Para o próximo día 10 programamos a terceira xornada de voluntariado ambiental co obxectivo de elimina-la tradescantia (Tradescantia fluminensis) presente nas ruínas do balneario do Bocelo. Nas dúas xornadas anteriores conseguimos acabar con ela no interior dos dous edificios e no exterior a carón deles, pero falta eliminala no espazo que os separa. ¿Seremos capaces? De xuntarse xente suficiente, conseguiremos erradicar definitivamente este foco, un dos dous últimos que quedan desta especie exótica invasora no tramo de 6 km que apadriñamos no río Mandeo.
Como esta planta sudamericana é moi doada de arrincar, non se utilizarán outras ferramentas que algún anciño. Soamente se precisan unhas luvas delgadas (serven as de pintar ou as de fregar) e tamén poden ser útiles uns protectores para os xeonllos. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Se queres coñece-los avances na eliminación de invasoras, podes consulta-lo apartado da campaña Ríos na nosa web.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 10 de setembro de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Post data: Unha temperatura agradable e a ausencia de choiva permitíronnos ás doce persoas que participamos nesta terceira xornada de voluntariado ambiental rematar de eliminar a tradescantia nas ruínas do balneario do Bocelo. Agora toca revisa-la zona periodicamente para evitar que reapareza. Para outra ocasión queda o foco situado no entorno da minicentral do Zarzo, o último que queda desta especie exótica invasora no tramo que apadriñamos no río Mandeo.