O día 12 volveremos á reserva do Catorce

9 Xullo 2020

 
Durante esta semana estamos realizando varios traballos de mantemento que estaban pendentes na Reserva de Anfibios do Catorce: roza-los camiños e o aparcadoiro, fregarlle o verdello ó panel informativo e ós carteis, limpa-las cancelas e varre-los refuxios de visitantes e de fauna nocturna. Tamén temos que darlle un repaso ós rebrotes de eucaliptos que volveron a saír na parede da canteira, para o que esperamos contar cun voluntario con experiencia en escalada.

Como na xornada de voluntariado ambiental do pasado domingo quedaron por elimina-las especies exóticas invasoras en varias zonas pequenas, o día 12 imos volver para remata-lo traballo. Así poderemos dar por finalizadas as tarefas pendentes.

Igual que na ocasión anterior, para evita-los riscos de contaxio limitarémo-las prazas a un número reducido. Tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas (mellor as de goma, pois as de coiro non son axeitadas para este traballo).

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, pero tampouco compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Lembra vestir roupa axeitada e protexe-la cabeza do sol, pois prognostican un día caloroso. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 12 de xullo de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


O luns celebrarémo-lo noso décimo aniversario

1 Xullo 2020

 
O próximo luns, 6 de xullo, fará 10 anos que naceu Fragas do Mandeo. A nosa idea era celebra-lo nunha xuntanza festiva na que estiveran presentes tódolos nosos doadores, voluntarios e simpatizantes. Pero como non queremos que ninguén corra riscos, optamos por unha reunión virtual. Xa que logo, este luns emitiremos en directo dun xeito en que o público poderá preguntarnos e comentarnos todo aquilo que desexe. Aínda máis, pensando no caso das persoas ocupadas a esa hora, a charla tamén poderá verse en diferido.

Captura de pantalla ¿De qué imos falar? Do que levamos feito en todos estes anos. Dos éxitos e dos fracasos. Do que levou moito traballo e do que foi doado. Dos montes que tiñan eucaliptos pero que agora apenas se distinguen da fraga circundante; tamén daqueles ós que lles está a custar recuperarse. Do noso obxectivo de lograr un bosque con diversidade estrutural que albergue as vinte e dúas especies de árbores autóctonas da nosa bisbarra. Das nosas reservas do Catorce e do Ollo da Roda. Da longa lista de especies exóticas eliminadas nas parcelas custodiadas e nas zonas de dominio público apadriñadas. Dos retos ós que nos enfrontamos localmente diante de cambios que afectan á natureza en todo o planeta.

Tamén será o momento de amosa-lo noso agradecemento a tódalas persoas e entidades que nos teñen apoiado de múltiples maneiras durante este tempo. Entre elas, lembraremos con agarimo a D. Luis Muíño, o notario que formalizou a constitución de Fragas do Mandeo. Este amante da natureza tivo a amabilidade de axudarnos no noso inicio, renunciando ós seus honorarios profesionais. Lamentablemente, non puido ver até onde temos chegado.

Finalizada esta década, estaremos máis o menos lonxe daquilo ó que apuntaban as nosas arelas, pero o certo é que, mirando cara atrás, tan só cabe dicir: ¡tempus fugit!

Para materializar esta xuntanza virtual usaremos a plataforma de videoconferencias do Grupo Naturalista Hábitat. Como mostra do seu apoio, tamén recadarán fondos a través do faiado de Hábitat Protexe, onde poderás adquirir libros ou participar en actividades sabendo que o seu importe irá destinado a conserva-la natureza da nosa bisbarra.

Lugar: Sala de conferencias virtuais do Grupo Naturalista Hábitat a través de Youtube ou a través de Facebook. Non deixes de visita-lo faiado de Hábitat Protexe.
Data: Luns, 6 de xullo de 2020.
Hora: 20:30 horas.


Xornada de voluntariado o domingo 5

1 Xullo 2020

 
Levamos un tempo sen convocar xornadas de voluntariado, primeiro polo confinamento e logo por prudencia, á espera de ve-la evolución da crise sanitaria. Finalmente decidimos convocar unha xornada para o próximo domingo día 5, co obxectivo de eliminar especies exóticas invasoras na Reserva de Anfibios do Catorce.

Foto dos voluntariosHai un ano o noso voluntariado fixo nela un magnífico traballo eliminando toda a xunca olorosa. Pero esta primavera volveu saír, nacendo moitos exemplares de sementes presentes no solo. Así que imos eliminala xunto con outra especie tamén de orixe americana, o eixerón.

Para evita-los riscos de contaxio, limitarémo-las prazas a un número reducido. Tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas (mellor as de goma, pois as de coiro non son axeitadas para este traballo). Por último, espallarémonos pola zona de traballo para garda-las distancias.

Tal como facemos habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, pero nesta ocasión non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Lembra vestir roupa axeitada e protexe-la cabeza do sol, pois prognostican un día caloroso. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres implicarte na conservación desta reserva, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 5 de xullo de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: Afortunadamente o prognóstico meteorolóxico errou. No canto dun día excesivamente caloroso, tivemos unha mañá nubrada e cunha temperatura óptima para traballar. Os quince participantes respectaron en todo momento as normas de seguridade sanitaria e pouco a pouco foron arrincando as invasoras até xuntar 339,5 kg de biomasa. Practicamente todo foi xunca olorosa, pero tamén eliminaron un par de quilos de eixerón, unha presa de áster americano e sete eucaliptos que naceron de sementes procedentes dos montes lindeiros.

Foto dos voluntarios


A quenda das praias

24 Xuño 2020

 
Unha vez revisada a reaparición de especies exóticas invasoras nos ríos Mandeo, Mendo e rego das Bouzas tras o confinamento, estes últimos días tocoulle ás praias da Alameda e da Abeleira, na desembocadura do Lambre. ¿Os resultados? 194,5 kg de lixo e 116,5 kg de biomasa de invasoras.

Entre tódalas invasoras da praia da Alameda destacaba o eixerón. A maioría aínda non tiña botado flores, pero pronto ía facelo. As plantas arrincadas pesaron un total de 31,5 kg. Pola contra, soamente localizamos dous plumachos pequenos, algo salientable tendo en conta como estaba de inzada esta praia cando empezamos a apadriñala no ano 2011. Por último, desenterramos 60 tubérculos de crocosmia, 7 robinias pequenas, un quilo de margarida africana, medio quilo de xunca olorosa e outro tanto de áster americano. En canto a lixo, pouco, pois tan só pesou 66,5 kg.

Na praia da Abeleira aínda non temos exterminada a tradescantia. Xa que logo, centrámo-lo traballo nos exemplares que estaban recolonizando as zonas onde a elimináramos, chegando a xuntar nesta ocasión 81 kg. Tamén desenterramos 128 tubérculos de crocosmia, ademais de arrincar un quilo de margaridas africanas, un ligustro asiático e unha hortensia. Os refugallos ocupáronnos bastante tempo, pesando un total de 128 kg. Aínda queda moito lixo, oculto na vexetación, pois dende a estrada usaron os cantís desta praia como vertedoiro.

Agora que ven o bo tempo, esperamos poder programar varias xornadas de voluntariado ambiental na Abeleira para remata-la retirada de tradescantia e de lixo.

¡Nunca lles falta traballo ós amantes da natureza!


Revisado o rego das Bouzas

5 Xuño 2020

 
Esta semana dedicámola ó rego das Bouzas, un afluente do Mandeo que desemboca no lugar de Chelo (Coirós).

Aínda que se trata dun pequeno curso de auga situado fóra do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, resulta imprescindible mantelo libre de especies exóticas invasoras, pois as súas enchentes poderían arrastralas ó Mandeo. Por ese motivo, os últimos tres campos de traballo estiveron centrados en libralo das invasoras.

O obxectivo desta semana foi revisa-la recolonización das invasoras nas zonas onde actuaron os voluntarios dos campos. Era unha tarefa urxente, pois o confinamento chegou antes de que abordarámo-lo repaso do primeiro trimestre. Non se trata dun treito longo, pero o seu difícil relevo, a ausencia de carreiros, a exuberante vexetación e a cantidade de invasoras fixeron máis dura esta labor que a efectuada no propio Mandeo.

A especie máis abundante foi a tradescantia, da que retiramos 60,5 kg. Tamén atopamos crocosmia (desenterramos 113 tubérculos), un ligustro asiático, unha cala e unha hortensia.

Igual que nos outros dous ríos, apareceu pouco lixo. Finalmente pesou 11 kg, incluídos os 7 metros de tubaxe de PVC que atopamos.

Agardabamos que o campo de traballo deste ano continuara a eliminación inicial de invasoras rego arriba até a ponte do Vao. Pero, debido á crise sanitaria, resulta pouco probable que se convoque. En todo caso, segue vixente o noso compromiso de manter libre de invasoras as zonas onde teñen actuado.


Recuperando o ritmo

30 Maio 2020

 
Grazas á relaxación do confinamento, esta semana percorremos camiñando 34 km de ribeira dos ríos Mandeo e Mendo na busca de lixo e de especies exóticas invasoras. Preocupábanos o avance destas, tras un período tan longo sen poder controlalas.

Como era de esperar, atopamos pouco lixo. Por unha banda, non houbo enchentes que arrastraran refugallos dende a limpeza que fixemos no primeiro trimestre. Por outra, a ausencia de visitantes evitou o lixo que lamentablemente adoita acompañalos. Aínda así recollemos 7 kg no Mandeo entre O Tope e a ponte de Teixeiro. No Mendo retiramos 6,5 kg entre a ponte das Moas e o de Taibo. Estas cifras contrastan co total de 372 kg recollidos durante o primeiro trimestre ó longo dos mesmos tramos de río.

En canto a invasoras, os resultados no Mendo foron esperanzadores. A biomasa retirada pesou soamente 3 kg, resultante de desenterrar 557 tubérculos de crocosmia. Tamén arrincamos tres acacias negras que medraban no leito do río, dúas robinias e un ligustro asiático. Por último, dedicamos un par de horas a arrincar rebrotes de chopo híbrido que nacían dos restos da corta que fixemos en febreiro.

No Mandeo atopamos máis especies e en máis cantidade. Arrincamos 1.016 tubérculos de crocosmia, 4,5 kg de tradescantia, 3,5 kg de tubérculos de calas, unha hortensia, un ligustro asiático, unha acacia negra e dúas robinias. En total 12 kg, sen conta-lo peso das tres últimas especies.

A gran cantidade de crocosmias que arrincamos no Mandeo ten unha dobre explicación. A meirande parte delas estaba localizada na área recreativa de Chelo. No 2014 empezamos alí a súa eliminación, pois eran tan abundantes que de feito nos tres primeiros anos arrincamos 172.490 tubérculos. Por outra banda, tivemos a sorte de que esta primavera non rozaran a zona por mor do confinamento. Esta é a mellor época do ano para erradicalas, pero en primaveras anteriores era difícil localizalas por ter sido cortadas as súas partes aéreas.

En conxunto, a difícil loita contra as invasoras nos dous ríos está amosando resultados moi positivos, pois a súa presenza nos tramos que percorremos é cada ano máis escasa. Pero aínda nos queda moito traballo noutras zonas, especialmente coa tradescantia no rego das Bouzas e na praia da Abeleira. Na reserva do Catorce temos que revisa-la xunca olorosa e nas praias da Alameda e Grande de Miño diversas especies.

De momento non temos programadas xornadas de voluntariado. Imos esperar a ver como evoluciona a crise sanitaria, pois non queremos que os nosos voluntarios corran ningún risco.


Unha boa noticia para estimular as doazóns

6 Maio 2020

 
Logo da Axencia TributariaO Boletín Oficial do Estado publica hoxe a decisión gobernamental de incrementa-las deducións no IRPF polas doazóns a entidades que, como Fragas do Mandeo, están acollidas ó réxime fiscal de incentivos ó mecenado.

Así, por exemplo, as persoas que nos fagan unha doazón de 100 euros este ano, recuperarán 80 euros mediante un desconto nos impostos que teñan que pagar na declaración da renda que presenten o próximo ano. Ademais, esta mellora aplícase con carácter retroactivo, de maneira que tamén se beneficiarán os que xa teñen feito doazóns no que vai de ano.

Podes atopar tódolos detalles das deducións aplicables a particulares (IRPF) e a empresas (imposto de sociedades) nos artigos 19 e 20 do texto actualizado da Ley 49/2002, de 23 de diciembre, de régimen fiscal de las entidades sin fines lucrativos y de los incentivos fiscales al mecenazgo.

Resumindo: Un bo estímulo para que, beneficiándote destas deducións, poidamos seguir mercando montes de interese ambiental destinados a conserva-la nosa biodiversidade.


Seguimos activos: charla o día 17

2 Maio 2020

 
Cando o 14 de marzo iniciouse o confinamento, o ritmo de traballo que levabamos era notable. O lixo recollido sumaba 2.824 kg, acorde co obxectivo de lograr retirar un total de 10 toneladas no ano 2020. A eliminación de especies exóticas totalizaba 1.049 kg de biomasa, incluíndo tanto invasoras (crocosmia, tradescantia, plumacho, budleia, cala, ligustro asiático e acacia negra) como naturalizadas (palmeira canaria e evónimo xaponés). Soamente de crocosmia tiñamos desenterrados 2.501 tubérculos. Na cifra de biomasa non incluímos os rebrotes de eucalipto que eliminamos no repaso da zona de monte da reserva do Catorce. Tampouco os dezaseis chopos híbridos que cortamos na reserva do Ollo da Roda: dado o seu enorme tamaño tivemos que contratar a profesionais expertos en poda de altura para abatelos sen danar o bosque autóctono.

¿Que fixemos en todo este tempo de encerro? As limitacións impostas non significaron un parón total. Por unha banda estivemos coidando das máis de duascentas árbores (carballos, loureiros e pradairos) que temos pendentes de transplantar ó monte. Igualmente atendemos o viveiro onde botamos máis de 2.500 sementes de estripeiro, abruñeiro e loureiro. Pero sobre todo, aproveitamos para avanzar moito traballo administrativo e de mantemento da web pendentes.

Tamén dedicámonos a coidar da nosa mascota Dona. Rompeu os ligamentos cruzados dunha pata un dos últimos días que estivemos recollendo lixo. Tras operala, houbo que axudala a mante-lo descanso durante o súa longa convalecencia. Aínda que xa pode camiñar de novo, esta lesión significa a súa xubilación, tras acompañarnos nas nosas actividades durante case unha década, pois naceu a véspera da constitución de Fragas do Mandeo.

O certo é que, mentres todos estamos pechados, a natureza está a segui-lo seu curso. En canto poidamos saír ó monte, iremos revisa-la situación das zonas que custodiamos. Preocúpanos o estado das árbores noviñas na parcela da Espenuca, pois este ano aínda non lles limpamos a vexetación arredor delas. Tamén o avance das especies exóticas invasoras, especialmente o caso da tradescantia no rego das Bouzas e na praia da Abeleira. Cando as autoridades sanitarias xa permitan á xente reunirse, retomarémo-la convocatoria de novas xornadas de voluntariado para acomete-los traballos máis urxentes.

Mentres, para comentar en detalle a situación actual e as nosas previsións, aproveitaremos o ofrecemento do Grupo Naturalista Hábitat de usa-la súa plataforma de videoconferencias. Emitiremos en directo o domingo día 17 pola tarde e de maneira que o público poida facernos as preguntas que desexe. Pensando no caso das persoas ocupadas a esa hora, a charla tamén poderá verse en diferido.

Como complemento, días antes da charla vai estrearse a iniciativa O Faiado de Hábitat Protexe. Nesta páxina web os interesados poderán poxar por unha serie de lotes de produtos e de actividades. A poxa rematará cando finalice a charla, momento no que coñeceremos os gañadores. Nesta ocasión os fondos recadados irán destinados integramente ás actuacións de conservación da natureza que realiza Fragas do Mandeo.

Lugar: Acceso á sala de conferencias virtuais do Grupo Naturalista Hábitat a través de Youtube ou a través de Facebook.
Data: Domingo, 17 de maio de 2020.
Hora: 19:00 horas.


Sexto voluntariado na praia da Abeleira

1 Marzo 2020

 
Esta mañá estivemos de novo na praia da Abeleira (Paderne) con integrantes do Proxecto Lewo da Xunta de Galicia. Viñeron para seguir axudándonos na nosa campaña de eliminación das invasoras na desembocadura do río Lambre, dentro do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Nesta sexta xornada, as sete rapazas e os catro rapaces, acompañados de dous monitores de Ribeirán, estiveron focalizados na retirada de tradescantia.

O prognóstico meteorolóxico era bastante malo, pero o tempo foi aguantando sen chover en toda a mañá. A dificultade no traballo veuse incrementada nesta ocasión pola aparición de ortigas, que se sumaron ás abundantes silvas á hora de estorbar.

Aínda así os voluntarios bateron unha marca na cantidade de tradescantia recollida, pois a biomasa retirada pesou 503 kg. Tamén foron recollendo os refugallos que atopaban, entre eles un televisor, pesando o lixo un total de 83 kg.


Xornada de voluntariado o domingo 23

16 Febreiro 2020

 
Hai uns días retiramos máis de media tonelada de lixo na contorna do observatorio ornitolóxico de Souto, na ribeira dereita da ría de Betanzos. Aínda así quedaron moitos refugallos, pois non collían máis no remolque. Por este motivo imos volver o próximo domingo, pois prognostican bo tempo.

Foto dos voluntariosIgual que na ocasión anterior, aproveitaremos que a marea estará baixa para dedicar un pouco de tempo a observa-las numerosas aves acuáticas que utilizan o espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo como lugar de invernada e de paso migratorio, antes de marchar a criar no norte europeo.

Tal como facemos habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Como imos andar pola xunqueira, é necesario levar botas de auga e tamén luvas (mellor as de goma). Ó haber risco de meter accidentalmente un xunco no ollo ó agacharse para recolle-los refugallos, tamén é recomendable levar gafas (de sol, graduadas ou de seguridade). Non te preocupes polas ferramentas, pero non esquezas levar algo de comer e de beber para a pausa de media mañá.

Se queres colaborar na limpeza da ría, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, código postal e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 23 de febreiro de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: ¡Volvemos retirar máis de media tonelada de lixo! En concreto, os quince voluntarios que participamos na xornada apañamos 505,5 kg de refugallos. Con esta limpeza o peso total da basuraleza que levamos retirado neste ano ascende a máis de dúas toneladas: exactamente 2.384,5 kg.

Foto dos voluntariosO máis voluminoso que atopamos foron dúas rodas e un tambor de lavadora. Pero os que deron máis traballo foron os plásticos agrícolas, especialmente as mallas para o cultivo de leguminosas, pois estaban enguedelladas coa vexetación e medio enterradas.

Antes de inicia-la limpeza, o ornitólogo do Grupo Naturalista Hábitat, D. Santiago Vázquez, falounos da variedade de fauna que alberga a ría de Betanzos. Aínda que a néboa dificultaba a observación, foi amosándonos diversas aves que puidemos contemplar coa axuda dos telescopios (tartaraña das xunqueiras, garzota común, ánsar bicocurto, lavanco real, cerceta real, mazarico curlí, bilurico pativerde, bilurico común, bilurico bailón, etc.). Un bo prólogo para animarnos a mellora-lo estado de conservación da marisma.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).