Resultados da VII Semana de Custodia

24 Setembro 2018

 
Fragas do Mandeo é unha entidade orientada a obxectivos. Demostrouno de novo nesta sétima edición da Semana de Custodia.

Na eco-regata celebrada o pasado día 15 tiñamos como meta rematar de limpa-lo tramo da marisma de Betanzos entre a punta da Ostreira e o embarcadoiro do pazo de Mariñán. O ano pasado non houbo tempo suficiente para recoller tódolos pneumáticos que alí se ciscaron ilegalmente, nin todo o lixo que acumularon as mareas durante décadas.

Os voluntarios, vestidos coa camiseta vermella que lles regalou a organización, embarcaron no porto de Betanzos dispostos a logralo nesta ocasión. De feito, coa axuda dunha grúa, algúns non pararon de retirar rodas até remata-lo traballo, cando o sol xa estaba baixo o horizonte. Finalmente, todos se xuntaron para celebralo cunha cea no porto de Betanzos.

Os resultados falan por si mesmos. Foron retirados máis de 8 metros cúbicos de refugallos e 24 rodas (22 de camión, 1 de tractor e 1 de coche), cifras que deben sumarse a todo o recollido nesta zona o ano pasado. Hai que agradecerllo ós 28 voluntarios que participaron nesta edición, así como ás lanchas Riandola e Halcón.

O día 16 achegámonos á ribeira do río Mandeo a carón da minicentral do Zarzo. Os dez participantes nesta xornada de voluntariado ambiental estiveron eliminando a tradescantia (Tradescantia fluminensis) na zona máis próxima ó río. Axeonllados, traballaron pacientemente, soportando a complicación causada pola protección que lle daban as silvas a esta planta.

Cumpriron o obxectivo marcado, pois o seu esforzo ten evitado o risco de que esta especie exótica invasora de orixe sudamericana avance augas abaixo. Aínda así, faltan un par de xornadas máis para rematar con este foco, un dos dous últimos que nos quedan por erradicar nos 6 km de longo do tramo de río que apadriñamos.

A xornada de conferencias celebrouse o día 22 no salón de plenos do Concello de Sada. Os 27 asistentes puideron escoitar explicacións claras e detalladas sobre uns temas que non se tratan habitualmente co nivel de concreción con que o fixeron os conferenciantes: a flora litoral que debemos conservar, a importancia ecolóxica da madeira morta e a perda de biodiversidade nos eucaliptais. Aparte de demostrar un magnífico coñecemento sobre as súas materias, algo que xa se esperaba polos seus currículos, amosaron estar ó tanto da situación na nosa comarca, disertando dun xeito ameno e accesible. Nos tres casos manifestouse o desconcerto de que os actores oficiais non teñan en consideración na práctica cotián o saber actual sobre estes temas.

A limpeza do río Lambre do domingo pasado parecía que non ía dar moito traballo. Cando preparabámo-la ruta coa idea de percorre-lo tramo de 3,5 km dende a desembocadura do rego do Anido até a ponte do ferrocarril, vimos pouco lixo, máis atentos a abri-lo paso entre as silveiras que a localizar refugallos. Pero o certo é que os 23 pares de ollos dos voluntarios participantes esculcaron tódolos recunchos e apareceron cantidades inesperadas. O río empregouse como vertedoiro ilegal durante moito tempo grazas á existencia dunha estrada local que pasa ó seu carón. Había sacos medio enterrados, totalmente deteriorados polo paso do tempo, que contiñan mesturas de escombro, vidros, plásticos e todo tipo de obxectos. Para complica-las cousas, o paso era difícil en certos tramos a causa da escarpada orografía. Así que non logramos completa-lo percorrido previsto, concluíndo a 2 km do punto de partida.

O día seguinte levamos todo o lixo recollido ó punto limpo. Aproveitamos para pesalo: retiramos 366 kg de refugallos, entre os que podemos destacar unha bañeira e 6 rodas, unha delas aínda cos restos do guiador dunha moto. Queda pendente para o próximo ano retira-lo escombro e continuar até a desembocadura.

Como remate desta Semana, temos que agradece-la participación ós voluntarios, ós conferenciantes, ás asociacións que nos apoiaron, ós concellos colaboradores (especialmente ó de Bergondo pola súa gran implicación, pero tamén ós de Sada e de Betanzos), ós equipos de Protección Civil de Bergondo e de Betanzos, e a Comercial Vicente de la Fuente.

Os participantes nos felicitaron pola boa organización da Semana. Pero, ¿cales son os aspectos a mellorar? Malia as magníficas condicións meteorolóxicas, a participación foi menor que en anos anteriores. Cantos máis voluntarios, máis capacidade de actuación en favor da natureza. Xa que logo, queda como tarefa para a seguinte edición mellora-la difusión da Semana e estimula-la participación de embarcacións na eco-regata.

Namentres, queda todo un ano por diante no que seguiremos convocando xornadas de voluntariado. Se queres participar, ponte en contacto connosco.

¡O noso patrimonio natural precisa de moitos coidados!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).