Celebrámo-lo quinto aniversario

6 Xullo 2015

 
Onte foi o aniversario da nosa mascota Dona, pois naceu hai cinco anos en Aranga, nun lugar moi preto do río Mandeo. E nada mellor que celebralo coa súa compañeira Gala, comendo unhas chuches caninas das que tanto lles gustan. O agasallo era merecido, pois neste tempo Dona acompañounos a buscar montes, estivo cos voluntarios nas xornadas de traballo, guiou a cativos e maiores polo Mandeo e foi a protagonista dun álbum sobre a natureza local.

Foto de Dona e GalaO seu aniversario lémbranos que no ano 2010, tal día coma hoxe, naceu Fragas do Mandeo. Pasado este primeiro lustro podemos bota-la ollada cara atrás e comprobar se nos mantivemos fieis ós obxectivos iniciais: practica-la custodia do territorio con fins de conservación da natureza no entorno da comarca de As Mariñas.

Se naciamos cunha dotación fundacional dun par de pequenas parcelas, hoxe a superficie custodiada roza os 200.000 m2, sendo a metade en propiedade e o resto cedida por longos prazos de tempo. Moitas destas parcelas son fragas en bo estado de conservación. Outras tiñan eucaliptos; tras seren eliminados, agora vemos como nelas están a medrar bosques caducifolios, mellora a paisaxe e se recupera un hábitat que da acubillo a moitas especies ameazadas.

As nosas campañas no se limitaron a aquelas parcelas nas que adquirimos dereitos que nos permiten xestionalas. Aínda que en Galicia non se teñan asinado convenios de custodia do territorio que afecten ós dominios públicos hidráulico e marítimo terrestre, nós non esperamos á que a Administración os aprobe para actuar nos ríos, nas marismas e nas praias da bisbarra.

Todo isto foi posible principalmente grazas ós modestos doadores e ós esforzados voluntarios de Fragas do Mandeo, que coas súas achegas económicas e determinación persoal lograron o seu éxito. Pero tamén ás asociacións que apoian economicamente e difunden o noso traballo; ás moitas persoas que nos axudaron de diversas maneiras e ás pequenas empresas que colaboraron en distintos momentos. A todos eles, ¡moitas grazas!

Se non estás entre estes pioneiros, ¿a qué esperas para defender dun xeito tan eficaz os nosos espazos naturais?


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).