Os scouts axúdannos en Chelo

1 Abril 2017

 
Esta mañá achegáronse a Chelo seis mozos e mozas do grupo scout Chan, acompañados de dúas monitoras. Alí os esperabamos tres voluntarios de Fragas do Mandeo, para logo dirixirnos ó monte que custodiamos dende hai catro meses grazas a unha doazón.

Foto dos scoutsNel medra un bosque caducifolio, aínda novo. O obxectivo da xornada de voluntariado era eliminar tódolos eucaliptos de pequeno porte que aparecen polo medio, de maneira que as árbores autóctonas deixen de ter competencia e se rexenere totalmente o ecosistema.

O traballo non foi doado. A parcela ten moita pendente e, ademais, era a primeira vez que os scouts facían esta labor. Pero quedaron contentos desta experiencia, e nós agradecidos de que viñeran de Santiago de Compostela para botarnos unha man na conservación das fragas do río Mandeo.

Como non acabamos cos eucaliptos da parcela, aparte de que temos máis tarefas pendentes noutros montes, proximamente convocaremos novas xornadas de voluntariado. Se te animas a participar, ponte en contacto connosco (atoparás os datos necesarios na sección Contacto).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).