Moita calor, moito empeño

22 Xuño 2015

 
Onte, os dezaseis voluntarios que estivemos traballando no monte de Os Vellos aguantamos máis de 30 graos de temperatura baixo un sol que non perdoaba. Pero o caso foi que non nos arredamos e o traballo avanzou a bo ritmo, cumpríndose as previsións: nun bo cacho do monte xa está amoreada a ramallada que quedou da corta dos eucaliptos.

Foto dos voluntarios A media mañá, arrexuntados na pequena carballeira que medra no sueste da parcela, repuxemos forzas gozando dun ambiente máis fresco. Se antes sufrimos a sequidade do eucaliptal, no interior da carballeira atopamos o que os especialistas chaman un ambiente nemoral, caracterizado por ter máis sombra, máis humidade, temperaturas máis suaves e incluso menos correntes de aire. Este entorno é o que facilita que moitas especies ameazadas sobrevivan nas nosas fragas nos meses máis rigorosos, sexa pola calor ou polo frío, entre elas fentos relictos como a Woodwardia radicans. E tamén un lugar agradable para o avituallamento no que, como en ocasións anteriores, colaborou a empresa Gadisa.

Hoxe a carballeira que temos en Os Vellos é pequena. Pero dentro duns anos será máis grande, máis vella e acubillará máis biodiversidade. Os voluntarios volverán alí e dirán con orgullo: “Eu axudei a facer esta fraga”.

Se ti tamén queres ser partícipe, o próximo domingo día 28 temos a segunda xornada de voluntariado no mesmo monte. Apúntate antes do venres enviándonos un correo electrónico e farémosche un seguro de accidentes financiado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Na sección Contacto tes os datos necesarios.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: 28 de xuño de 2015.
Hora: Sairemos ás 9:00 para aproveita-la fresca. Volveremos ás 13:30 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).