Programada a VII Semana de Custodia

5 Setembro 2018

 
Dentro de dez días iníciase a sétima edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. De novo repetímo-la fórmula «coñecemento + compromiso», baixo a que complementamos unha xornada de conferencias con tres de voluntariado.

Imaxe do programa da VII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoO programa deste ano xirará en torno á biodiversidade, tocando temas pouco coñecidos, pero que teñen gran relevancia á hora de conservala. Nas xornadas de voluntariado actuaremos directamente fronte a dous graves problemas ambientais, as especies exóticas invasoras e o lixo que acaba nos ríos e no mar.

A Semana segue a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e actividades nas que queres participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarás a organización.

Eco-regata na ría de Betanzos: O lixo que recollemos na marisma nas catro edicións anteriores encheron sete contedores industriais, superando un volume total de 50 m3. Imaxe do cartel da V Eco-regata Ría de BetanzosRetomaremos a limpeza onde a deixamos o ano pasado preto do pazo de Mariñán, para retirar algunhas rodas de camión que aínda quedan alí, para logo continuar apañando refugallos pola xunqueira máis próxima. Animamos á toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos con rumbo a Mariñán, onde haberá que afanarse para chegar a se-lo que máis lixo recolle e o que atope o refugallo máis singular. Á volta, no porto haberá comida e bebida. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Tamén colaboran os concellos de Bergondo e de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 15 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Voluntariado no Mandeo: A segunda xornada de voluntariado ambiental estará dedicada a eliminar unha planta exótica invasora que despraza ás especies autóctonas das ribeiras do río Mandeo: a tradescantia (Tradescantia fluminensis). Levamos varios anos erradicando esta especie de orixe sudamericana no tramo de 6 km que apadriñamos no curso baixo do Mandeo. O obxectivo do día será suprimir un dos dous últimos focos que quedan, situado a carón da minicentral do Zarzo, que ameaza con propagarse río abaixo por zonas nas que xa está erradicada. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 16 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Xornada sobre a biodiversidade da bisbarra: Como acto central da Semana programamos un conxunto de charlas titulado Olladas sobre a biodiversidade local que debemos custodiar. Trala apertura a cargo do alcalde de Sada, D. Benito Portela, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo nestes oito anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos e na conservación dos ríos, da marisma e das praias.

Imaxe do cartel da VII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoA primeira conferencia correrá a cargo da Dra. María Inmaculada Romero, profesora e investigadora da Universidade de Santiago, que nos introducirá na flora especializada que se refuxia nas nosas praias, marismas e acantilados. Son plantas ameazadas, ou de distribución limitada por non poder vivir noutros hábitats, que están sometidas a unha gran presión a causa da elevada densidade humana no litoral. A continuación intervirá D. Pablo Torrella, director do Museo de Historia Natural de Ferrol. Este naturalista especializado en escaravellos focalizará a súa ollada na madeira morta presente nos bosques, para amosarnos a súa importancia ecolóxica, lonxe da consideración errónea de mero agravante dos riscos no caso de incendio. De feito, o volume de madeira morta nunha fraga é unha medida da súa biodiversidade, pois dela depende o ciclo vital de innumerables organismos. Por último, Dª. Sandra Goded, investigadora e fundadora da entidade conservacionista Quercus Sonora, vai revelarnos os resultados da súa recente tese doutoral na que demostra cualitativa e cuantitativamente a redución de biodiversidade nos eucaliptais respecto doutros tipos de explotación do territorio.
Data: Sábado 22 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón de plenos da Casa do Concello de Sada (avenida do Porto 24, antigo edificio de Axudantía de Mariña).

Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a undécima edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a sexta edición na que colaboraremos (farémolo unha semana antes da xornada oficial por razóns organizativas). O ano pasado participamos 936 persoas de 70 entidades, e logramos retirar case 11 toneladas de lixo en tramos de río de 51 concellos. Este ano visitaremos un novo curso de auga, pois imos achegarnos ó río Lambre coa intención de recoller canto refugallo atopemos no tramo comprendido entre a desembocadura do rego do Anido e a ponte do ferrocarril. Son 3,5 km de percorrido por un bosque diverso que merece ser coñecido e conservado. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir botas de auga e roupa axeitada para andar polo monte, ademais de levar luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 23 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na bisbarra, na que se proporciona ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa comarca a oportunidade de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

Demostra con feitos o que realmente pensas. ¡Móvete pola natureza!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).