Este domingo rematarémo-lo traballo no Ollo da Roda

18 Marzo 2019

 
Hai un mes achegámonos á reserva do Ollo da Roda, no río Mendo, para acondiciona-la última parcela mercada. Aínda que traballamos duro, non logramos nin amorear toda a ramallada de eucalipto abandonada polo madeireiro, nin recoller todo o lixo que ciscou na súa contorna xente incívica. Xa que logo, aproveitaremos que o próximo domingo día 24 imos ter bo tempo para rematar ambas tarefas.

Foto dos voluntariosComo de costume, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar luvas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se non tiveches a oportunidade de coñece-la reserva natural do Ollo da Roda na ocasión anterior, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 24 de marzo de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Aínda que volvemos xuntarnos 16 persoas, non demos rematado o traballo. Queda algo de ramallada por recoller e tamén lixo. O remolque volveu cheo de sacos de lixo, ademais de outros tres frigoríficos e dúas rodas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).