Nova cita no Ollo da Roda

22 Abril 2019

 
Tras tres xornadas de traballo na reserva do Ollo da Roda, por fin rematamos de xestionar a biomasa da corta dos eucaliptos que medraban na última parcela que mercamos; de paso, tamén retiramos un total de 12 m3 de lixo na contorna.

Na zona onde se localizaban os refugallos atopamos dúas especies exóticas invasoras, a crocosmia e a tradescantia. Procedentes de restos de xardinería que acompañaban ó lixo alí ciscado, prenderon facilmente grazas a un entorno favorable. Un voluntario xa arrincou toda a crocosmia, pero quedan dous focos de tradescantia que ameazan con propagarse pola zona húmida. Xa que logo, procede erradicalos canto antes mellor, polo que programamos unha xornada de voluntariado para o próximo sábado día 27.

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar uns protectores para os xeonllos, unhas luvas finas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Arrinca-la tradescantia é doado pola súa fraxilidade, pero precisamos moitas mans. Se queres ser parte da restauración ambiental da reserva natural do Ollo da Roda, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Sábado, 27 de abril de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: A mañá amenceu con algo de orballo, pero parou antes de comezar a traballar. Os 12 participantes desta xornada arrincaron 290 kg de tradescantia, pero soamente conseguiron eliminar un dos seus dous focos. Descubriron que o máis grande xa tiña empezado a colonizar a zona húmida. Haberá que volver calzando botas de auga para erradicala completamente. Aínda que non estaba dentro dos obxectivos da xornada, na zona de traballo recolleron algo máis de 1 m3 de lixo, entre o que se encontraba un televisor.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).