Hoxe pola tarde estivemos en Aranga explicando en qué consiste a custodia do territorio e a maneira en que a practicamos en Fragas do Mandeo.
Dende o día 1 de marzo estase a impartir no local social de Muniferral o curso de monitor de actividades de tempo libre organizado pola Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tras 200 horas teóricas e 150 horas prácticas, os alumnos obterán unha titulación oficial.
Como noutras ocasións similares, aproveitamos a charla para informarlles dos principais problemas ambientais da nosa bisbarra e das liñas de actuación de Fragas do Mandeo para conserva-lo noso patrimonio natural, insistindo na importancia de dedicar parte do tempo libre que teñamos á conservación da natureza. Finalmente, estimulámoslles a que dentro da súa futura actividade profesional fomenten este compromiso a través das actividades que organicen en concellos, clubs e asociacións.