Voluntariado xuvenil na Abeleira

8 Setembro 2019

 
Esta fin de semana achegouse á praia da Abeleira (Paderne) un grupo de voluntariado xuvenil do Proxecto Lewo da Xunta de Galicia. O motivo era colaborar connosco eliminando especies exóticas invasoras na mañás de onte sábado e de hoxe domingo.

Os doce participantes, acompañados de dous monitores de Ribeirán e dun voluntario de Fragas do Mandeo, dedicaron o tempo a arrincar pacientemente a tradescantia que medra na linde da praia co monte. Finalmente recolleron 310 kg desta invasora e retiraron 33,5 kg de lixo atopado na zona de traballo.

A praia da Abeleira está integrada na Rede Natura, pois forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, razón pola que é moi importante mantela libre de especies exóticas invasoras. Esta fin de semana avanzouse nese obxectivo, pero aínda queda moito traballo para rematar de erradicala neste enclave. Calquera axuda, como a deste grupo de persoas, é benvida.


Programada a VIII Semana de Custodia

28 Agosto 2019

 
A mediados de setembro imos celebrar a oitava edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Igual que nas ocasións anteriores, combinaremos unha xornada de conferencias con tres de voluntariado.

Imaxe do programa da VIII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoEsta fórmula responde ó noso compromiso coa conservación da natureza, pois ademais de informarse, tamén hai que actuar directamente no entorno se realmente queremos mellora-lo estado do noso patrimonio natural.

Este ano centrámo-lo programa na fauna que corre un maior risco de extinción na nosa bisbarra, algunha incluso en perigo crítico no conxunto do planeta. Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, nas xornadas de voluntariado amosaremos a nosa orientación a cumprir obxectivos concretos, continuando coa mitigación local de dous graves problemas ambientais: as especies exóticas invasoras e o lixo que acaba nos ríos e no mar.

A Semana segue a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, código postal, móbil e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarás a organización.

Xornada sobre a fauna en perigo de extinción: Como acto central da Semana programamos un conxunto de charlas titulado Citas coa extinción da fauna mariñán. Trala apertura a cargo da alcaldesa de Betanzos, Dª. María Barral, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo nestes nove anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos e na conservación dos ríos, da marisma e das praias.

Imaxe do cartel da VIII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoA primeira conferencia correrá a cargo do Dr. Pedro Galán, profesor e investigador da Universidade da Coruña, que nos ofrecerá os resultados do seu recentemente rematado proxecto de investigación sobre as poboacións de saramaganta e de lagartixa da serra no río Mandeo. A crise climática está a afectarlles negativamente, pois fragmenta as súas poboacións e consecuentemente reduce os intercambios xenéticos destas dúas especies consideradas oficialmente como ameazadas. A continuación intervirá D. César Ayres, da Asociación Herpetológica Española. Este herpetólogo leva estudando o sapoconcho europeo dende 1996 e formou parte do equipo redactor do plan oficial de recuperación desta especie en Galicia. Dubidamos se sigue habitando a ría, pois o último exemplar localizouse no ano 2015; xa que logo, é necesario coñece-los motivos do seu declive e as posibilidades de recuperación. Por último, D. Emilio Martínez Sabarís, anelador experto do Grupo de Anelamento Científico de Aves Anduriña, vai informarnos da situación da escribenta das canaveiras iberoccidental. Estudou as súas poboacións galegas e portuguesas entre os anos 2002 e 2009, motivo polo que o seu traballo de campo tívose en conta no plan oficial de recuperación desta especie en Galicia. Como este paxariño está en perigo crítico de extinción en todo o planeta, e a ría foi considerada zona de potencial expansión no seu plan de recuperación, debemos facer todo o posible para mellora-los seus hábitats de cría e de alimentación.
Data: Sábado 14 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón Azul do Liceo de Betanzos.

Voluntariado no Mandeo: A primeira xornada de voluntariado ambiental estará dedicada a eliminar unha planta exótica invasora que despraza ás especies autóctonas das ribeiras do río Mandeo: a tradescantia (Tradescantia fluminensis). Levamos varios anos erradicando esta especie de orixe sudamericana no tramo de 6 km que apadriñamos no curso baixo do Mandeo. O obxectivo do día será suprimi-lo último foco que queda, situado no lugar de Chelo, pois ameaza con propagarse río abaixo por zonas nas que xa está erradicada. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 15 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Eco-regata na ría de Betanzos: O lixo que recollemos na marisma nas cinco edicións anteriores encheron nove contedores industriais, superando un volume total de 70 m3. Imaxe do cartel da VI Eco-regata Ría de BetanzosRematada a recollida de pneumáticos e lixo no entorno do pazo de Mariñán o ano pasado, nesta ocasión explorarémo-lo tramo final da ribeira dereita.

Animamos a toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos con rumbo á ribeira próxima a Souto, onde haberá que afanarse para chegar a se-lo que máis lixo recolle e o que atope o refugallo máis singular. Á volta, no porto haberá comida e bebida.

Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal, Casa Castillo Betanzos, Asociación Porta da Vila e Club de Remo Olímpico do Mandeo. Tamén colaboran o concello de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 21 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a duodécima edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a séptima edición na que colaboraremos (farémolo unha semana antes da xornada oficial por razóns organizativas). O ano pasado participamos 861 persoas de 70 entidades, retirando máis de 10 toneladas de refugallos en tramos de ríos de 53 concellos galegos. Este ano volveremos ó río Lambre para continuar recollendo canto lixo atopemos no tramo medio do río, augas arriba da desembocadura do rego do Anido, continuando a limpeza iniciada no 2018. Serán 2,5 km de percorrido por un bosque diverso que merece ser coñecido e conservado. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir botas de auga e roupa axeitada para andar polo monte, ademais de levar luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 22 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na bisbarra, na que se proporciona ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa comarca a oportunidade de actuar de xeito directo, eficaz e coordinado na súa conservación.

Non basta con opinar ou participar nas redes sociais para recupera-lo noso patrimonio natural. ¡Hai que actuar!


Rematou o campo de traballo

26 Agosto 2019

 
Foto dos voluntariosOs voluntarios da cuarta edición do campo de traballo Monte da Espenuca aproveitaron o día de hoxe para arrincar as últimas tradescantias e crocosmias a carón das fervenzas que forma o rego das Bouzas. Mañá marcharán ós seus lugares de orixe, levando como bagaxe as novas experiencias.

Nós achegámonos para despedirnos deles e agradecerlles o traballo feito, garantíndolles que vixiaremos que estas especies exóticas invasoras non recolonicen as zonas onde as eliminaron. E tamén para pedirlles que sigan comprometéndose coa conservación da natureza nos seus lugares de orixe mediante accións directas no entorno natural, colaborando con entidades como a nosa.

Cargamos o remolque con tódolos sacos cheos de restos vexetais e de refugallos. Foron 500 kg exactos de biomasa e 52 kg de lixo. O peso das invasoras arrincadas foi inferior a anos anteriores, pero o traballo foi realmente positivo, pois limparon un tramo longo do regato nunha zona moi escarpada, onde o relevo dificultaba o traballo.

Foto do rego das BouzasAínda permanecen varios focos de invasoras e de lixo no tramo do rego das Bouzas que falta até chegar á ponte do Porto do Vao, na estrada a Espenuca.

Os afluentes do río Mandeo, aínda que sexan os pequenos regatos que como este quedaron fóra do espazo natural protexido, teñen unha gran importancia ecolóxica. Neles atopan refuxio os alevíns mentres non acadan o tamaño conveniente para baixar ó río. Ademais, no seu entorno podemos atopar varias especies ameazadas: anfibios como a saramaganta e a ra dos regos, moluscos como o caracol de Quimper ou fentos como o Trichomanes speciosum.

Atendendo á necesidade de restaurar o estado natural do rego das Bouzas, esperamos que poidan continuarse estas actuacións en futuras edicións do campo de traballo. Confiamos en seguir contando coa boa xestión do seu director, Jesús Díaz, e de Ribeirán Proxectos Naturais, sendo imprescindible a colaboración do Concello de Coirós e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Foto dos voluntarios


Benvida ó cuarto campo de traballo

17 Agosto 2019

 
Esta mañá estivemos no Centro Etnográfico de Teixeiro para darlles a benvida ós voluntarios da cuarta edición do campo de traballo Monte da Espenuca.

Foto dos voluntariosTrece persoas procedentes de toda España, incluídas tres galegas, acompañadas de dous monitores e do director do campo, traballarán en favor do noso patrimonio natural até o día 27 de agosto. Na charla de benvida tivemos a ocasión de expoñerlles as actuacións de restauración de hábitats que temos realizado, cales son os nosos obxectivos e como empregamos a custodia do territorio para conserva-la biodiversidade da nosa bisbarra.

Durante seis xornadas van sumar 480 horas de traballo á labor realizada polos voluntarios das dúas últimas edicións no rego das Bouzas. Este afluente do Mandeo desemboca xusto ó pé do Centro de Interpretación de Chelo (Coirós). Nel medran varios focos de tradescantia (Tradescantia fluminensis).

Ademais de despraza-la vexetación autóctona nas beiras deste regato, a presenza nelas desta invasora de orixe sudamericana supón o risco de que as enchentes invernais arrastren restos que poden chegar a prender dentro do espazo natural protexido, onde estamos preto de lograr erradicala en todo o tramo de ribeira do río Mandeo que apadriñamos. Como apoio nese obxectivo, durante o inverno e a primavera, voluntarios de Fragas do Mandeo estiveron revisando as zonas de actuación das edicións anteriores para impedir que a tradescantia as recolonizara.

Fragas do Mandeo promove, asesora e colabora con este campo de traballo. Solicitado polo Concello de Coirós, está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.

Agradecémoslles en nome da natureza o seu esforzo altruísta.

Foto dos voluntarios


Voluntariado no Mandeo

25 Xullo 2019

 
A primeiros do mes pasado achegámonos cun grupo de voluntarios da empresa Naturgy ó Mandeo para eliminar dúas especies exóticas invasoras, a tradescantia e a cala, que medraban ó redor do edificio abandonado a carón da minicentral do Zarzo. Malia que retiramos 138,5 kg de biomasa, non chegou a mañá para erradicar toda a tradescantia. Así que programamos unha nova xornada para o primeiro domingo de agosto co obxectivo de acabar con ela.

Foto dos voluntariosComo habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar uns protectores para os xeonllos, unhas luvas finas, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Nesta xornada acabaremos cun dos dous últimos focos de tradescantia nos aproximadamente 6 km de río entre O Tope e a ponte de Teixeiro. Se te animas a axudar a libera-lo Mandeo de invasoras, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 4 de agosto de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Os 10 participantes nesta xornada lograron o obxectivo de acabar con este foco de tradescantia. Revisaron concienciudamente toda a zona para elimina-las plantas na zona que quedara pendente na xornada anterior, pero tamén repasaron o resto da área para retirar brotes que non foran detectados. En total retiraron 45 kg de restos de tradescantia e unha cala.


Volvemos á reserva do Catorce

21 Xullo 2019

 
Na anterior xornada de voluntariado quedara pendente de remata-la eliminación da xunca olorosa (Cyperus eragrostis) na zona húmida da reserva de anfibios. Esta mañá, quince voluntarios acometeron o reto. Aproveitaron a temperatura agradable, pero atoparon o chan completamente seco, polo que era máis difícil arrinca-las plantas.
Foto dos voluntarios

A decisión e o traballo sistemático levaron a que avanzáramos a bo ritmo. Tamén localizamos algúns exemplares de eixerón (Conyza canadensis) e de áster americano (Aster squamatus) que pasaron desapercibidos na xornada anterior. En total xuntamos unha biomasa de aproximadamente medio metro cúbico.

Malia a efectividade do traballo realizado, non podemos dar por erradicadas definitivamente estas especies. Teñen unha gran capacidade de recolonización, tanto grazas ó banco de sementes do chan como pola alta capacidade de dispersarse arrastradas polo vento. En todo caso, como xa temos comprobado en anos anteriores, aínda que reaparezan será con densidades moito menores.

A xornada rematou cunha comida campestre na que os voluntarios compartiron viandas e conversaron animadamente.


Xornada de voluntariado na reserva do Catorce

7 Xullo 2019

 
Hoxe achegámonos unha ducia de voluntarios á reserva de anfibios do Catorce (Coirós). Coa calor, o nivel da auga tiña baixado moito, polo que era o momento axeitado para face-los traballos de mantemento sen risco de afectar ós anfibios. Tamén era unha oportunidade para que os voluntarios coñeceran as últimas actuacións na reserva, incluídos os murais pintados nas paredes exteriores do refuxio de visitantes e do refuxio de morcegos.

Foto dos voluntariosDestinámo-la mañá a eliminar varias especies exóticas invasoras. Unhas semanas antes, un voluntario estivo controlando tódolos rebrotes dos eucaliptos nas dúas hectáreas de bosque. Pero faltaba elimina-las plantas invasoras que reapareceron no resto da reserva. Retiramos bastante eixerón (Conyza canadensis); afortunadamente naceu pouco áster americano (Aster squamatus) e soamente localizamos un pé de herba do asno (Oenothera glazioviana). No caso da xunca olorosa (Cyperus eragrostis), escaseaba nos puntos onde eliminámo-la o ano anterior, pero era abondosa no resto da zona húmida. En total retiramos medio metro cúbico de biomasa.

Aínda que non logramos acabar coa xunca olorosa, os voluntarios emprazáronse a volver tan pronto como fora posible para remata-lo traballo.
Foto dos voluntarios


Vandalismo na reserva do Catorce

5 Xullo 2019

 
Hoxe tivemos que achegarnos até o cuartel da Garda Civil de Betanzos para denunciar un acto de vandalismo na reserva de anfibios do Catorce (Coirós), con danos tanto materiais coma ecolóxicos.

Foto da desfeitaNo refuxio de visitantes tiñamos gardados varios botes de pintura e un saco de cemento, á espera de remata-los últimos traballos de reforma. Os autores lograron entrar nel, e cunha escoba a modo de brocha emborrallaron as paredes e o solo, para acabar ciscando toda a pintura contra as paredes e sobre as bancadas. Debeulles parecer pouca a desfeita, pois completárona botando o cemento por riba da pintura. Para remata-la faena colgaron do teito unha corda a modo de bambán, terminando por arrincar da parede unha das suxeicións da cuberta.

Tamén estiveron circulando cunha moto pola zona húmida, tras cruzar un prado lindeiro e salta-lo valado. Como é unha zona de cría de especies ameazadas, adicionalmente denunciaremos este feito ante os axentes de medio ambiente. Como delito ecolóxico, a sanción aparellada é moi severa.

Levounos catro días de traballo repara-los danos. Primeiro houbo que arrinca-la pintura e o cemento tanto nas paredes como no solo até onde se puido. Logo tivemos que pintar as catro paredes con varias capas. Por último, foi necesario desmonta-la bancada. Cunha rasqueta quitámoslle toda a pintura á madeira (traballo especialmente difícil nas fendas do seu debuxo). Logo houbo que cepillala, lixala e volver a instalala.

Obviamente, os autores non sacaron ningún beneficio, salvo o de gozar facendo mal. Esperamos que os veciños colaboren cos axentes da autoridade para localizalos. Hoxe tocounos a nós, pero mañá pasará en calquera outra propiedade da zona.


Voluntarios de Naturgy bótannos unha man

9 Xuño 2019

 
Esta mañá un grupo de dez voluntarios formado por empregados da empresa Naturgy e familiares seus, máis dous voluntarios nosos, estivemos no río Mandeo eliminando dúas especies exóticas invasoras, a tradescantia e a cala.

Foto dos voluntariosNo entorno do edificio abandonado a carón da minicentral do Zarzo medraba un extenso foco de tradescantia que ameazaba con propagarse pola beira do río. Preocupados por este risco, o ano pasado organizamos en setembro unha xornada de voluntariado para eliminala na zona máis próxima ó río.

Hoxe o obxectivo era erradicar completamente este foco. Os doce voluntarios foron arrincando pacientemente as plantas, logrando encher cos seus restos 11 sacos (aproximadamente 1 m3 de volume) que pesaron en total 138,5 kg. Tamén recollemos lixo e uns ferros oxidados que pesaron 20,5 kg. Aínda así, debido á extensión do foco, quedounos traballo para outra xornada.

Como os voluntarios descoñecían a zona, ó final da xornada fixemos unha pequena ruta polo río. Non foi unicamente un rato de lecer, pois mediante as nosas explicacións puideron coñecer os valores naturais do espazo protexido e limpamos de lixo os 5,5 km de ribeira transitados.

Agradecemos a Naturgy ter promovido entre os seus empregados esta xornada de voluntariado ambiental, esperando poder repetila no futuro.
Foto dos voluntarios


Voluntariado na praia da Alameda

2 Xuño 2019

 
Esta mañá un equipo de voluntariado ambiental composto por 19 persoas achegouse á praia da Alameda (Miño). O obxectivo era eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo neste areal que apadriñamos dende 2011.

Fotografía dos voluntariosAínda que neste ano xa temos actuado nela varias veces, era aconsellable volver debido a que nesta época é cando nacen especies como o eixerón e o áster. No caso de esperarmos moito para eliminalas, empezaría a ser difícil arrincalas e algunhas xa comezarían a liberar sementes. Agora o traballo é fácil pois aínda son pequenas, pero tamén requírese máis atención para localizalas. De paso arrincaron igualmente numerosos rebrotes de chopo híbrido e varios focos pequenos de margarida africana.

Non atoparon ningún exemplar de especies erradicadas en ocasións anteriores, como a uña de gato, plumacho, santalina de auga, cyperus,
crocosmia, carrapatón e mioporo. Pola contra, os rebrotes dos álamos brancos cortados hai anos polo Concello de Miño están adquirindo proporcións preocupantes, polo que se precisará dunha actuación específica.

Finalmente, os voluntarios retiraron 135 kg de restos vexetais. Boa parte da biomasa eran eixeróns, malia ser pequenos, o que dá medida do elevado número de exemplares eliminados.

Parte do equipo de voluntarios dedicouse paralelamente a recoller lixo na praia. A duna gris estaba moi limpa, froito da nosa atención continuada. Foi na zona intermareal onde recolleron máis refugallos, sumando un total de 203 kg.

A visita permitiu ós voluntarios observar como está cambiando o perfil da praia, reducíndose a duna gris en favor da duna branca e adquirindo unha forma máis cóncava. Coñeceron os exemplares de Dorycnium rectum (única cita deste arbusto na nosa provincia) e localizaron exemplares das orquídeas Serapias lingua e Dactylorhiza elata. En definitiva, comprobaron a mellora progresiva deste enclave, froito do traballo continuado.
Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).