Voluntariado con tempo imprevisible

1 Maio 2017

 
Trala longa seca desta primavera, o día 23 foron 13 voluntarios a plantar dous pradairos e vinte castiñeiros na reserva do Ollo da Roda (Oza-Cesuras), confiando no prognóstico meteorolóxico que anunciaba a ansiada choiva para o mércores. O que non sospeitabamos era que o risco non estaba na falta de auga: Tras ela caeu o xoves unha forte xeada, danando tanto á vexetación do entorno coma ás árbores que plantamos. Afortunadamente, onte volveu chover e xa amosan unha boa recuperación. O traballo na natureza sempre ten imponderables.

O pasado sábado un par de voluntarios foron recoller lixo no tramo de costa entre as praias da Ribeira e da Alameda (Miño), dentro do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Encheron dous sacos de refugallos e retiraron varias cordas de bateas. Tamén revisaron na praia da Alameda a reaparición dos plumachos (Cortaderia selloana), atopando soamente catro exemplares pequenos que foron erradicados.

Hoxe 9 persoas volveron facer voluntariado ambiental no Ollo da Roda. Na xornada anterior, entre plantar e recoller lixo, non deu tempo a elimina-los ligustros asiáticos (Ligustrum ovalifolium). Como a primavera avanza e a vexetación medra, ocultando estes arbustos e pechando os carreiros, corría presa acaba-lo traballo.

Así que o obxectivo era claro: arrincar tódolos que se deran localizado. Precisaron a mañá enteira para conseguilo. Pola tarde dous voluntarios encheron un remolque até os topes cos restos vexetais, para levalos a un punto de tratamento, e aínda sobroulles ramallada para encher outro. En total 9 metros cúbicos aproximadamente.

Grazas a voluntarios tan eficaces, a creación da reserva do Ollo da Roda avanza a bo ritmo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).