Hábitat reforza o seu apoio

1 Abril 2019

 
A pasada fin de semana, o Grupo Naturalista Hábitat renovou o seu apoio a Fragas do Mandeo de dúas maneiras moi eficaces.

Foto dos voluntariosO sábado organizou unha xornada de traballo con voluntarios de Abanca na praia da Abeleira. Tivo como obxectivo inicia-la erradicación das extensas manchas de tradescantia alí presentes e recoller canto lixo se atopara. Participaron 28 persoas, resultando na retirada dun total de 188 kg de biomasa de tradescantia e 250 kg de refugallos.

Este areal sitúase na ribeira esquerda da desembocadura do río Lambre. Deste xeito complementan o traballo de conservación que estamos facendo dende o ano 2011 na praia da Alameda, situada na ribeira dereita.

O domingo fixeron unha actividade totalmente distinta: unha saída para observar aves na ría do Burgo. O que tivo de especial é que nela recadaron 171 euros entre os máis de 50 participantes, importe que doaron a Fragas do Mandeo para mercar montes de interese ambiental. Con ela estrearon a súa iniciativa Hábitat Protexe, mediante a que recadarán fondos que destinarán ás entidades que estamos a custodiar o patrimonio natural.

Agradecemos a Hábitat este apoio, esperando que a súa iniciativa teña un exitoso respaldo cidadán, pois toda axuda é pouca á hora de conserva-la natureza.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).