Despois do Mandeo, limpamos o Mendo

24 Xaneiro 2020

 
Se a primeiros de mes fixemos a primeira limpeza anual sistemática do tramo que apadriñamos no río Mandeo, nesta semana tocoulle ó río Mendo, no treito que vai dende a ponte das Moas até a ponte de Taibo.

Dividimos o percorrido circular de 18 km de ribeira en tres etapas, nas que recollemos 60,5 kg de lixo diverso, principalmente pequenos plásticos esnaquizados polas fortes enxurradas que quedaron enganchados na vexetación. Tamén retiramos catro bolsas con cachos de uralita con amianto contaminante ―incívicamente abandonadas a carón do río― que pesaron en total 53 kg.

No tocante a especies exóticas invasoras, eliminamos dous pequenos focos de crocosmia, outro de tradescantia e unha acacia negra. Localizamos outras catro acacias negras no leito do río, pero non puidemos arrincalas debido ó seu tamaño, polo que volveremos coas ferramentas axeitadas para logralo.

As recollidas de lixo periódicas nos ríos son indispensables para reduci-la basuraleza, en beneficio da biodiversidade que albergan e permitindo que poidamos gozar da súa paisaxe sen a interferencia destas mostras da incuria humana.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).