Voluntariado na praia da Alameda

2 Xuño 2019

 
Esta mañá un equipo de voluntariado ambiental composto por 19 persoas achegouse á praia da Alameda (Miño). O obxectivo era eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo neste areal que apadriñamos dende 2011.

Fotografía dos voluntariosAínda que neste ano xa temos actuado nela varias veces, era aconsellable volver debido a que nesta época é cando nacen especies como o eixerón e o áster. No caso de esperarmos moito para eliminalas, empezaría a ser difícil arrincalas e algunhas xa comezarían a liberar sementes. Agora o traballo é fácil pois aínda son pequenas, pero tamén requírese máis atención para localizalas. De paso arrincaron igualmente numerosos rebrotes de chopo híbrido e varios focos pequenos de margarida africana.

Non atoparon ningún exemplar de especies erradicadas en ocasións anteriores, como a uña de gato, plumacho, santalina de auga, cyperus,
crocosmia, carrapatón e mioporo. Pola contra, os rebrotes dos álamos brancos cortados hai anos polo Concello de Miño están adquirindo proporcións preocupantes, polo que se precisará dunha actuación específica.

Finalmente, os voluntarios retiraron 135 kg de restos vexetais. Boa parte da biomasa eran eixeróns, malia ser pequenos, o que dá medida do elevado número de exemplares eliminados.

Parte do equipo de voluntarios dedicouse paralelamente a recoller lixo na praia. A duna gris estaba moi limpa, froito da nosa atención continuada. Foi na zona intermareal onde recolleron máis refugallos, sumando un total de 203 kg.

A visita permitiu ós voluntarios observar como está cambiando o perfil da praia, reducíndose a duna gris en favor da duna branca e adquirindo unha forma máis cóncava. Coñeceron os exemplares de Dorycnium rectum (única cita deste arbusto na nosa provincia) e localizaron exemplares das orquídeas Serapias lingua e Dactylorhiza elata. En definitiva, comprobaron a mellora progresiva deste enclave, froito do traballo continuado.
Foto dos voluntarios


Nova cita no Ollo da Roda

22 Abril 2019

 
Tras tres xornadas de traballo na reserva do Ollo da Roda, por fin rematamos de xestionar a biomasa da corta dos eucaliptos que medraban na última parcela que mercamos; de paso, tamén retiramos un total de 12 m3 de lixo na contorna.

Na zona onde se localizaban os refugallos atopamos dúas especies exóticas invasoras, a crocosmia e a tradescantia. Procedentes de restos de xardinería que acompañaban ó lixo alí ciscado, prenderon facilmente grazas a un entorno favorable. Un voluntario xa arrincou toda a crocosmia, pero quedan dous focos de tradescantia que ameazan con propagarse pola zona húmida. Xa que logo, procede erradicalos canto antes mellor, polo que programamos unha xornada de voluntariado para o próximo sábado día 27.

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar uns protectores para os xeonllos, unhas luvas finas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Arrinca-la tradescantia é doado pola súa fraxilidade, pero precisamos moitas mans. Se queres ser parte da restauración ambiental da reserva natural do Ollo da Roda, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Sábado, 27 de abril de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: A mañá amenceu con algo de orballo, pero parou antes de comezar a traballar. Os 12 participantes desta xornada arrincaron 290 kg de tradescantia, pero soamente conseguiron eliminar un dos seus dous focos. Descubriron que o máis grande xa tiña empezado a colonizar a zona húmida. Haberá que volver calzando botas de auga para erradicala completamente. Aínda que non estaba dentro dos obxectivos da xornada, na zona de traballo recolleron algo máis de 1 m3 de lixo, entre o que se encontraba un televisor.


Aprendendo sobre os morcegos no Catorce

21 Abril 2019

 
Aínda que os protagonistas da reserva do Catorce son os anfibios, nela prospera unha ampla variedade de animais e plantas. Para favorece-la presenza de quirópteros, o ano pasado convertémo-lo vello transformador da canteira nun refuxio para morcegos. Actualmente xa detectamos o seu uso incipiente.

Imaxe de morcegosA Sociedade Galega de Historia Natural, como apoio ó noso traballo, programa para o sábado 4 de maio unha xornada divulgativa sobre morcegos. Desta maneira coñeceremos mellor a vida destes enigmáticos animais e melloraremos as instalacións que os acollen na reserva.

D. Manuel Arzúa, quiropterólogo da asociación Drosera, iniciará a xornada cunha charla no local da asociación Fillos de Ois. Logo nos desprazaremos á reserva, onde nos ensinará a construír as caixas refuxio que posteriormente instalaremos nela. A última hora faremos observacións mediante eco-localización.

Os que desexen participar, deben poñerse en contacto coa SGHN a través do correo electrónico asmarinhas@sghn.org ou no teléfono 686 143 143. A inscrición ten un custe de 8 euros (de balde para os seus socios) que hai que ingresar na conta bancaria que indiquen; o prazo para apuntarse remata o 2 de maio.

Punto de encontro: Local social de SRCD Filllos de Ois (lugar do Fontelo nº 37, Ois, Coirós).
Data: Sábado, 4 de maio de 2019.
Hora: Das 17:00 até as 20:30 horas.

Post data: Despois de escoita-la conferencia de D. Manuel Arzúa, os 17 participantes desprazáronse á reserva para elaborar 6 caixas de morcegos. A continuación percorrérona mediante unha visita guiada, coñecendo en detalle todo o traballo realizado. Chegada a noite, cos ecolocalizadores lograron detectar a presenza de dúas especies de morcegos, o morcego común (Pipistrellus pipistrellus) e o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), considerado este último como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Para remata-la xornada, observamos a un lavanco acudir no medio da noite a unha das charcas.


Hábitat reforza o seu apoio

1 Abril 2019

 
A pasada fin de semana, o Grupo Naturalista Hábitat renovou o seu apoio a Fragas do Mandeo de dúas maneiras moi eficaces.

Foto dos voluntariosO sábado organizou unha xornada de traballo con voluntarios de Abanca na praia da Abeleira. Tivo como obxectivo inicia-la erradicación das extensas manchas de tradescantia alí presentes e recoller canto lixo se atopara. Participaron 28 persoas, resultando na retirada dun total de 188 kg de biomasa de tradescantia e 250 kg de refugallos.

Este areal sitúase na ribeira esquerda da desembocadura do río Lambre. Deste xeito complementan o traballo de conservación que estamos facendo dende o ano 2011 na praia da Alameda, situada na ribeira dereita.

O domingo fixeron unha actividade totalmente distinta: unha saída para observar aves na ría do Burgo. O que tivo de especial é que nela recadaron 171 euros entre os máis de 50 participantes, importe que doaron a Fragas do Mandeo para mercar montes de interese ambiental. Con ela estrearon a súa iniciativa Hábitat Protexe, mediante a que recadarán fondos que destinarán ás entidades que estamos a custodiar o patrimonio natural.

Agradecemos a Hábitat este apoio, esperando que a súa iniciativa teña un exitoso respaldo cidadán, pois toda axuda é pouca á hora de conserva-la natureza.


Terceira xornada no Ollo da Roda

26 Marzo 2019

 
O pasado domingo non foi posible remata-lo traballo na reserva do Ollo da Roda. Destinamos media mañá a amorear ramallada de eucalipto, pero malia que éramos dezaseis persoas o monte aínda non quedou limpo de todo. Na outra media mañá recollemos lixo na beira da pista até enche-lo remolque, polo que tivemos que parar. É o segundo que enchemos neste ano, totalizando un volume de 8 m3, pero sen chegar a acabar con canto refugallo alí teñen ciscado. Os voluntarios non quedaron satisfeitos con este resultado incompleto, así que o próximo domingo volveremos para rematar.

Foto dos voluntariosComo de costume, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar luvas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se queres participar na restauración ambiental da reserva natural do Ollo da Roda, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 31 de marzo de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Desta volta os 14 participantes lograron rematar coa xestión da biomasa da corta dos eucaliptos. De novo encheron un remolque cos refugallos recollidos na contorna. Entre as tres xornadas sumaron 12 m3 de lixo, incluídos 8 frigoríficos e 4 colchóns.
Foto dos voluntarios


Voluntarios galegos axúdannos coa tradescantia

25 Marzo 2019

 
A pasada fin de semana, trece voluntarios acompañados de dous monitores de Ribeirán Proxectos Naturais viñeron axudarnos a elimina-la tradescantia no rego das Bouzas (Coirós). Forman parte do proxecto LIFE Evergreen With Volunteer, do Corpo Europeo de Solidariedade, no que colabora a Xunta de Galicia.

O rego das Bouzas verte as súas augas ó río Mandeo no lugar de Chelo. Para evitar que esta especie exótica invasora recolonice as zonas do río onde a temos erradicado, é ineludible acabar coa súa presenza neste rego. Durante o sábado e o domingo os voluntarios encheron cos seus restos 19 sacos de lixo que pesaron 145 kg.

Agradecemos a estas persoas que viñeran de diversos puntos de Galicia a botarnos unha man na conservación do noso patrimonio natural.
Foto dos voluntarios


Este domingo rematarémo-lo traballo no Ollo da Roda

18 Marzo 2019

 
Hai un mes achegámonos á reserva do Ollo da Roda, no río Mendo, para acondiciona-la última parcela mercada. Aínda que traballamos duro, non logramos nin amorear toda a ramallada de eucalipto abandonada polo madeireiro, nin recoller todo o lixo que ciscou na súa contorna xente incívica. Xa que logo, aproveitaremos que o próximo domingo día 24 imos ter bo tempo para rematar ambas tarefas.

Foto dos voluntariosComo de costume, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar luvas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se non tiveches a oportunidade de coñece-la reserva natural do Ollo da Roda na ocasión anterior, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 24 de marzo de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Aínda que volvemos xuntarnos 16 persoas, non demos rematado o traballo. Queda algo de ramallada por recoller e tamén lixo. O remolque volveu cheo de sacos de lixo, ademais de outros tres frigoríficos e dúas rodas.


Primeira xornada de voluntariado deste ano

18 Febreiro 2019

 
O próximo domingo día 24 imos achegarnos ó monte que mercamos hai un mes no río Mendo para formar parte da reserva do Ollo da Roda. Non hai dúbida co tempo: os meteorólogos prognostican que un anticiclón vai deixarnos días soleados toda a semana.

Foto dos voluntariosO principal traballo a realizar é recoller toda a ramallada procedente da corta dos eucaliptos, deixando preparada a parcela para que se rexeneren o bosque e o prado de ribeira que existían antes de que fose plantada con eucaliptos. O segundo traballo é retira-lo lixo que xente incívica ciscou nas lindes dos nosos montes coa pista. Ningún destes traballos presenta especial dificultade, polo que pode realizalos a meirande parte das persoas.

Como de costume, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

No caso de que esteas interesado en colaborar na creación da reserva natural do Ollo da Roda, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 24 de febreiro de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Na xornada de hoxe xuntámonos 16 persoas. Destinamos a primeira metade da mañá a amorea-la ramallada de eucalipto, pero había tanta que non demos acabado. A segunda metade destinámola a recoller refugallos. Cargámo-lo remolque con tres frigoríficos e rematamos de enchelo con bolsas de lixo, o que significa un volume total de 4 m3. Pero aínda queda ramallada por amorear e refugallos por recoller.
Foto dos voluntarios


Premian o noso traballo

12 Febreiro 2019

 
Logo da Fundación NaturgyA Fundación Naturgy vén de recoñece-lo noso traballo outorgando o premio Emprendedores Sociais ó noso proxecto Custodiando o bosque atlántico no río Mandeo.

A finais do ano pasado a Fundación Naturgy convocou a primeira edición deste premio, creado co obxectivo de que os empregados da compañía impulsen aqueles proxectos sociais e ambientais, promovidos por organizacións españolas sen ánimo de lucro en calquera dos países nos que opera a compañía, relacionados coa eficiencia enerxética, o medio ambiente e a vulnerabilidade enerxética.

Foto da sinatura do convenioO proxecto gañador foi presentado por unha persoa que coñece ben a nosa traxectoria, D. Ignacio Aparicio, pois dende hai anos acude sempre que pode ás nosas xornadas de voluntariado acompañado da súa muller e os seus dous fillos. “Fragas do Mandeo fai unha gran labor e este premio axudará moito. Cando chegas a un monte meses despois de ter traballado nel e contemplas como se vai rexenerando, é un orgullo e dá esperanza de que aínda podemos cambia-lo mundo a mellor”, segundo as súas propias palabras.

Coa sinatura esta mañá do convenio, a Fundación Naturgy colaborará connosco na sensibilización e implicación de forma directa da cidadanía na salvagarda do patrimonio natural da comarca de As Mariñas, de xeito que os veciños se vinculen emocionalmente cos espazos naturais locais, os valoren e os protexan. Ademais deste apoio, o premio significa para nós un respaldo moral ó traballo continuado que levamos realizando dende hai oito anos, polo que nos sentimos moi honrados coa súa concesión.


A Universidade Sénior visita a reserva do Catorce

9 Febreiro 2019

 
Esta tarde acompañamos a un grupo de 33 persoas da Asociación de Alumnos e Ex-alumnos da Universidade Sénior da Coruña (ADAYEUS) na súa visita á reserva de anfibios do Catorce.

Foto da visitaDurante a mañá realizaron unha camiñada polo concello de Coirós. Percorreron o monte do Gato, visitando os petróglifos da fonte do Oso e subindo ó pico da Felga, e logo seguiron a ruta dos muíños do río Vexo, en Xora. Pola tarde achegáronse á reserva, podendo coñecer como foi que a creamos, os traballos realizados e os obxectivos acadados, para finalmente introducirse na bioloxía dos anfibios observando algunhas postas de ras.

A razón primordial da creación da reserva foi garantir un hábitat axeitado para a reprodución das poboacións locais de anfibios. A divulgación ambiental en visitas como esta é compatible coa conservación do espazo e redunda nunha maior concienciación da sociedade na importancia de preserva-los puntos de reprodución deste grupo de vertebrados tan ameazado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).