Terceira xornada no Ollo da Roda

26 Marzo 2019

 
O pasado domingo non foi posible remata-lo traballo na reserva do Ollo da Roda. Destinamos media mañá a amorear ramallada de eucalipto, pero malia que éramos dezaseis persoas o monte aínda non quedou limpo de todo. Na outra media mañá recollemos lixo na beira da pista até enche-lo remolque, polo que tivemos que parar. É o segundo que enchemos neste ano, totalizando un volume de 8 m3, pero sen chegar a acabar con canto refugallo alí teñen ciscado. Os voluntarios non quedaron satisfeitos con este resultado incompleto, así que o próximo domingo volveremos para rematar.

Como de costume, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar luvas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se queres participar na restauración ambiental da reserva natural do Ollo da Roda, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 31 de marzo de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).