A Universidade Sénior visita a reserva do Catorce

9 Febreiro 2019

 
Esta tarde acompañamos a un grupo de 33 persoas da Asociación de Alumnos e Ex-alumnos da Universidade Sénior da Coruña (ADAYEUS) na súa visita á reserva de anfibios do Catorce.

Foto da visitaDurante a mañá realizaron unha camiñada polo concello de Coirós. Percorreron o monte do Gato, visitando os petróglifos da fonte do Oso e subindo ó pico da Felga, e logo seguiron a ruta dos muíños do río Vexo, en Xora. Pola tarde achegáronse á reserva, podendo coñecer como foi que a creamos, os traballos realizados e os obxectivos acadados, para finalmente introducirse na bioloxía dos anfibios observando algunhas postas de ras.

A razón primordial da creación da reserva foi garantir un hábitat axeitado para a reprodución das poboacións locais de anfibios. A divulgación ambiental en visitas como esta é compatible coa conservación do espazo e redunda nunha maior concienciación da sociedade na importancia de preserva-los puntos de reprodución deste grupo de vertebrados tan ameazado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).