Voluntariado na praia da Alameda

1 Xullo 2018

 
Foto dos voluntariosPara a próxima fin de semana prognostican bo tempo, polo que aproveitarémo-la ocasión para achegarnos o domingo día 8 á praia da Alameda (Miño) co obxectivo de eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo.

Dentro das distintas actuacións da campaña Litoral, levamos dende o 2011 erradicando nesta praia numerosas especies exóticas: uña de gato (Carpobrotus edulis), plumacho (Cortaderia selloana), santalina de auga (Cotula coronopifolia), eixerón (Conyza canadensis), áster (Aster squamatus), cyperus (Cyperus eragrostis), cala (Zantedeschia aethiopica), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), mioporo (Myoporum laetum) e chopo híbrido (Populus x canadensis).

Durante o primeiro semestre deste ano visitámola varias veces, comprobando a total erradicación dalgunhas desas especies e eliminando os poucos plumachos e crocosmias que reapareceron. Como sempre, tamén recollémo-lo lixo. Así que o traballo deste domingo vai centrarse en arrinca-las especies que naceron recentemente: o eixerón, o áster e algunha crocosmia.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 8 de xullo de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Obxectivo cumprido. Aínda que tiñamos a competencia dun magnífico día de praia e de varios actos festivos na bisbarra, sete persoas participaron na xornada de voluntariado. Percorreron toda a praia, enchendo 4 sacos co lixo recollido e outros 5 cos restos vexetais de especies exóticas invasoras. Supoñen cifras modestas con respecto a anos anteriores. Realmente son o resultado, por unha banda, do traballo que fomos adiantando nos primeiros meses deste ano e, por outra, da constancia dende que a apadriñamos na eliminación de invasoras. Canto menos lixo e invasoras recollemos máis preto estamos de poder falar dunha praia limpa e con flora autóctona ben conservada.
Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).