Xornada de voluntariado para despedi-lo ano

28 Decembro 2018

 
Como continúa o bo tempo, o próximo domingo día 30 despedirémo-lo ano cunha xornada de voluntariado na praia Grande de Miño.

Foto de yucaApadriñamos este areal dende marzo de 2015, cando iniciámo-la rexeneración ecolóxica do seu sistema dunar como parte da nosa campaña Litoral. Daquela erradicamos varios focos de 7 plantas exóticas invasoras. Dende entón xa aumentamos a 11 o número de especies distintas que temos ou ben erradicado totalmente ou ben reducido as súas poboacións notablemente.

Na xornada deste domingo percorreremos as dunas para localiza-los focos que teñan rexurdido, ou os exemplares de novas especies exóticas, para erradicalos. Igual que en ocasións anteriores, retiraremos todo o lixo que atopemos no sistema dunar. O obxectivo final é avanzar na recuperación da súa delicada vexetación, moi afectada polo elevado número de visitantes que soporta no verán.

Como sempre, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non te preocupes polas ferramentas, pero lembra que é conveniente levar unhas luvas e vestir roupa axeitada para traballar. Foto dos voluntariosNon esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar nesta última xornada de voluntariado ambiental do ano, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 30 de decembro de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Foto de lixoPost data: Obxectivo cumprido. Os 11 voluntarios que participaron nesta xornada limparon e eliminaron invasoras en toda a praia Grande de Miño. O lixo recollido pesou 185 quilos, ós que hai que sumar 39 quilos de biomasa de 6 especies exóticas invasoras. Entre elas figuran dúas especies que xa erradicaramos pero que reapareceron: unha ramiña de uña de gato (Carpobrotus edulis) que tiña logrado enraizar e unha pequena planta de yuca (Yucca gloriosa). O resto son especies con gran capacidade de dispersión que eliminamos en ocasións anteriores: eixerón (Conyza canadensis), áster (Aster squamatus) e cyperus (Cyperus eragrostis), ás que engadimos desta vez o té americano (Bidens aurea).


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).