A tradescantia do Bocelo

19 Agosto 2018

 
Esta mañá, catro voluntarios estiveron erradicando a tradescantia (Tradescantia fluminensis) nas ruínas do balneario do Bocelo.

O ano pasado convocamos tres xornadas entre xullo e setembro para eliminar esta especie exótica invasora. Participaron 21 persoas que realizaron un traballo equivalente a máis de 16 xornadas a tempo completo. No inverno e na primavera os voluntarios controlaron a súa reaparición en numerosas ocasións. Chegado o verán puidemos constatar a súa total erradicación no interior e inmediacións das ruínas. Pero aínda nos faltaba por eliminala no alto do edificio.

No seu día, a tradescantia logrou gabear polas paredes grazas á abundancia de musgo, instalándose incluso nas partes máis altas. Así que os catro voluntarios tiveron que percorrer o carreiro que vai pola beira do río cargando ó lombo unha longa escada. Como sempre, o peor foi a volta, pois houbo que carrear a maiores 5 grandes sacos de restos vexetais.

Seguiremos vixiando este foco até estar seguros da súa erradicación definitiva.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).