Retomámo-la compra de montes

26 Xuño 2018

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asinar dúas escrituras polas que compramos varias parcelas a dous titulares. Con estas adquisicións aumentamos en 8.546 m2 a superficie que estamos a custodiar.

Levamos algún tempo sen buscar montes para mercar, pois precisamos dispoñer de liquidez para acomete-los traballos na reserva de anfibios do Catorce. Pero iso non é óbice para que non aproveitémo-la ocasión cando nolos ofrecen.

Os que mercamos hoxe están nas proximidades de Caresma (Coirós). Todos presentan un bosque autóctono ben conservado. Nun deles medran algúns eucaliptos entre os carballos, polo que teremos que eliminalos. En conxunto están moi ben situados: uns na beira do río Mandeo, outros na súa proximidade. Tamén están cerca doutros montes nosos; incluso un deles linda cun monte que mercamos hai anos.

Igual que en ocasións anteriores, puideron adquirirse grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores, pois para isto non recibimos nin subvencións públicas nin dispoñemos de grandes mecenados. En canto nos sexa posible, volveremos a recupera-lo ritmo de compras para así seguir aumentando a superficie destinada a perpetuidade á conservación do noso patrimonio natural.

¡Podes axudarnos! A próxima vez que merquemos un monte, aledaraste connosco sabendo que grazas a ti un anaco de fraga ten garantido o seu futuro.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).