totalidade a mercar parcelas de interese ambiental, estamos buscando novas fontes de financiamento que permitan sufragar eses gastos.

Fotografía do convenioEste acordo de custodia do territorio é o segundo deste tipo que subscribe unha entidade galega coa Administración, amosando o Concello de Coirós a súa disposición a empregar esta nova fórmula para preserva-la biodiversidade do municipio. A colaboración entre os distintos organismos públicos e as entidades de custodia ten unha enorme potencialidade para a conservación dos nosos espazos naturais. Por ese motivo, tras estes modestos inicios, esperamos que no futuro sexa unha práctica recorrente, de xeito similar ó que acontece noutros países dende hai bastante tempo.

Se queres colaborar como voluntario na reforestación destas parcelas, ponte en contacto connosco e avisarémoste chegado o día. Na sección Contacto tés tódolos datos necesarios.

Nota: Se te achegas ó monte da Espenuca, verás no mesmo cumio varias parcelas nas que cortaron eucaliptos. Esas non están dentro do convenio, pois non son patrimonio municipal. ¡Esperemos que algún día tamén poidamos chegar a un acordo co seu titular!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).