Conservando a natureza tódolos días do ano

1 Xaneiro 2018

 
Foto do lixoA mellor maneira de amosa-lo compromiso coa conservación da natureza é traballar por ela tódolos días do ano. Así o entendeu un dos nosos voluntarios, que aproveitou o seu tempo libre destas festas para recoller lixo no espazo natural protexido ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre.

A xornada de voluntariado do día 16, convocada polo Grupo Naturalista Hábitat, tivo como obxectivo caracteriza-lo tipo de lixo presente no espazo natural, para logo remiti-los datos ó proxecto Libera. Pero unha cuestión quedaba pendente de resolver: ¿Canto lixo hai en total?

Para estimalo, o noso voluntario estivo durante cinco días recollendo lixo na cabeceira do encoro formada polo río Mero, augas arriba da ponte de Seixurra. Foi enchendo sacos co que atopou na zona inundable do encoro (plásticos, vidros, latas, cerámicas, calzado, etc.), que amoreou xunto con outras pezas de maior tamaño (tres rodas e unha batería). Polo seu aspecto, moitos deses refugallos levaban décadas abandonados. O día de ano vello dedicouno a retirar 200 botellas de vidro ciscadas nun camiño preto do encoro. Por último, no día de ano novo transportou e pesou os sacos de lixo, resultando un total de 602 quilos. Foto do voluntarioExtrapolando o resultado a toda a extensión do espazo natural protexido e camiños adxacentes, tras aplicar factores correctores, estimou que hai preto de 4 toneladas de refugallos esperando que alguén os retire.

Hai moito que facer polo medio ambiente da nosa bisbarra. A simple actuación dunha persoa supuxo que máis de media tonelada de residuos deixaran de contaminar Cecebre. Cantos máis voluntarios sexamos máis impacto terá o noso esforzo e máis territorio cubriremos.

Como bo propósito para o 2018, ¿tamén vas propoñerte coida-la natureza?

¡Feliz aninovo!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).