Menos invasoras nos nosos ríos

2 Agosto 2017

 
A última quincena foi un tempo ben empregado: eliminamos varias especies exóticas invasoras que medran nas beiras dos dous ríos que apadriñamos.

Foto dos voluntariosNo Mendo percorrémo-lo tramo entre a ponte das Moas e a ponte dos Cabalos en busca de lixo e invasoras. Atopamos poucos refugallos, salvo a concentración habitual no entorno da ponte dos Cabalos. Tamén eliminamos toda canta crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) localizamos no percorrido. Xa que logo, agora podemos dicir que non quedan crocosmias nos 8 km que separan a ponte das Moas da ponte de Mende. Esperamos poder afirmar proximamente o mesmo dos ligustros asiáticos.

No Mandeo estivemos eliminando dous dos catro focos de loureiro romano (Prunus laurocerasus). No entorno da área recreativa de Chelo e no aparcadoiro, repasámo-las reaparicións de crocosmia, de tradescantia (Tradescantia fluminensis), de hortensia (Hydrangea sp.) e do xunco Cyperus eragrostis. Aproveitando que o nivel do río está baixo, inspeccionámo-la súa beira no muíño de maquía, onde eliminamos un foco de crocosmia escondida no inferniño e outro de tradescantia gabeando polo muro. Con esta última actuación conseguimos remata-la fase de erradicación da crocosmia nos 6 km entre O Caneiro, lugar situado augas arriba da minicentral, e a ponte de Teixeiro. Agora pasamos á fase de vixilancia de reaparicións.

Foto dos voluntariosNa xornada de traballo do último domingo de xullo, dez voluntarios estivemos arrincando tradescantia nas ruínas do balneario do Bocelo. Enchemos pacientemente once sacos de 100 litros cos seus restos. O peor foi cargar con eles a costas ó longo dun quilómetro de carreiro até os vehículos. Limpamos totalmente a fonte de augas sulfurosas, o edificio da dereita e a entrada norte do da esquerda; soamente queda acabar con ela dentro deste último edificio e no espazo que separa ambos. O Bocelo, mailo entorno do vello edificio da minicentral, son os dous últimos focos desta especie de orixe sudamericana no tramo de río que apadriñamos.

Hoxe achegámonos ó Centro de Interpretación de Chelo para recibir ás 18 persoas que forman parte do segundo campo de traballo internacional que promovemos. Son 14 voluntarios procedentes de distintos puntos de España (Andalucía, Valencia, Cataluña, Canarias e Estremadura), pero tamén de México, Francia e Italia. A eles súmanse o director, dous monitores e un aprendiz de dirección de campo. Escoitaron con atención as explicacións respecto a Fragas do Mandeo e sobre a importancia de elimina-las especies exóticas invasoras. A partir de mañá traballarán no rego das Bouzas, un afluente do Mandeo que desemboca en Chelo, eliminando os focos de crocosmia e de tradescantia que ameazan con recoloniza-las zonas onde as temos erradicado. Hai que agradecerlles que veñan de tan lonxe a botarnos unha man e así seren un exemplo de compromiso coa conservación do noso patrimonio natural.

Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).