Os voluntarios que parten e os que arriban

27 Agosto 2018

 
Hoxe rematou o campo de traballo. Os nove voluntarios, acompañados de dous monitores e do director do campo, estiveron a última semana eliminando tradescantia (Tradescantia fluminensis) no rego das Bouzas (Chelo, Coirós). Lograron encher dous remolques cos seus restos, o que significa un volume aproximado de 8 m3. Tamén retiraron lixo e incluso unha roda de camión. Agora tócalles ós voluntarios de Fragas do Mandeo revisa-la súa reaparición, pois calquera anaquiño dunha planta que quedara por recoller pode chegar a reinfestar toda unha zona.

Pero se eles marchan para as súas comunidades de orixe, outros voluntarios xusto acaban de chegar. A modo de recepción, esta tarde estivemos explicando os obxectivos e modo de actuación de Fragas do Mandeo a un grupo de voluntariado ambiental do litoral da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Os oito voluntarios, acompañados dun monitor de Ribeirán Proxectos Naturais, van botarnos unha man recollendo lixo na costa da nosa bisbarra o longo desta semana.

Agradecémoslles a todos eles, ós que marchan e ós que acaban de chegar, o seu traballo en favor do noso patrimonio natural.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).