Continúa a campaña da crocosmia

19 Xullo 2016

 
Foto da CrocosmiaxcrocosmiifloraO domingo 24 de xullo retomarémo-la campaña de erradicación da Crocosmia x crocosmiiflora no lugar de Chelo (Coirós). O aspecto fráxil desta especie exótica invasora de fermosas flores ―motivo polo que é usada en xardinería― resulta enganoso, pois non é doado eliminala. De feito, malia termos arrincado xa máis de 337 quilos de tubérculos nesta zona do río Mandeo, aínda non demos acabado con ela. Pero imos avanzando, tal como podes ver na sección Campaña Crocosmia da nosa web.

Nesta ocasión contaremos coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, que programa esta actuación dentro dos seus Encontros Naturalistas. Os que queiran participar nesta xornada de voluntariado ambiental deben inscribirse antes das 14:00 horas do sábado 23 a través da páxina da actividade na súa web, onde tamén pode atoparse información detallada e os datos de contacto para resolver calquera dúbida.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).