Aprendendo sobre os morcegos no Catorce

21 Abril 2019

 
Aínda que os protagonistas da reserva do Catorce son os anfibios, nela prospera unha ampla variedade de animais e plantas. Para favorece-la presenza de quirópteros, o ano pasado convertémo-lo vello transformador da canteira nun refuxio para morcegos. Actualmente xa detectamos o seu uso incipiente.

Imaxe de morcegosA Sociedade Galega de Historia Natural, como apoio ó noso traballo, programa para o sábado 4 de maio unha xornada divulgativa sobre morcegos. Desta maneira coñeceremos mellor a vida destes enigmáticos animais e melloraremos as instalacións que os acollen na reserva.

D. Manuel Arzúa, quiropterólogo da asociación Drosera, iniciará a xornada cunha charla no local da asociación Fillos de Ois. Logo nos desprazaremos á reserva, onde nos ensinará a construír as caixas refuxio que posteriormente instalaremos nela. A última hora faremos observacións mediante eco-localización.

Os que desexen participar, deben poñerse en contacto coa SGHN a través do correo electrónico asmarinhas@sghn.org ou no teléfono 686 143 143. A inscrición ten un custe de 8 euros (de balde para os seus socios) que hai que ingresar na conta bancaria que indiquen; o prazo para apuntarse remata o 2 de maio.

Punto de encontro: Local social de SRCD Filllos de Ois (lugar do Fontelo nº 37, Ois, Coirós).
Data: Sábado, 4 de maio de 2019.
Hora: Das 17:00 até as 20:30 horas.

Post data: Despois de escoita-la conferencia de D. Manuel Arzúa, os 17 participantes desprazáronse á reserva para elaborar 6 caixas de morcegos. A continuación percorrérona mediante unha visita guiada, coñecendo en detalle todo o traballo realizado. Chegada a noite, cos ecolocalizadores lograron detectar a presenza de dúas especies de morcegos, o morcego común (Pipistrellus pipistrellus) e o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), considerado este último como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Para remata-la xornada, observamos a un lavanco acudir no medio da noite a unha das charcas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).