A Universidade da Coruña investiga no Mandeo

23 Outubro 2018

 
Hoxe tivemos a primeira reunión de traballo co Dr. José Antonio Cortés Vázquez, do departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, con motivo dun estudo que van realizar no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Logo da Universidade da CoruñaO Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva desta universidade acaba de inicia-lo proxecto de investigación titulado Desenvolvemento de modelos predictivos da conectividade funcional de poboacións ameazadas en zonas de especial conservación da Rede Natura 2000, co apoio económico da Fundación Biodiversidad.

O obxectivo deste estudo é elaborar unha ferramenta metodolóxica para avaliar os elementos da paisaxe que condicionan o intercambio de exemplares entre as distintas poboacións das especies de particular interese presentes nos espazos protexidos, e asemade predici-las consecuencias que terían aquelas alteracións que conduciran a un maior illamento. Tamén inclúe o deseño de medidas correctoras e o análise dos condicionantes sociais para a súa implantación.

Neste caso vanse tomar como especies a estudar a saramaganta (Chioglossa lusitanica) e a lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), pois están confinadas en enclaves moi concretos a causa dun ciclo vital que precisa estritamente de hábitats con determinadas características. O seu futuro está claramente condicionado polas alteracións do seu hábitat, sendo o cambio climático un factor de risco. Pero non basta con dispoñer dunha ferramenta, saber utilizala e onde hai que traballar: tamén se precisa de quen a utilice.

Fragas do Mandeo, como entidade de custodia do territorio activa na ZEC Betanzos-Mandeo, foi escollida como obxecto de estudo na parte de investigación sociolóxica. Esperamos que os resultados fagan reflexionar ós distintos actores que interveñen no territorio e axuden a reduci-los obstáculos que a cotío nos atopamos no noso traballo de conservación da natureza a través da custodia do territorio.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).