Nova xornada de des-eucaliptización o día 24

20 Xaneiro 2016

 
Cartel da campaña “Un castiñeiro máis, un eucalipto menos”O prognóstico meteorolóxico para este domingo é dun día soleado con temperatura agradable. Así que imos aproveitar para achegarnos a un monte que temos en Os Vellos (Coirós) para seca-los eucaliptos que alí afillan. Xa quedan poucos, así que esperamos remata-lo traballo e deixa-la parcela preparada para reforestala con arborado autóctono.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Como igual non chegan as ferramentas para todos, mira de levar unha macheta. Tamén é aconsellable levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquecer algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se es unha desas persoas que prefire que haxa máis fragas e menos eucaliptais na nosa bisbarra, tes a oportunidade de apuntarte a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarte cambios de última hora e nos facilitas a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 24 de xaneiro de 2016.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).