Voluntariado na reserva de anfibios

11 Agosto 2016

 
Para o sábado 20 de agosto temos programada unha xornada de voluntariado ambiental na reserva de anfibios do Catorce.

O mes pasado asinamos un acordo de custodia do territorio para a creación desta reserva, no que o Concello de Coirós cedeunos o uso e a xestión por 50 anos dunha superficie de 5 hectáreas. Nesta xornada iniciaremos a primeira fase das melloras previstas.

Foto da reserva de anfibiosImos aproveitar que a zona húmida está totalmente seca para traballar nela sen risco de afectar ós anfibios. Nesta xornada recolleremos todo o lixo que atopemos, erradicaremos varias especies de plantas invasoras, amorearemos ramallada da última corta e secaremos eucaliptos.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde quedaremos ás 9:30 horas para compartir vehículos, contando con estarmos de volta ás 14:00. Como posiblemente non cheguen as ferramentas para todos, leva se podes unha macheta ou un gabillo. Tamén é conveniente levar unhas luvas e vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, así como algo de picar e de beber para cando fagamos a pausa de media mañá.

Se queres apuntarte a esta xornada e así participar dende o inicio nas tarefas de creación da reserva, ponte en contacto connosco con antelación (na sección Contacto atoparás a información necesaria). Lembra proporciona-los teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil), indicando se debemos esperarte no punto de encontro ou se irás directamente. Deste xeito poderemos facerche un seguro de accidentes e avisarche de cambios de última hora, ademais de que nos facilitas a organización.

¡Crear unha reserva de anfibios ben pode considerarse vacacións activas!

 

Post data: A reserva de anfibios creou o suficiente interese para que 24 persoas deixaran de lado as praias e as festas patronais o sábado 20 de agosto para participar na primeira xornada de voluntariado que organizamos nela. Retiraron todo o lixo que localizaron, sumando un volume de 5 m3, incluíndo dous bidóns, un deles cheo de alcatrán que estaba a contamina-la terra por unha fuga. Elimináronse especies invasoras (a budleia, varios plumachos e algo de eixerón), así como varios eucaliptos nas zonas explotadas pola antiga canteira. Tamén se amoreou boa parte da ramallada abandonada na zona inundable.

Foto de los voluntarios


Terceiro rastrillo o domingo 7

3 Agosto 2016

 
O próximo domingo día 7 de agosto volveremos por terceira vez este ano á praza do Campo de Betanzos co noso rastrillo. Como habitualmente, será entre as 10:00 e as 14:00 horas para vender a diversidade de produtos que nos doan os nosos simpatizantes: libros, xoguetes, bixutería, obxectos de regalo, complementos, etc.

O prognóstico meteorolóxico apunta a un día soleado e cálido. Isto ten unha parte positiva, a ausencia de ameaza de choiva que nos estrague o rastrillo. Pero tamén ten unha cara negativa, pois aumenta a probabilidade de que a meirande parte do público estea ausente na praia, véndose diminuídas consecuentemente as ventas. ¡Achegar fondos para a conservación da natureza custa moito traballo!

P.D.: CANCELADO. As altísimas temperaturas previstas para o domingo aconsellan deixa-lo rastrillo para outro día.


A reserva do Catorce nos medios

28 Xullo 2016

 
Varios medios de comunicación recolleron a nova sobre a creación da reserva de anfibios do Catorce. De feito, o mesmo día da sinatura do acordo de custodia do territorio, Radio Galega emitiu a noticia.

Logos de medios de comunicaciónEsa mesma semana o diario La Opinión – Coruña publicou a noticia o venres e logo o domingo unha crónica sobre o noso traballo no monte da Espenuca.

Tamén o venres entrevistounos a cadea de radio COPE Coruña. O luns seguinte, un equipo de V Televisión achegouse á reserva para entrevistarnos e lograron gravar imaxes dos anfibios, malia estar ocultos no máis denso da vexetación palustre, escapando da calor destes días. A reportaxe foi emitida o día seguinte nos informativos da noite.

O martes pola tarde tocou visitar de novo a reserva cun equipo da TVG para gravar outra entrevista e tomar imaxes do enclave, que finalmente foi emitida hoxe nos informativos locais da noite. O mércores tamén contactou con nós RNE, emitindo a entrevista tanto en Radio 1 como en Radio 5 o xoves.

Tamén os medios electrónicos fixéronse eco da nova: Xornal de Betanzos, Galicia Confidencial, Diario Marítimo e El Noticiero de Arteixo.

Esperamos que grazas a esta presenza nos medios de comunicación lográramos transmiti-la importancia de protexer pequenos espazos claves para a conservación da nosa biodiversidade, aínda que non teñan un especial valor paisaxístico ou turístico, de maneira que esta iniciativa sexa imitada noutras comarcas.


Menos crocosmia e máis monitores

25 Xullo 2016

 
Foto dos voluntariosTal como estaba programado, onte achegámonos ó lugar de Chelo (Coirós) para continuar coa eliminación da crocosmia, axudados polo Grupo Naturalista Hábitat. Os 11 adultos e dous cativos que participaron na xornada recolleron en total 18 quilos de tubérculos que, segundo as contas que fixemos tras pesar un quilo deles, significan 8.748 tubérculos menos desta planta exótica invasora. Pero o máis importante de todo é que con esta acción xa están libres dela toda a área recreativa, a beira esquerda do Mandeo dende a pontella até o muíño de maquía e toda a beira dereita até a ponte de Teixeiro. Obviamente, haberá que estar atentos ante as posibles reaparicións, pois sempre queda algún tubérculo por desenterrar.

Hoxe pola mañá volvemos a visita-lo río Mandeo. A primeira hora démoslles unha charla sobre a custodia do territorio e o traballo de Fragas do Mandeo ós alumnos do Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre que a Escola Querqus está a impartir na Casa da Xuventude de Betanzos. Posteriormente achegámonos ó lugar de Chelo para que coñeceran o espazo natural e a súa biodiversidade, incidindo na importancia de que cando actúen como guías saiban destaca-los valores naturais dos espazos que visiten. Non nos deu tempo a realizar unha práctica de eliminación de especies exóticas invasoras, pero lles explicamos como organizamos as nosas actividades e os animamos a que no seu futuro profesional programen xornadas de voluntariado ambiental a favor da natureza.


Continúa a campaña da crocosmia

19 Xullo 2016

 
Foto da CrocosmiaxcrocosmiifloraO domingo 24 de xullo retomarémo-la campaña de erradicación da Crocosmia x crocosmiiflora no lugar de Chelo (Coirós). O aspecto fráxil desta especie exótica invasora de fermosas flores ―motivo polo que é usada en xardinería― resulta enganoso, pois non é doado eliminala. De feito, malia termos arrincado xa máis de 337 quilos de tubérculos nesta zona do río Mandeo, aínda non demos acabado con ela. Pero imos avanzando, tal como podes ver na sección Campaña Crocosmia da nosa web.

Nesta ocasión contaremos coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, que programa esta actuación dentro dos seus Encontros Naturalistas. Os que queiran participar nesta xornada de voluntariado ambiental deben inscribirse antes das 14:00 horas do sábado 23 a través da páxina da actividade na súa web, onde tamén pode atoparse información detallada e os datos de contacto para resolver calquera dúbida.


Últimas prazas no campo de traballo

12 Xullo 2016

 
Segundo nos informaron hoxe, soamente quedan 6 prazas libres no campo de traballo internacional Monte da Espenuca que vai desenvolverse entre o 20 e o 31 de agosto.

Aquelas persoas de entre 18 e 30 anos que estean valorando a posibilidade de convivir con xente procedente de distintas comunidades autónomas e países, aínda teñen a oportunidade de participar neste campo de traballo promovido por Fragas do Mandeo, solicitado polo Concello de Coirós á Xunta de Galicia e organizado por Ribeirán Proxectos Naturais.

O obxectivo do campo e restaura-lo bosque autóctono no entorno da Espenuca, eliminando os eucaliptos dunha parcela de monte que custodiamos e preparándoa para a súa reforestación con especies caducifolias no inverno. No tempo de ocio, os voluntarios poderán coñece-lo rico patrimonio natural e monumental da contorna.

Para difundi-lo campo temos elaborado un folleto con información detallada. Pode descargarse a versión en alta resolución para imprimir en galego e en castelán, e en baixa resolución para enviar por correo electrónico, tamén en galego e en castelán.


Celebrámo-lo noso aniversario cun par de convenios

6 Xullo 2016

 
Tal día coma hoxe hai seis anos naceu Fragas do Mandeo. E nada mellor que celebralo con boas noticias: a sinatura de dous convenios que nos permitirán avanzar na conservación dos hábitats da nosa bisbarra.

Convenio de colaboración universitaria

Hai unhas semanas, botánicos da Universidade da Coruña puxéronse en contacto connosco. O motivo era que valoráramos a posibilidade de que os estudantes, dentro do seu programa lectivo e apoiados polos seus profesores, fixeran traballos en colaboración con Fragas do Mandeo baixo o método denominado aprendizaxe-servizo, onde van asociados nun determinado proxecto o proceso formativo e o compromiso social.

Logo da Universidade da CoruñaDende a nosa perspectiva calquera apoio académico é unha excelente oportunidade para avanzar no coñecemento da biodiversidade da nosa bisbarra e para mellora-la eficacia das nosas actuacións de restauración ecolóxica de hábitats. Xa que logo, o pasado día 20 asinamos este convenio de colaboración, que abrangue tanto o campo da botánica coma o resto das ramas das ciencias naturais. No próximo curso académico teremos as primeiras reunións cos alumnos e profesores, nas que definiremos conxuntamente os proxectos concretos a desenvolver.

Nace unha microrreserva de anfibios

Onte asinamos o segundo acordo de custodia do territorio co Concello de Coirós. Nesta ocasión a cesión do uso e da xestión por un período de 50 anos afecta a tres parcelas lindeiras de titularidade municipal localizadas no monte de Pedra Partida, que suman unha superficie de 50.231 m2. Foto da canteira do CatorceCon esta sinatura démo-lo primeiro paso na creación da reserva de anfibios do Catorce.

Situada nunha canteira naturalizada tras ser abandonada a súa explotación hai décadas, a súa importancia para os anfibios resúmese no seguinte dato: das 14 especies de anfibios galegos, nela están presentes 11 especies, con dúas máis nas proximidades. Xa que logo, localmente é un punto clave para a conservación dos anfibios, un grupo animal moi ameazado a nivel planetario.

Xunto a esta reserva do Catorce, estamos traballando na do Ollo da Roda, na que actualmente temos dereitos de titularidade das dúas terceiras partes da superficie prevista. Poden considerarse como as dúas primeiras microrreservas de anfibios de Galicia, tendo como precedente as de flora creadas na montaña lucense pola AGCT.

Foto da sinatura do convenioMediante voluntariado ambiental acometeremos proximamente as accións iniciais de mellora do hábitat: a recollida de lixo, a erradicación de especies de flora exótica invasora, a xestión da ramallada de eucalipto deixada na última corta e o secado dos cepos dos que afillaron.

Máis adiante abordaremos aquelas actuacións para as que precisaremos de financiamento externo (ningún dos dous convenios ten unha dotación económica), tales como a instalación dun control de acceso de vehículos, a retirada de uralitas con amianto, a mellora do nivel hídrico ou a reconversión das edificacións abandonadas.

Tempo e unha oportunidade

Foto de Dona, Gala e TrufaA nosa mascota Dona tamén cumpriu onte seis aniños. Pero como facía moita calor, celebrouno pasando o día ó fresco acompañada da súa compañeira Gala e dunha nova amiga chamada Trufa. Atopámola abandonada e esfameada; tíñalle moito medo á xente, pero Gala logrou que confiara en nós. Agora é a primeira en acaba-la comida e non quere máis que xogar con elas e con nós.

Ver medrar a Dona danos sentido do paso do tempo. Unha oportunidade e tempo é o que precisa a natureza da nosa bisbarra para recuperarse. Anímate a darlle esa oportunidade colaborando co fondo de conservación de Fragas do Mandeo.


Segundo rastrillo do ano o día 3

29 Xuño 2016

 
Foto do rastrilloDe novo teremos tempo soleado para o rastrillo. Este domingo día 3 de xullo estaremos na praza do Campo de Betanzos, entre as 10:00 e as 14:00 horas, vendendo unha gran variedade de produtos: libros, xoguetes, bixutería, obxectos de regalo, complementos, etc.

Grazas ó traballo dos nosos voluntarios, que ese día se erguerán cedo para ter todo a punto, e á xenerosidade dos nosos simpatizantes, que nos doan todo tipo de obxectos, haberá magníficas ofertas á venda, con moitos produtos en perfecto estado a prezos económicos.

Ademais de fomentar o principio «reduce, reutiliza, repara, recicla», coa presenza na rúa damos a coñece-lo noso traballo: os ingresos obtidos permítennos cubri-los gastos que supón a custodia dos montes que temos mercado para garanti-lo seu bo estado ecolóxico e ampliar a súa superficie mediante novas adquisicións.


Voluntariado na praia da Alameda este sábado

14 Xuño 2016

 
Este sábado día 18, imos achegarnos á praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño) para facer unha recollida de lixo e eliminar invasoras.

Foto de lixo na praiaEsta pequena praia é o areal con máis importancia ecolóxica de todo o espazo natural protexido Betanzos-Mandeo. Por este motivo, apadriñámola dende o ano 2011, eliminando especies exóticas invasoras e retirando canto refugallo atopamos.

Neste inverno o mar modificou o perfil da praia e botou moito lixo na zona dunar. Non pode utilizarse maquinaria para recollelo, pois deterioraría a flora e afectaría negativamente ó escaso escaravello das praias (Eurynebria complanata).

Teremos a oportunidade de ver flora autóctona, como a orquídea Dactylorhiza elata, e repasaremos a reaparición das especies invasoras que temos eliminado en ocasións anteriores.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde quedaremos ás 9:30 horas para compartir vehículos, contando con estarmos de volta ás 14:00. É conveniente levar unhas luvas e calzado resistente (a vexetación estará alta e mollada), así como algo de picar e de beber para cando fagamos a pausa de media mañá.

Se te animas a participar, por favor, envíanos os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así nos facilitas a organización e tamén poderemos facerche o seguro de accidentes e avisarte se hai cambios de última hora. Na sección Contacto tes os datos necesarios.


Primeiro rastrillo do ano este domingo

31 Maio 2016

 
Os meteorólogos prognostican tempo soleado para esta fin de semana, polo que aproveitaremos para face-lo primeiro rastrillo do ano. Así, este domingo día 5 de xuño un grupo de voluntarios estaremos na praza do Campo de Betanzos, entre as 10:00 e as 14:00 horas, vendendo produtos doados polos nosos simpatizantes: libros, xoguetes, bixutería, obxectos de regalo, complementos, etc.

Como Fragas do Mandeo destina tódalas achegas dos seus doadores a mercar montes de interese ambiental, precisa desta fonte de ingresos para cubri-los gastos que supón a súa custodia. Aínda así esperamos que sobren cartos para destinalos tamén a adquirir novas parcelas. Xa que logo hai que agradecerlles ós simpatizantes a súa xenerosidade e ós voluntarios o seu esforzo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).