Celebrámo-lo noso aniversario cun par de convenios

6 Xullo 2016

 
Tal día coma hoxe hai seis anos naceu Fragas do Mandeo. E nada mellor que celebralo con boas noticias: a sinatura de dous convenios que nos permitirán avanzar na conservación dos hábitats da nosa bisbarra.

Convenio de colaboración universitaria

Hai unhas semanas, botánicos da Universidade da Coruña puxéronse en contacto connosco. O motivo era que valoráramos a posibilidade de que os estudantes, dentro do seu programa lectivo e apoiados polos seus profesores, fixeran traballos en colaboración con Fragas do Mandeo baixo o método denominado aprendizaxe-servizo, onde van asociados nun determinado proxecto o proceso formativo e o compromiso social.

Logo da Universidade da CoruñaDende a nosa perspectiva calquera apoio académico é unha excelente oportunidade para avanzar no coñecemento da biodiversidade da nosa bisbarra e para mellora-la eficacia das nosas actuacións de restauración ecolóxica de hábitats. Xa que logo, o pasado día 20 asinamos este convenio de colaboración, que abrangue tanto o campo da botánica coma o resto das ramas das ciencias naturais. No próximo curso académico teremos as primeiras reunións cos alumnos e profesores, nas que definiremos conxuntamente os proxectos concretos a desenvolver.

Nace unha microrreserva de anfibios

Onte asinamos o segundo acordo de custodia do territorio co Concello de Coirós. Nesta ocasión a cesión do uso e da xestión por un período de 50 anos afecta a tres parcelas lindeiras de titularidade municipal localizadas no monte de Pedra Partida, que suman unha superficie de 50.231 m2. Foto da canteira do CatorceCon esta sinatura démo-lo primeiro paso na creación da reserva de anfibios do Catorce.

Situada nunha canteira naturalizada tras ser abandonada a súa explotación hai décadas, a súa importancia para os anfibios resúmese no seguinte dato: das 14 especies de anfibios galegos, nela están presentes 11 especies, con dúas máis nas proximidades. Xa que logo, localmente é un punto clave para a conservación dos anfibios, un grupo animal moi ameazado a nivel planetario.

Xunto a esta reserva do Catorce, estamos traballando na do Ollo da Roda, na que actualmente temos dereitos de titularidade das dúas terceiras partes da superficie prevista. Poden considerarse como as dúas primeiras microrreservas de anfibios de Galicia, tendo como precedente as de flora creadas na montaña lucense pola AGCT.

Foto da sinatura do convenioMediante voluntariado ambiental acometeremos proximamente as accións iniciais de mellora do hábitat: a recollida de lixo, a erradicación de especies de flora exótica invasora, a xestión da ramallada de eucalipto deixada na última corta e o secado dos cepos dos que afillaron.

Máis adiante abordaremos aquelas actuacións para as que precisaremos de financiamento externo (ningún dos dous convenios ten unha dotación económica), tales como a instalación dun control de acceso de vehículos, a retirada de uralitas con amianto, a mellora do nivel hídrico ou a reconversión das edificacións abandonadas.

Tempo e unha oportunidade

Foto de Dona, Gala e TrufaA nosa mascota Dona tamén cumpriu onte seis aniños. Pero como facía moita calor, celebrouno pasando o día ó fresco acompañada da súa compañeira Gala e dunha nova amiga chamada Trufa. Atopámola abandonada e esfameada; tíñalle moito medo á xente, pero Gala logrou que confiara en nós. Agora é a primeira en acaba-la comida e non quere máis que xogar con elas e con nós.

Ver medrar a Dona danos sentido do paso do tempo. Unha oportunidade e tempo é o que precisa a natureza da nosa bisbarra para recuperarse. Anímate a darlle esa oportunidade colaborando co fondo de conservación de Fragas do Mandeo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).