Voluntariado no Ollo da Roda

17 Abril 2017

 
O próximo domingo día 23 achegarémonos ó río Mendo para traballar na reserva que estamos creando no Ollo da Roda. A primavera avanza e hai que aproveita-lo bo tempo.

O obxectivo é elimina-los ligustros asiáticos (Ligustrum ovalifolium) que non localizamos o ano pasado debido á altura da vexetación, máis algún pé de robinia (Robinia pseudoacacia). De paso, revisaremos se rebrotou ou naceu de semente algún eucalipto e recolleremos canto lixo atopemos. Por último, plantaremos algunhas árbores autóctonas que nos doaron.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que leves ferramentas, pero mira de levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquecer algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

No caso de que esteas interesado en conservar activamente a nosa biodiversidade, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarte cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 23 de abril de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).