Voluntariado na reserva de anfibios

11 Agosto 2016

 
Para o sábado 20 de agosto temos programada unha xornada de voluntariado ambiental na reserva de anfibios do Catorce.

O mes pasado asinamos un acordo de custodia do territorio para a creación desta reserva, no que o Concello de Coirós cedeunos o uso e a xestión por 50 anos dunha superficie de 5 hectáreas. Nesta xornada iniciaremos a primeira fase das melloras previstas.

Foto da reserva de anfibiosImos aproveitar que a zona húmida está totalmente seca para traballar nela sen risco de afectar ós anfibios. Nesta xornada recolleremos todo o lixo que atopemos, erradicaremos varias especies de plantas invasoras, amorearemos ramallada da última corta e secaremos eucaliptos.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde quedaremos ás 9:30 horas para compartir vehículos, contando con estarmos de volta ás 14:00. Como posiblemente non cheguen as ferramentas para todos, leva se podes unha macheta ou un gabillo. Tamén é conveniente levar unhas luvas e vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, así como algo de picar e de beber para cando fagamos a pausa de media mañá.

Se queres apuntarte a esta xornada e así participar dende o inicio nas tarefas de creación da reserva, ponte en contacto connosco con antelación (na sección Contacto atoparás a información necesaria). Lembra proporciona-los teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil), indicando se debemos esperarte no punto de encontro ou se irás directamente. Deste xeito poderemos facerche un seguro de accidentes e avisarche de cambios de última hora, ademais de que nos facilitas a organización.

¡Crear unha reserva de anfibios ben pode considerarse vacacións activas!

 

Post data: A reserva de anfibios creou o suficiente interese para que 24 persoas deixaran de lado as praias e as festas patronais o sábado 20 de agosto para participar na primeira xornada de voluntariado que organizamos nela. Retiraron todo o lixo que localizaron, sumando un volume de 5 m3, incluíndo dous bidóns, un deles cheo de alcatrán que estaba a contamina-la terra por unha fuga. Elimináronse especies invasoras (a budleia, varios plumachos e algo de eixerón), así como varios eucaliptos nas zonas explotadas pola antiga canteira. Tamén se amoreou boa parte da ramallada abandonada na zona inundable.

Foto de los voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).