Unha nova parcela, un novo reto

9 Xullo 2015

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe asinamos a escritura da compra dunha parcela de 1.400 m2 na notaría de D. Óscar López e D. Gonzalo Freire en Betanzos.

Aínda que a súa superficie é pequena, a parcela ten a vantaxe de que por un lado linda cunha que xa temos e por outro co río Mendo. Hai tempo era un prado de ribeira no que o seu propietario plantou eucaliptos. Cortounos antes de vendérnola e agora poderemos recupera-lo bosque de ribeira na linde co río e volver a deixar a prado o resto, co que recuperará todo o seu valor ecolóxico.

Aparte de significar un avance na creación da micro reserva do Ollo da Roda, esta adquisición permitiunos cruza-la barreira dos 200.000 m2 de superficie custodiada (en propiedade preto da metade e o resto mediante un arrendamento e varios acordos de cesión a longo prazo), cando estamos a celebra-lo quinto aniversario da nosa fundación.

Como en ocasións anteriores, esta compra foi realizada grazas ás persoas e colectivos que están a apoiarnos coas súas modestas achegas. Pero cando se cruza unha meta, enseguida aparecen novos obxectivos.

¿Queres acadar connosco o novo reto? Calquera achega, por pequeno que sexa o seu importe, será de gran axuda para conserva-los nosos espazos naturais. Na sección Colabora explicámosche como facelo e tamén podes consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).