Programada a VII Semana de Custodia

5 Setembro 2018

 
Dentro de dez días iníciase a sétima edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. De novo repetímo-la fórmula «coñecemento + compromiso», baixo a que complementamos unha xornada de conferencias con tres de voluntariado.

Imaxe do programa da VII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoO programa deste ano xirará en torno á biodiversidade, tocando temas pouco coñecidos, pero que teñen gran relevancia á hora de conservala. Nas xornadas de voluntariado actuaremos directamente fronte a dous graves problemas ambientais, as especies exóticas invasoras e o lixo que acaba nos ríos e no mar.

A Semana segue a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e actividades nas que queres participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarás a organización.

Eco-regata na ría de Betanzos: O lixo que recollemos na marisma nas catro edicións anteriores encheron sete contedores industriais, superando un volume total de 50 m3. Imaxe do cartel da V Eco-regata Ría de BetanzosRetomaremos a limpeza onde a deixamos o ano pasado preto do pazo de Mariñán, para retirar algunhas rodas de camión que aínda quedan alí, para logo continuar apañando refugallos pola xunqueira máis próxima. Animamos á toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos con rumbo a Mariñán, onde haberá que afanarse para chegar a se-lo que máis lixo recolle e o que atope o refugallo máis singular. Á volta, no porto haberá comida e bebida. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Tamén colaboran os concellos de Bergondo e de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 15 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Voluntariado no Mandeo: A segunda xornada de voluntariado ambiental estará dedicada a eliminar unha planta exótica invasora que despraza ás especies autóctonas das ribeiras do río Mandeo: a tradescantia (Tradescantia fluminensis). Levamos varios anos erradicando esta especie de orixe sudamericana no tramo de 6 km que apadriñamos no curso baixo do Mandeo. O obxectivo do día será suprimir un dos dous últimos focos que quedan, situado a carón da minicentral do Zarzo, que ameaza con propagarse río abaixo por zonas nas que xa está erradicada. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 16 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Xornada sobre a biodiversidade da bisbarra: Como acto central da Semana programamos un conxunto de charlas titulado Olladas sobre a biodiversidade local que debemos custodiar. Trala apertura a cargo do alcalde de Sada, D. Benito Portela, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo nestes oito anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos e na conservación dos ríos, da marisma e das praias.

Imaxe do cartel da VII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoA primeira conferencia correrá a cargo da Dra. María Inmaculada Romero, profesora e investigadora da Universidade de Santiago, que nos introducirá na flora especializada que se refuxia nas nosas praias, marismas e acantilados. Son plantas ameazadas, ou de distribución limitada por non poder vivir noutros hábitats, que están sometidas a unha gran presión a causa da elevada densidade humana no litoral. A continuación intervirá D. Pablo Torrella, director do Museo de Historia Natural de Ferrol. Este naturalista especializado en escaravellos focalizará a súa ollada na madeira morta presente nos bosques, para amosarnos a súa importancia ecolóxica, lonxe da consideración errónea de mero agravante dos riscos no caso de incendio. De feito, o volume de madeira morta nunha fraga é unha medida da súa biodiversidade, pois dela depende o ciclo vital de innumerables organismos. Por último, Dª. Sandra Goded, investigadora e fundadora da entidade conservacionista Quercus Sonora, vai revelarnos os resultados da súa recente tese doutoral na que demostra cualitativa e cuantitativamente a redución de biodiversidade nos eucaliptais respecto doutros tipos de explotación do territorio.
Data: Sábado 22 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón de plenos da Casa do Concello de Sada (avenida do Porto 24, antigo edificio de Axudantía de Mariña).

Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a undécima edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a sexta edición na que colaboraremos (farémolo unha semana antes da xornada oficial por razóns organizativas). O ano pasado participamos 936 persoas de 70 entidades, e logramos retirar case 11 toneladas de lixo en tramos de río de 51 concellos. Este ano visitaremos un novo curso de auga, pois imos achegarnos ó río Lambre coa intención de recoller canto refugallo atopemos no tramo comprendido entre a desembocadura do rego do Anido e a ponte do ferrocarril. Son 3,5 km de percorrido por un bosque diverso que merece ser coñecido e conservado. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir botas de auga e roupa axeitada para andar polo monte, ademais de levar luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 23 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na bisbarra, na que se proporciona ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa comarca a oportunidade de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

Demostra con feitos o que realmente pensas. ¡Móvete pola natureza!


Eliminando eucaliptos na reserva do Catorce

2 Setembro 2018

 
Foto dos voluntariosEsta mañá nove voluntarios participaron na xornada de voluntariado ambiental que convocamos para eliminar eucaliptos na reserva de anfibios do Catorce. Aínda que están situados na zona de bosque e non afectan directamente ós puntos de reprodución dos anfibios, queremos remata-la súa erradicación antes de que cheguen as choivas.

Os voluntarios amorearon ramallada, cortaron algúns eucaliptos e retiraron lixo. As altas temperaturas obrigaron a para-la labor unha hora antes do previsto. O traballo non se rematou, pero xa queda menos.

Fragas do Mandeo é unha entidade orientada a obxectivos. Por iso volveremos a convocar novas xornadas até rematar. Se queres que te avisemos nas próximas convocatorias, envíanos unha mensaxe para que te incluamos na nosa lista de distribución. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.


Os voluntarios que parten e os que arriban

27 Agosto 2018

 
Hoxe rematou o campo de traballo. Os nove voluntarios, acompañados de dous monitores e do director do campo, estiveron a última semana eliminando tradescantia (Tradescantia fluminensis) no rego das Bouzas (Chelo, Coirós). Lograron encher dous remolques cos seus restos, o que significa un volume aproximado de 8 m3. Tamén retiraron lixo e incluso unha roda de camión. Agora tócalles ós voluntarios de Fragas do Mandeo revisa-la súa reaparición, pois calquera anaquiño dunha planta que quedara por recoller pode chegar a reinfestar toda unha zona.

Pero se eles marchan para as súas comunidades de orixe, outros voluntarios xusto acaban de chegar. A modo de recepción, esta tarde estivemos explicando os obxectivos e modo de actuación de Fragas do Mandeo a un grupo de voluntariado ambiental do litoral da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Os oito voluntarios, acompañados dun monitor de Ribeirán Proxectos Naturais, van botarnos unha man recollendo lixo na costa da nosa bisbarra o longo desta semana.

Agradecémoslles a todos eles, ós que marchan e ós que acaban de chegar, o seu traballo en favor do noso patrimonio natural.


A tradescantia do Bocelo

19 Agosto 2018

 
Esta mañá, catro voluntarios estiveron erradicando a tradescantia (Tradescantia fluminensis) nas ruínas do balneario do Bocelo.

O ano pasado convocamos tres xornadas entre xullo e setembro para eliminar esta especie exótica invasora. Participaron 21 persoas que realizaron un traballo equivalente a máis de 16 xornadas a tempo completo. No inverno e na primavera os voluntarios controlaron a súa reaparición en numerosas ocasións. Chegado o verán puidemos constatar a súa total erradicación no interior e inmediacións das ruínas. Pero aínda nos faltaba por eliminala no alto do edificio.

No seu día, a tradescantia logrou gabear polas paredes grazas á abundancia de musgo, instalándose incluso nas partes máis altas. Así que os catro voluntarios tiveron que percorrer o carreiro que vai pola beira do río cargando ó lombo unha longa escada. Como sempre, o peor foi a volta, pois houbo que carrear a maiores 5 grandes sacos de restos vexetais.

Seguiremos vixiando este foco até estar seguros da súa erradicación definitiva.


Comeza o terceiro campo de traballo

17 Agosto 2018

 
Esta mañá iniciouse a terceira edición do campo de traballo Monte da Espenuca. Nove voluntarios procedentes de toda España, acompañados de dous monitores e do director do campo, traballarán a favor do noso patrimonio natural até o día 27 de agosto.

A principal labor que acometerán será a eliminación dunha especie exótica invasora de orixe suramericana, a tradescantia (Tradescantia fluminensis), no rego das Bouzas. Este afluente do Mandeo desemboca xusto ó pé do Centro de Interpretación de Chelo (Coirós). Ademais de despraza-la vexetación autóctona, a presenza desta invasora nas súas beiras supón o risco de que as enchentes invernais arrastren restos que poden chegar a prender dentro do espazo natural protexido, onde estamos preto de lograr erradicala ó longo do tramo que apadriñamos no río Mandeo.

Deste xeito o campo dará continuidade ó iniciado polos voluntarios da anterior edición. Durante o inverno e a primavera, voluntarios de Fragas do Mandeo estiveron revisando as zonas de actuación para impedir que a tradescantia as recolonizara.

Está mañá tivemos a ocasión de expoñerlles as actuacións de restauración de hábitats que temos realizado, cales son os nosos obxectivos e como empregamos a custodia do territorio para conserva-la biodiversidade da nosa bisbarra.

Fragas do Mandeo promove, asesora e colabora con este campo de traballo. Solicitado polo Concello de Coirós, está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.


De novo na reserva do Catorce

11 Agosto 2018

 
Hoxe volvemos 13 voluntarios á reserva de anfibios do Catorce a continua-lo traballo iniciado o pasado día 22 de xullo.

Por unha banda, quedaba pendente por remata-la eliminación do xunco Cyperus eragrostis na charca da entrada e no seu entorno.

Pola outra, había que recoller ramallada de eucalipto. A finais do mes pasado, un par de profesionais contratados por nós estiveron cortando os que medraban na parede da canteira utilizando técnicas de escalada. Os voluntarios tiveron hoxe a ocasión de coñece-lo novo aspecto que presenta, antes de proceder a encher até cinco remolques coas pólas de eucalipto.

O traballo non acaba aquí: Un par de voluntarios está cortando e arrincando rebrotes de eucaliptos nas dúas hectáreas de bosque que ten a reserva. O seu obxectivo é acabar con eles antes de que remate o verán.


Voluntariado o día 22 na reserva do Catorce

16 Xullo 2018

 
En xullo do 2016 empezamos a custodiar tres parcelas de titularidade municipal no monte Pedra Partida (Coirós) para crear a Reserva de Anfibios do Catorce. Nos cen primeiros días transformamos radicalmente o espazo, mellorando o hábitat notablemente. A primeiros deste mes empezámo-los traballos da campaña deste ano: Rozámo-lo exceso de mato en varios puntos e unha empresa especializada retirou as uralitas con amianto contaminante nos edificios abandonados da antiga canteira.

Na xornada de voluntariado deste domingo continuaremos coas tarefas de eliminación de dúas especies exóticas invasoras de orixe americana, o eixerón (Conyza canadensis) e o xunco Cyperus eragrostis, que xa tiñamos iniciado o ano pasado por estas datas. Son plantas pequenas, doadas de arrincar, pero numerosas, polo que precisamos de moitas mans. Tamén eliminaremos algúns eucaliptos que rebrotaron.

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Lembra vestir roupa axeitada e protexe-la cabeza do sol. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres implicarte na conservación do mellor enclave para a reprodución de anfibios de Coirós, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 22 de xullo de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Voluntariado na praia da Alameda

1 Xullo 2018

 
Foto dos voluntariosPara a próxima fin de semana prognostican bo tempo, polo que aproveitarémo-la ocasión para achegarnos o domingo día 8 á praia da Alameda (Miño) co obxectivo de eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo.

Dentro das distintas actuacións da campaña Litoral, levamos dende o 2011 erradicando nesta praia numerosas especies exóticas: uña de gato (Carpobrotus edulis), plumacho (Cortaderia selloana), santalina de auga (Cotula coronopifolia), eixerón (Conyza canadensis), áster (Aster squamatus), cyperus (Cyperus eragrostis), cala (Zantedeschia aethiopica), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), mioporo (Myoporum laetum) e chopo híbrido (Populus x canadensis).

Durante o primeiro semestre deste ano visitámola varias veces, comprobando a total erradicación dalgunhas desas especies e eliminando os poucos plumachos e crocosmias que reapareceron. Como sempre, tamén recollémo-lo lixo. Así que o traballo deste domingo vai centrarse en arrinca-las especies que naceron recentemente: o eixerón, o áster e algunha crocosmia.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 8 de xullo de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Obxectivo cumprido. Aínda que tiñamos a competencia dun magnífico día de praia e de varios actos festivos na bisbarra, sete persoas participaron na xornada de voluntariado. Percorreron toda a praia, enchendo 4 sacos co lixo recollido e outros 5 cos restos vexetais de especies exóticas invasoras. Supoñen cifras modestas con respecto a anos anteriores. Realmente son o resultado, por unha banda, do traballo que fomos adiantando nos primeiros meses deste ano e, por outra, da constancia dende que a apadriñamos na eliminación de invasoras. Canto menos lixo e invasoras recollemos máis preto estamos de poder falar dunha praia limpa e con flora autóctona ben conservada.
Foto dos voluntarios


Retomámo-la compra de montes

26 Xuño 2018

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asinar dúas escrituras polas que compramos varias parcelas a dous titulares. Con estas adquisicións aumentamos en 8.546 m2 a superficie que estamos a custodiar.

Levamos algún tempo sen buscar montes para mercar, pois precisamos dispoñer de liquidez para acomete-los traballos na reserva de anfibios do Catorce. Pero iso non é óbice para que non aproveitémo-la ocasión cando nolos ofrecen.

Os que mercamos hoxe están nas proximidades de Caresma (Coirós). Todos presentan un bosque autóctono ben conservado. Nun deles medran algúns eucaliptos entre os carballos, polo que teremos que eliminalos. En conxunto están moi ben situados: uns na beira do río Mandeo, outros na súa proximidade. Tamén están cerca doutros montes nosos; incluso un deles linda cun monte que mercamos hai anos.

Igual que en ocasións anteriores, puideron adquirirse grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores, pois para isto non recibimos nin subvencións públicas nin dispoñemos de grandes mecenados. En canto nos sexa posible, volveremos a recupera-lo ritmo de compras para así seguir aumentando a superficie destinada a perpetuidade á conservación do noso patrimonio natural.

¡Podes axudarnos! A próxima vez que merquemos un monte, aledaraste connosco sabendo que grazas a ti un anaco de fraga ten garantido o seu futuro.


Charla en Aranga

25 Maio 2018

 
Hoxe pola tarde estivemos en Aranga explicando en qué consiste a custodia do territorio e a maneira en que a practicamos en Fragas do Mandeo.

Foto do alumnadoDende o día 1 de marzo estase a impartir no local social de Muniferral o curso de monitor de actividades de tempo libre organizado pola Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tras 200 horas teóricas e 150 horas prácticas, os alumnos obterán unha titulación oficial.

Como noutras ocasións similares, aproveitamos a charla para informarlles dos principais problemas ambientais da nosa bisbarra e das liñas de actuación de Fragas do Mandeo para conserva-lo noso patrimonio natural, insistindo na importancia de dedicar parte do tempo libre que teñamos á conservación da natureza. Finalmente, estimulámoslles a que dentro da súa futura actividade profesional fomenten este compromiso a través das actividades que organicen en concellos, clubs e asociacións.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).